Juan Camilo Hernández Suárez, máis coñecido como Cucho Hernández ou simplemente Cucho, nado en Pereira o 20 de abril de 1999, é un futbolista colombiano que xoga como dianteiro ou extremo no Betis, da Primeira División. É internacional coa selección de Colombia.

Traxectoria

Comezos Nado en Pereira, xogou máis dunha década na canteira do Indubolsas e formou parte do equipo de Risaralda que gañou a Copa da Cidade de Pereira en 2014. En 2015 ingresou no equipo xuvenil do Deportivo Pereira. Debutou co primeiro equipo con 15 anos, o 6 de abril de 2015, nunha vitoria por 2-1 contra Deportes Quindío correspondente ao campionato da Categoría Primeira B.

Cinco meses despois marcou o seu primeiro gol, nunha vitoria por 3-2 sobre o Real Santander. Foi nomeado capitán do equipo ao ano seguinte, con só 17 anos de idade. Rematou con 20 goles a tempada regular, sendo o máximo goleador do torneo; a pesar de xogar máis como centrocampista ofensivo que como dianteiro centro.

Granada e cesión a América de Cali En setembro de 2016 foi adquirido polo Granada, club que dous meses despois o cedeu ao América de Cali. Debutou na Categoría Primeira A o 23 de febreiro de 2017 contra o Jaguares de Córdoba.

Marcou o seu primeiro gol na máxima categoría do fútbol colombiano o 3 de xuño de 2017, facendo o único gol do partido nunha vitoria fóra da casa contra o Deportivo Pasto.

Watford Despois de que o Granada fose vendido a Jiang Lizhang, o antigo propietario do club andaluz, Gino Pozzo cedeu os dereitos federativos do Cucho ao Watford para a tempada 2017/18.

Cesións a Huesca, Mallorca e Getafe En xullo de 2017 foi cedido ao Huesca, da Segunda División. Durante a tempada 2017/18 marcou 16 goles e foi nomeado xogador do mes en novembro, contribuíndo ao ascenso do seu equipo á Primeira División.O 4 de xuño de 2018 a súa cesión foi ampliada por unha tempada máis, debutando na máxima categoría o 19 de agosto nunha vitoria por 1-2 contra o Eibar.

Marcou o seu primeiro gol na máxima categoría do fútbol español o 2 de setembro de 2018, nunha derrota por 8-2 contra o FC Barcelona. Rematou a tempada 2018/19, sen poder evitar o descenso do seu equipo.

No verán de 2019 asinou un novo contrato co Watford e foi cedido ao Mallorca para a tempada 2019/20. Disputou un total de 24 encontros co club balear, marcando 5 goles, pero sufriu o seu segundo descenso consecutivo.

Na campaña 2020/21 xogou cedido no Getafe. O 28 de decembro de 2020 foi sancionado con catro partidos de suspensión por unhas declaracións sobre a arbitraxe efectuadas tras un partido contra o Granada. Perdeu ademais dous meses de competición debido á fractura dun metatarsiano durante o partido contra o Atlético de Madrid o 13 de marzo de 2021.

Regreso ao Watford O 14 de agosto de 2021 debutou co Watford, marcando o seu primeiro gol no partido inaugural da Premier League contra o Aston Villa. Ao final da tempada, o Watford acabou descendendo.

Columbus Crew En xuño de 2022 foi traspasado ao Columbus Crew, da Major League Soccer por uns 10 millóns de dólares, converténdose na fichaxe máis cara da historia do club. Debutou o 9 de xullo de 2022, saíndo dende o banco de suplentes e marcando o gol da vitoria contra o Chicago Fire. Marcou dous goles no seguinte partido, un empate a 2 contra o DC United, de novo saíndo dende banco, antes de ser titular por primeira vez na MLS contra o FC Cincinnati. Neste encontro anotou no minuto 16 e converteuse así no primeiro xogador da historia da MLS en marcar os seus primeiros catro goles en menos de 90 minutos de xogo. Rematou a súa primeira tempada na MLS con nove goles en 16 partidos.

Na tempada 2023 sumou un total de 24 goles en 37 partidos (incluíndo dous tripletes), foi elixido mellor xogador do equipo na campaña e foi incluído no once ideal da liga. O seu equipo gañou a final da Conferencia Leste e proclamouse campión da Copa MLS tras derrotar na final absoluta ao Los Angeles FC. Marcou un dos goles da final, da que foi elixido mellor xogador, e foi o máximo anotador dos playoffs (empatado a cinco goles con Denis Bouanga).

Na campaña 2024 fixo un total de 25 goles e proclamouse campión da Leagues Cup, anotando dous goles na final e sendo escollido mellor xogador do torneo.

Real Betis O 3 de febreiro de 2025 fichou polo Real Betis, regresando así á Primeira división española. Durante a tempada 2025/26 marcou 11 goles en liga e 15 entre todas as competicións, rematando como o máximo goleador do Betis, que se clasificou para a Liga de Campións da UEFA por primeira vez en vinte anos tras rematar quinto na liga.

Selección colombiana Despois de ser internacional en categorías inferiores, recibiu a súa primeira convocatoria coa selección colombiana absoluta en 2018 e debutou o 17 de outubro substituíndo a Carlos Bacca e marcando dous goles nun amigable contra Costa Rica no Red Bull Arena de Harrison, Nova Jersey.

En maio de 2026 foi incluído na convocatoria de 26 xogadores de Néstor Lorenzo para o Mundial de 2026. Debutou na Copa do Mundo contra Uzbekistán, sendo substituído por Luis Suárez no minuto 80.

Vida persoal Recibiu o alcume de "Cucho" sendo moi novo, cando o seu pai lle rapou a cabeza, o que o fixo parecerse a Esteban "Cuchu" Cambiasso, un destacado futbolista arxentino da época.

Notas

Categoría:Nados en 1999 Categoría:Nados en Colombia Categoría:Futbolistas de Colombia Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Real Betis Balompié Categoría:Xogadores do Columbus Crew Categoría:Xogadores do Getafe CF Categoría:Xogadores do RCD Mallorca Categoría:Xogadores do SD Huesca Categoría:Xogadores do Watford FC Categoría:Xogadores do América de Cali Categoría:Xogadores do Deportivo Pereira Categoría:Xogadores da Major League Soccer Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 2026 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Colombia