John R. Martin, nado o 5 de xaneiro de 1931 en Pittsburgh (Pensilvania) e finado en 1984, foi un bispo ortodoxo dos Estados Unidos. Foi o segundo bispo da diocese ortodoxa rutena de América, baixo xurisdición da Igrexa ortodoxa de Constantinopla.
Traxectoria John R. Martin naceu o 5 de xaneiro de 1931 en Pittsburgh, Pensilvania, fillo de John e Veronica Mihach Martin. Comezou a súa educación en Munhall, e posteriormente estudou nos seminarios St. Fidelis Seminary and College de Herman, e Ss. Cyril and Methodius Byzantine Catholic Seminary de Pittsburgh. Obtivo tamén un grao en Arte pola Universidade Duquesne. Logo de recibir tarefas pastorais en varias parroquias, estudou Filosofía na Universidade Stanford (California). O 29 de maio de 1955, John foi ordenado sacerdote na metrópole católica rutena de Pittsburgh.
Logo de pasar á Igrexa Ortodoxa en 1966, foi elixido bispo o 15 de agosto do mesmo ano, e nomeado bispo coadxutor da diocese rutena de América, co título de bispo titular de Nyssa. Foi consagrado bispo o 6 de outubro de 1966 na Catedral de Cristo Salvador de Johnstown, Pensilvania. O principal consagrante foi o arcebispo Iakovos Koukouzis da arquidiocese ortodoxa grega de América do Norte e do Sur.
Logo da morte do metropolita Orestes Chornock o 17 de febreiro de 1977, Martin foi nomeado bispo da diocese polo Santo Sínodo do Patriarcado Ecuménico.
Durante o seu episcopado, Martin actualizou a estrutura administrativa da diocese. En 1978 mercou un grande terreo en Tuxedo Park (Nova York) no que contruiu un mosteiro diocesano, o Mosteiro da Anunciación.
Logo de exercer como xerarca durante dezaoito anos, Martin finou repentinamente 30 de setembro de 1984, logo dunha celebración en honra dun crego e da súa dona. O seu funeral foi celebrado o 4 de outubro de 1984, na catedral de Cristo Salvador.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Biografía na páxina web da diocese
Categoría:Bispos ortodoxos dos Estados Unidos de América Categoría:Sacerdotes católicos dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en 1931 Categoría:Finados en 1984 Categoría:Nados en Pittsburgh, Pensilvania Categoría:Bispos da Igrexa ortodoxa de Constantinopla Categoría:Alumnos da Universidade Duquesne Categoría:Alumnos da Universidade Stanford