Marcelino Marcos Líndez, nado en Oviedo o 18 de abril de 1968, é un político asturiano da Federación Socialista Asturiana que foi alcalde de Tinéu entre 2003 e 2012, deputado na Xunta Xeral do Principado de Asturias dende 2012 e o seu presidente entre 2019 e 2023. Dende agosto de 2023 é o conselleiro de Medio Rural e Política Agraria do Principado de Asturias. Traxectoria Marcos estudou ciencias empresariais na Universidade de Oviedo e é empregado do Ente Público de Servizos Tributarios do Principado de Asturias. Actividade política Afiliouse ao Partido Socialista Obreiro Español en 1992 e entre 2000 e 2008 formou parte, como vogal, da Comisión Executiva Rexional da FSA-PSOE. Alcalde de Tinéu No ano 2003 encabezou a candidatura socialista nas eleccións municipais en Tinéu que logrou seis concelleiros, a segunda formación tras o PP que obtivo sete. Logo dun acordo do PSOE co partido local Unión Campesina de Tineo, Marcos fíxose coa alcaldía. Dous anos despois, en 2005 asumiu tamén a posición de secretario xeral da Agrupación Socialista do seu concello.

Volveu encabezar a candidatura da súa formación nas eleccións de 2007 e conseguiu o 57,1 % dos votos e once concelleiros, dous por riba da maioría absoluta. De novo en maio de 2011 liderou a lista do seu partido e aumentou a súa maioría absoluta ao lograr o 62,71% dos votos e 12 concelleiros. Durante a súa etapa como alcalde promoveu diversas actuacións de mellora urbana e de equipamentos municipais. Entre elas a construción dun complexo deportivo con tres piscinas, unha delas semiolímpica , a urbanización de espazos públicos, como a praza do Concello e a de Las Campas coa construción dun aparcadoiro subterráneo e a mellora de accesos a núcleos rurais. Deputado da Xunta Xeral Tras presentar o presidente Francisco Álvarez-Cascos os orzamentos e a Xunta Xeral rexeitalos convocáronse eleccións autonómicas anticipadas para o 25 de marzo de 2012. Marcos ocupou o segundo posto da candidatura socialista pola circunscrición occidental e a súa formación logrou tres escanos, o que lle permitiu lograr a acta de deputado e o 2 de xuño deixa a alcaldía a favor do ata entón primeiro tenente de alcalde José Ramón Feito. Nesa lexislatura exerceu como voceiro adxunto do Grupo Parlamentario Socialista e centrou parte da súa actividade no desenvolvemento rural. Tamén presidiu a Comisión de Economía e Emprego e formou parte do Consello Rexional de Desenvolvemento Agroalimentario

Nas eleccións de 2015 mantivo o seu posto na candidatura socialista e de novo logrou a acta de deputado. En xuño de 2017 tras o nomeamento de Fernando Lastra como conselleiro de Infraestruturas converteuse no voceiro do grupo parlamentario socialista na Xunta Xeral .

Presidente da Xunta Xeral Nas eleccións autonómicas de maio de 2019 encabezou a candidatura socialista pola circunscrición occidental, que logrou o 41,46 % dos votos e catro dos seis escanos en xogo. Elixido o 24 de xuño de 2019 presidente da Xunta Xeral do Principado de Asturias con 26 votos, contou co apoio do seu propio partido, Podemos e Izquierda Xunida.

Como presidente tivo un papel destacado no uso das linguas propias de Asturias na actividade parlamentaria. En xullo de 2020 ante a protesta dun deputado de Vox por unha intervención en galego de Asturias, Marcos considerou que o discurso resultaba comprensible para o conxunto da Cámara e indicou que de non se entenderen algunhas palabras podían aclararse posteriormente. En maio de 2021 a Mesa da Xunta Xeral aprobou, por iniciativa da Presidencia, un acordo sobre o uso do asturiano nas intervencións parlamentarias. O acordo procuraba evitar interrupcións e establecía que as persoas que tivesen dificultades para comprender unha intervención en asturiano deberían comunicalo despois da intervención.

Conselleiro de Medio Rural e Política Agraria miniatura|Marcelino Marcos Línez como conselleiro de Medio Rural e Política Agraria co resto de conselleiros e Adrián Barbón no Consello de Goberno do 1 de agosto de 2023 Tras as eleccións autonómicas de maio de 2023, Marcos continuou como deputado, pero non foi candidato a presidier a Xunta Xeral que recaeu no seu compañeiro de partido Juan Cofiño González. O presidente do Principado, Adrián Barbón, nomeouno conselleiro de Medio Rural e Política Agraria no seu segundo goberno. En 2025 presentou unhas contas que segundo afirmou reforzaban o apoio á gandería familiar extensiva, con fondos da PAC e axudas para as zonas con limitacións naturais. En febreiro de 2026 participou na elaboración do Pacto polo Medio Rural de Asturias, unha folla de ruta, pioneira en España, con máis de 120 medidas para o sector primario, a agroindustria, a actividade forestal, a pesca e os servizos públicos. O documento situou entre os seus obxectivos consolidar a actividade agraria e gandeira e combater o despoboamento rural.

No ámbito da xestión da fauna, defendeu unha posición baseada no equilibrio entre a conservación do lobo e a continuidade da actividade gandeira. En xuño de 2026 o goberno asturiano modificou o seu plan de xestión do lobo para adaptar os controis poboacionais á xurisprudencia do Tribunal Supremo.

Notas

Categoría:nados en 1968 Categoría:Nados en Oviedo Categoría:Deputados da Xunta Xeral do Principado de Asturias Categoría:Conselleiros do Principado de Asturias Categoría:Alcaldes de Asturias Categoría:Políticos do PSOE