O Hospital Gil Casares, tamén coñecido como Sanatorio Antituberculoso Profesor Gil Casares, Hospital Profesor Gil Casares ou Sanatorio Miguel Gil Casares, bautizado así en lembranza do catedrático de Medicina Miguel Gil Casares«Lamenta que le quitasen el título de profesor al nombre de Gil Casares con que bautizó el sanatorio». La Voz de Galicia, 6-3-2010 ., e anteriormente Sanatorio Antituberculoso de La Choupana, é un centro hospitalario situado no barrio compostelán da Choupana inaugurado en 1938.
Historia Antes da súa construción No mesmo lugar, no século XIX existiu o Hospicio Vello, que contaba cunha cercaEl Diario de Santiago, 2-12-1874, p. 2. que abranguía o actual hospital. A casa e granxa con muíño que o compoñía era coñecida no último terzo do mesmo século como Granxa dos Chouchiños, e figuraba en alugamento en 1876El Diario de Santiago, 22-9-1876, p. 3., cando o seu propietario era Bartolomé Hermida. En 1890 o Concello de Santiago visitou o edificio coa intención de transferirlle o asilo para pobres de Santo Agostiño, pero ameazaba ruína e foi rexeitado, especialmente polas Irmás da Caridade que prestaban o servizoGaceta de Galicia, 31-5-1890, p. 2.. En decembro de 1891 ao carón da derruída cerca, as leiteiras compostelás organizaron unha folga contra a suba dos impostos ao leiteGaceta de Galicia, 15-12-1891, p. 3., e algúns anos despois, en 1896 (cando eran os seus propietarios os fillos do Coronel José Güimil Cadavid, quen puxo a Sebastián Places ao seu coidado), celebrouse unha pequena romaría rexionalista catalá á que asistiron Baldomero Bonet, Eduardo Vassallo, Ramón Oliveras Marangues, Antonio Vila Nadal, Antonia González Sánchez (viúva de Bartolomé), Valentina Bartolomé González, Ricardo L. Corcelet, José Galí Camps e un quinteto de invidentes cataláns en peregrinaciónGaceta de Galicia, 12-8-1896, p. 1.. En agosto de 1899 o Concello de Santiago decidiu que se instalase no terreo un lazareto sucio, é dicir, para poñer en corentena aos animais de procedencia certificada de fora do propio concello (especialmente, aos porcos)Gaceta de Galicia, 24-8-1899, p. 2.Gaceta de Galicia, 3-3-1900, p. 3.. En maio de 1900 púxose á poxa o edificio e parte da propiedade, pertencente nese momento ao industrial e hostaleiro Christian Pfister Gaudenzi, para cubrir unhas débedas que este tiña, sendo taxada a propiedade en 20.676 pesetasGaceta de Galicia, 27-4-1900, p. 3.. O comprador foi, probablemente, Emilio PomboGaceta de Galicia, 13-6-1901, p. 2., aínda que en 1902 xa consta como novo propietario o industrial noiés do curtume José María López ParísEl Eco de Santiago, 21-8-1902, p. 2.. López París fixo pedimento en agosto deste ano ao Gobernador civil da provincia, Felipe Romero Donallo, para que lle recoñecese que o hospicio se encontraba dentro do termo municipal de Santiago, e non do de Conxo.
Con López París a propiedade transformouse nunha fábrica de curtidos (un dos derradeiros curtidoiros composteláns en ser inaugurados), aínda que o edificio seguiu sendo coñecido como Hospicio VelloEl Compostelano, 24-1-1921, p. 3.. Ao longo dos anos a fábrica operou coas vellas técnicas do curtume de peles, sen actualizarse, e viu como ao seu carón, nos seus antigos terreos, medraba o novo hospital. A Fábrica do Hospicio Vello pechou contra o ano 1956, manténdose o vello edificio ata que deron comezo as obras do novo Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela nos anos 90A Compostela industrial. Historia e pegada das fábricas de coiros no concello de Santiago, de Xoán Carmona Badía e María Teresa Fernández Vázquez (Consorcio de Santiago, 2003); p. 179.. Tamén dispuxo dun campo de fútbol entre 1925 e 1932, que usaba o Compostela Foot-ball Club.
Este hospicio deixou a súa pegada no rueiro compostelán nas rúas do Hospicio e dos Chouchiños, nos arredores do actual hospital.
Construción e desenvolvemento O edificio orixinal do Hospital Gil Casares foi proxectado en 1928 como reformatorio de menoresEl Compostelano, 20-12-1928, p. 2., promovido pola Junta de Protección de MenoresArquitectura sanitaria: sanatorios antituberculosos (outubro 2014, Madrid), de Cecilia Ruiloba Quecedo; p. 55., dentro de parte dos terreos da antiga propiedade do Hospicio Vello, pero en 1938, cando xa estaba construído, cambiouse a súa función e foi inaugurado o 7 de xuñoHoja Oficial del Lunes, 6-6-1938, p. 7. co nome de Sanatorio Antituberculoso de La Choupana, sendo o seu primeiro director o cirurxián falanxista Manuel López Sendón, que levaba xa máis dun mes co hospital en funcionamentoEl Progreso, 29-4-1938, p. 2.Hoja Oficial del Lunes, 16-5-1938, p. 5.. Contou nestes primeiros tempos con 110 camas (metade para homes e metade para mulleres), das que 100 ían ser dedicadas a pacientes pobres, estando distribuídas en sas con entre catro e doce camasHoja Oficial del Lunes, 13-6-1938, p. 2.. O equipo conformábano dous médicos (o propio López Sendón e o doutor Galarza), catro enfermeiras, dous practicantes, cinco relixiosas e persoal auxiliar. Contaba con quirófano, cuarto para curas, laboratorio, cuarto de recoñecemento, farmacia e raios X. Tamén contaba con vivendas para as enfermeiras e as relixiosas, capela e despachos para o director, o axudante e o administrador.
Nos seus primeiros anos tratou exclusivamente pacientes con tuberculose. Nos anos 40 o sanatorio pasou a depender do Ministerio de Xustiza de España. Pero, a propósito dun plan de construción dun centro provincial antituberculoso con máis de 400 camas promovido en 1941El Compostelano, 25-4-1941, p. 1. e que non chegou a executarse, pediuse que o sanatorio volvese depender do Patronato Nacional AntituberculosoEl Pueblo Gallego, 4-1-1947, p. 4., cousa que se conseguiu, aínda que o novo sanatorio non chegou nunca a ser construído.
Posteriormente, ampliáronse no hospital as patoloxías tratadas e dedicouse monograficamente a enfermidades do tóraxLa Noche, 18-4-1952, p. 1.. Aproveitouse para ampliar as instalacións do hospital, presentándose en 1953 un proxecto que pretendía pasar de 125 a 300 camas, cun orzamento de máis de 14 millóns de pesetasLa Noche, 6-10-1953, p. 2.. Pero, ao pouco, en 1956, o orzamento reduciuse a pouco máis de 4 millóns de pesetas, o que só permitía engadirlle un á máisLa Noche, 23-11-1955, p. 1.La Noche, 8-6-1956, p. 2.. Deron comezo as obras a mediados deste ano, prolongándose durante cinco anos posto que, finalmente, construíronse dous pavillóns máis e reparáronse outros dous, o que disparou o orzamento aos 12 millóns de pesetasEl Pueblo Gallego, 17-2-1960, p. 9., sendo o arquitecto o Sr. Fraile e o contratista Raymundo Vázquez. Foi neste momento, a principios de 1960, cando se solicitou que o hospital levase o nome do pioneiro da loita contra a tuberculose en Galicia e catedrático de Medicina Interna da Facultade de Medicina da USC, Miguel Gil Casares, falecido en 1931. Reunida a xunta directiva (López Sendón, como Director; Antonio Golpe, como Xefe de Servizo; e Ángel Carretero, como Xefe de Administración) formalizouse a petición, sendo concedida. Finalmente o novo edificio inaugurouse en xuño de 1961El Pueblo Gallego, 7-4-1961, p. 6.. A denominación oficial daquela quedou como Hospital de Enfermedades del Tórax Profesor Gil Casares.
En 1979 xubilouse como director López Sendón e foi substituído no cargo por Antonio Golpe Cobas. Durante os anos seguintes ampliouse considerablemente o edificio. A partir de 1985 produciuse unha reestruturación da Sanidade en España. A Administración Institucional de Sanidad Nacional (AISNA), á que estaba adscrito o hospital, integrouse na Seguridade Social, sendo dependente da mesma.
Coa chegada do autonomismo e a creación do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), produciuse a integración definitiva do Hospital, pasando a depender administrativa e economicamente do mesmo. Actualmente forma parte do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), xunto ao Hospital Clínico Universitario e o Hospital de Conxo.
O 30 de outubro de 1999 faleceu neste hospital o poeta Uxío Novoneyra.
En setembro de 2015 a USC propuxo situar a Facultade de Medicina no Hospital Gil Casares, aproveitando a proximidade do CHUS«La USC propone ubicar la Facultade de Medicina en el Hospital Gil Casares», La Voz de Galicia, 30-9-2015 ..
Notas
Categoría:Hospitais de Galicia Categoría:Arquitectura civil en Santiago de Compostela