A tempada 1911/12 foi a sexta tempada de existencia do Deportivo da Coruña. Durante esta campaña, o club competiu no Concurso España, proclamándose campión ao derrotar ao Vigo FC. Máis de 110 anos despois, en marzo de 2023, a Real Federación Española de Fútbol recoñeceu a oficialidade do torneo, sendo así considerado o primeiro título na historia do Deportivo.

Resumo da tempada O 24 de setembro de 1911 a directiva do Deportivo reuniuse nunha xunta xeral extraordinaria, na que se aprobou o cambio de nome proposto por Federico Fernández-Amor Calvet. Así, o club eliminou da súa denominación a referencia á Sala Calvet e incorporou o nome da Coruña. O club non disputou o seu primeiro partido da tempada ata o 3 de marzo de 1912, case sete meses despois do seu último encontro, e fíxoo cunha vitoria por 5-0 sobre o Everton coruñés en Riazor.

O último día do mes derrotou na Coruña ao Compostela, con dúas incorporacións procedentes do seu máximo rival, o Real Club Coruña: o vigués Quincho Yarza e o coruñés José de Llano, que regresou ao Deportivo un ano despois da súa saída. Nos seguintes dous meses disputou amigables contra o Victoria de Ferrol e contra unha selección dos clubs coruñeses Galicia, Machaquito e Celita. O 6 de xuño deu inicio unha serie de tres partidos amigables contra o Internacional de Lisboa, o primeiro rival portugués da historia do club. O balance final do triplo enfrontamento, que tivo lugar en Riazor, foi dunha vitoria, un empate e unha derrota para cada equipo.

Xa en agosto, pisou Riazor o Racing Club de Irún, reforzado con xogadores do Athletic Club e do FC Barcelona, para xogar dous partidos contra o Deportivo. O equipo vasco, un dos rivais máis fortes aos que se tiña enfrontado ata entón o Deportivo, demostrou a súa superioridade cun resultado global de 7-0, a pesar de que no primeiro partido só se disputou a primeira parte por mor da intensa choiva caída na Coruña.

O 7 de setembro de 1912, o Deportivo e o Vigo FC disputaron en Riazor a final da Copa España. O partido suspendeuse a falta de cinco minutos para o remate, por mor de falta de luz, cando o Deportivo vencía por 4-3, grazas a dous goles de Virgilio, un de Barreiro e outro de Parra. Ambos clubs acordaron xogar o que restaba de partido ao día seguinte. Nese encontro produciuse a primeira morte rexistrada nun partido de fútbol en España, cando o seareiro Ricardo Cadaveira Sánchez recibiu o impacto dunha pedra lanzada polo mariñeiro David Rodríguez Neira. Foi atendido no propio campo polo doutor Manuel Barbeito, pero acabou falecendo.

O partido continuouse ao día seguinte, xogándose os cinco minutos restantes sen moverse o marcador, polo que o club coruñés logrou o primeiro título da súa historia. A continuación ambos clubs xogaron un encontro amigable no que a vitoria foi para o equipo vigués por 2-3. Máis de 110 anos despois, en marzo de 2023, a Real Federación Española de Fútbol recoñeceu a oficialidade da Copa España.

En outubro, o Deportivo xogou un partido contra o María Pita (reforzado con catro xogadores do Real Club Coruña), correspondente á eliminatoria previa ao Campionato do Noroeste de España organizado en Lugo con motivo das festas de San Froilán e cuxa final estaba programada para dous días despois. O Deportivo venceu por 2-0 e viaxou a Lugo para disputar a final, pero o seu rival, o Vigo FC, non se presentou, polo que o club coruñés foi proclamado campión. Ese mesmo día xogou o seu último partido da tempada, un improvisado encontro ante xogadores lucenses que rematou cunha ampla goleada coruñesa por 0-11.

Persoal Xogadores +PosNacNomePORRogelio RamosPORCharryDEFManuel FernándezDEFAncosMEDManuel ÁlvarezMEDAntonio PortelaMEDJosé de LlanoMEDRosendo SilvaMEDRamón PortelaMEDRamón Blanco-RajoyDIAVirgilioDIAMachoDIAYarzaDIAParraDIABarreiroDIAAntonio Catoira

Xunta directiva +CargoNomePresidente José Longueira DíazVicepresidente Sixto PedregalContador Virgilio RodríguezSecretario Salvador Fojón Partidos

Amigables

Copa España

Copa Noroeste de España

Notas

Véxase tamén Bibliografía

1911 Categoría:Fútbol en 1911 Categoría:Fútbol en 1912