Amelia Valcárcel Bernaldo de Quirós, nada en Madrid o 16 de novembro de 1950, é unha filósofa e escritora española, autora dunha obra ampla e polifacética. Dedicou toda a súa vida á filosofía e ao feminismo. Reivindicou que a teoría feminista debe ocupar un relevante oco na filosofía política, e abordou nos seus escritos temáticas tales como o multiculturalismo, a paridade ou o sexo como construción normativa. Catedrática de Filosofía Moral e Política na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), foi vicepresidenta do Real Padroado do Museo do Prado e vogal do Real Padroado da Biblioteca Nacional e conselleira electiva do Consello de Estado.
Traxectoria
Formación Aos vinte anos ingresou na Universidade de Oviedo coa intención de estudar Filosofía, aínda que a súa primeira opción fora dedicarse á enxeñaría civil. Decidiu trasladarse a Valencia tempo despois para continuar cos seus estudos, alí dedicou a súa formación inicial á filosofía analítica. En 1982, viuse máis interesada polo idealismo alemán, polo que realizou un doutoramento en Filosofía pola Universidade de Oviedo cunha tese acerca da obra de Hegel.
En 1983, participou no proxecto “Metafísica y desarrollo científico cultural” da Universidade de Oviedo, onde estaba exercendo de profesora dende 1977. Nese mesmo ano, Valcárcel formou parte da primeira xunta directiva da Sociedade Asturiana de Filosofía, organizada en Oviedo. Tamén participou noutros proxectos como o de “Proyecto Paridad”, subvencionado polo Instituto da Muller, e interveu no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Neste último destacan as súas obras Sexo y filosofía: Sobre mujer y poder, Leibniz y la Idea de Europa ou La herencia de la ilustración. Ademais, Valcárcel foi directora da revista política de ideoloxía socialista, Leviatán, no ano 1978. En 2002, na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), gañou a súa cátedra de Filosofía Moral e Política.
Cargos Entre os numerosos cargos públicos que desempeñou, destaca o seu posto de Conselleira de Educación, Cultura, Deportes e Xuventude do Principado de Asturias (1993-1995) co entón presidente Antonio Trevín. Ademais, no ano 1999 foi nomeada vogal do Real Padroado do Museo do Prado, e no 2004 vicepresidenta. No 2006, obtivo o cargo de Conselleira do Estado e pertenceu á Comisión de Estudos do Consello de Estado mais en marzo de 2023, deixou de formar parte do Consello do Estado por cuestionar a política do goberno de Pedro Sánchez e a "lei trans", polo que foi cesada despois de case dezasete anos no cargo. Nomeárona tamén presidenta do XIX Congreso Español de Filósofos Juveniles e copresidenta de congresos de Ética e Filosofía Política.
Outras intervencións Presidiu diversas conferencias, como a impartida no ano 1999 na Universidade Carlos III de Madrid, titulada El feminismo en la formación del sujeto moderno. Así como La edad de la vindicación y la esperanza, impartida -tamén en 1999- na Universidade Internacional Menéndez Pelayo (Santander), no marco do curso “Mujeres en la Historia”. Ademais, participou en relatorios como Ética y estética del feminismo en mujeres, desarrollo y culturas, celebrada dentro das actividades constituídas pola Cátedra Unesco, ou La ciudadanía política de las mujeres en el siglo XXI: efectos y retos de la paridad, conferencia organizada en 2005 pola Secretaría Xeral de Igualdade do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.
Participou e colaborou directamente con diversos comités científicos e exerceu un posto de xurado na entrega de certos premios no ámbito da investigación. Foi membro do Comité Asesor de Políticas Sociais do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, do Equipo Intereuropeo de Investigación Mage (Mercado de Trabajo y Género) e da Comisión Económica para América Latina e O Caribe (Cepal) nas Nacións Unidas. Tamén do Centro Nacional de Investigación Científica en Francia e do Comité de Honor do II Sínodo Europeo de Mulleres “Compartir Culturas”. Ademais, foi membro do comité organizador das “Jornadas sobre Mujer y Derecho del Consejo General del Poder Judicial”, e do xurado do Premio Princesa de Asturias.
Pensamento Unha das tarefas principais abordadas por Valcárcel foi analizar en profundidade a condición das mulleres do seu tempo. Realizou un estudo da terceira vaga do feminismo dende unha óptica consciente e crítica coa súa historia. Defende este movemento social como un dos núcleos prioritarios de debate nun contexto democrático, incidindo na necesidade de ter como obxectivo un mundo de seres libres e iguais. Na súa análise rompe, de feito, con toda forma de bio-esencialismo, é dicir, con toda teoría que asuma que hai unha esencia fundamental dos seres humanos que diferencia a muller do home.
Considera que un valor só pode ser valor se o é de todos os seres humanos, sen atender a discriminacións de ningún tipo. A este nivel, o feminismo aparece como a única forma de humanismo posible. Advirte que, cando as mulleres se reivindican a si mesmas como un colectivo diferencial, non existe ningún obxectivo de demostrar unha esencia fundamental que as une a todas á vez que as diferenza dos homes, senón que pretenden realizar unha denuncia da situación de inxustiza social e política que están a vivir. Tamén achegou unha visión crítica de temas amplamente discutidos ao longo da historia do feminismo, como a heterodesignación ou a dicotomía que abren o sexo e o xénero entre o “ser” e o “deber ser”. Todo isto realizando sempre unha vinculación co seu contexto como autora.
Valcárcel defende o sexo como unha construción normativa e reivindica a necesidade de debilitar o peso social e político de tal categoría. Denuncia que, pese a que na teoría apareza a devandita evidencia -é dicir, que o sexo se constrúe- na práctica gran parte das estruturas se sustentan aínda na validez dese concepto que, en realidade, é simbólico. De feito, o sexo está directamente subordinado aos espazos e ás relacións de poder que conforman a estrutura mesma da sociedade. Durante a tarefa de analizar a dimensión política do sexo, considerou interesante o papel que xoga nel a moral. Valcárcel sinala o sexo e o xénero como dous dos espazos nos que con máis frecuencia se esquece a dimensión ética, en tanto que se exerce violencia por elementos da identidade que nin sequera teñen unha realidade obxectiva, senón que funcionan como unha sorte de categorías analíticas, enteiramente construídas.
En canto ás liñas xerais da súa filosofía moral, realiza unha análise das paixóns: a violencia, a envexa, a tentación, a mentira, a obscenidade, o cinismo e a paisaxe moral en que habitamos; é dicir, analiza os temas perigosos da ética, eses que a miúdo se queren evitar, aínda cando resultan fascinantes. Oscila, neste plano, entre temas ancorados á psicoloxía, á socioloxía do coñecemento, á historia das emocións ou á filosofía. En canto á posición moral das persoas no que respecta a problemas como o quecemento global ou as guerras, Valcárcel aposta por unha nova linguaxe da dignidade humana que permitirá poñerse no lugar do outro, sentir compaixón, respectar e ser respectados.
En relación á esfera do político, Valcárcel teoriza especialmente sobre as problemáticas que emanan da era posmoderna. Teoriza sobre o concepto de globalización, para analizar as súas consecuencias, tanto positivas como negativas, para a situación actual das mulleres. Considera que a economía, o tipo de sistema no que operen -democrático ou autoritario- e as concepcións relixiosas do mundo, afectan directamente no seu grao de liberdade a nivel público e individual. Disto séguense varias defensas políticas por parte da autora: a necesidade dunha democratización do mundo, dun axuste da meritocracia en pro de loitar contra a precariedade laboral ou dun aumento da tan necesaria vontade común do feminismo, entre outras. Ademais realiza unha denuncia explícita da pornografía, por educar, entre outras cousas, nunha forma de sexualidade anti-humana e anti-civilizatoria. Algo similar pensa no respectivo á prostitución, afirmando ademais que, no debate en relación a este tema, debe deixar de situarse o foco na propia prostituta para situalo no “putero ”, nos motivos subxacentes ao seu desexo e á súa acción.
Valcárcel é unha firme defensora do multiculturalismo e do humanismo. No respectivo ao primeiro, afirma que “é unha ideoloxía moi aceptada. Vén do eloxio da diferenza. O seu trasfondo é que todos e cada un dos grupos teñen as súas propias características que enriquecen o conxunto. Polo tanto, ningún deles se pode evitar". Porén, non subordina os valores éticos sobre os que se sustenta a sociedade á multiculturalidade. Considera que, aínda que a humanidade é claramente multicultural, non debe ser defendida fronte a calquera valor universal. En canto ao segundo, defende que “o humanismo é algo máis que unha vaga disposición benévola cara aos demais: é o universalismo, fundamento do coñecemento e da ética, que nos acompañou nos últimos tres decisivos séculos”.
En relación ás redes sociais, afirma: “Catívanme. Antes, comprobar unha información custábache dous meses; agora, en cambio, tes información precisa, contrastada e fiable en varias materias con tres clics” ou, por outra banda, defende que temos “un medio que pode dar un impulso brutal ao coñecemento e mais tamén á democratización do saber”. Non obstante, móstrase consciente dos perigos que disto poden emanar: “tamén sabe todo o mundo que es máis difícil manipular xente lida e instruída que xente que non o está”.
Estilo literario Toda a obra de Valcárcel sitúase exclusivamente no ensaio filosófico, especialmente nos campos da filosofía moral e política, predominando un estilo sinxelo e directo. Realizou tamén unha colaboración, con Victoria Camps, presentada en formato epistolar. A pretensión de todas as súas obras é a defensa ou a investigación filosófica.
Influencias Amelia Valcárcel estivo estreitamente influenciada por un número amplo de filósofas e investigadoras, afirmando que a historia do feminismo é unha parte imprescindible para abordar a actualidade política. Alén de autoras clásicas de cuxas obras emerxen os puntos de inflexión no avance feminista, como Simone de Beauvoir, Clara Campoamor, Carole Pateman ou Kate Millet, estivo directamente determinada por figuras coetáneas a ela.
Celia Amorós tivo unha influencia directa en Valcárcel, tanto a nivel vital como no que respecta á súa obra. Coñecéronse xa cando ambas estaban implicadas en temas relacionados co feminismo. Non só compartiron opinións e debates, senón que perseguiron un mesmo obxectivo: recuperar e refacer a historia do feminismo, sempre en pro da súa utilidade. Foi poñendo en común lecturas e interpretacións como foron capaces de ordenar todo o pensamento feminista alleo que tiñan consumido ata o momento. Valcárcel ten afirmado: “teníamos mucha ingerencia de pensamiento de fuera, pero muy mezclado, y había que repensarlo todo. En esta tarea fueron determinantes las recurrentes conversaciones con Celia Amorós, porque dos cabezas piensan más que una, cuatro ojos ven mejor que dos”. Alén disto, ambas son acérrimas defensoras da democracia como garantía mesma dos dereitos fundamentais do ser humano. Amorós defende que só hai feminismo se hai democracia, idea que Valcárcel recolleu en gran parte da súa obra respectiva a temas feministas.