Juana Concepción Francés, coñecida como Juana Francés, nada en Alacant o 31 de xullo de 1924 e finada en Madrid o 9 de marzo de 1990 foi unha pintora española. Acadou fama internacional e as súas obras foron expostas en Londres, Venecia e Nova York como unha das artistas españolas de vangarda máis importantes do século XX.

Foi cofundadora do Grupo El Paso (1957) e participou da configuración e definición da vangarda española de posguerra. As súas obras destacan dentro da corrente informalista cunha pintura matérica moi radical e expresiva, aínda que nunca deixou de explorar outros camiños pictóricos de expresión adiantándose á nova figuración con obras impregnadas de crítica social.

Traxectoria Juana Francés iniciou os seus estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid e viaxou máis tarde a París cunha bolsa do goberno francés onde terminou a súa formación. Nos anos 1954, 1960 e 1964 representou a España na Bienal de Venecia. En 1956 coñeceu ao escultor Pablo Serrano co que máis tarde contraxo matrimonio. En 1957 fundou xunto a Pablo Serrano, Antonio Saura e Manolo Millares, entre outros, o Grupo El Paso, sendo a única muller do colectivo e polo tanto un caso paradigmático na arte contemporánea español de vangarda dominada case en exclusiva por homes. En 1960 formou parte da exposición Before Picasso, after Miró no Solomon R. Guggenheim Museum de Nova York; en 1961 no Palais de Beaux-Arts de Bruxelas, e en 1962 na Tate Gallery de Londres na exposición titulada Modern Spanish Painting. Estes datos evidencian que foi practicamente a única artista española que expuxo no estranxeiro nese período.

Navega indistintamente entre a abstracción e a figuración, entendéndose ámbolos dous conceptos non de maneira antitética senón complementaria, e como opcións diferenciadas de formulacións que teñen moito en común. Pois «a abstracción e a figuración, en si mesmas non comportan unha tendencia, unha idea, nin unha actitude, senón un medio, un vehículo, e unha forma de desenvolver unha tendencia». Así que en cada etapa, achegaríase á linguaxe que máis lle satisfixese para materializar os seus intereses e ideas.

A obra de Juana Francés é sempre moi persoal e reconocible. Nalgúns períodos creativos, as súas obras revela unha postura crítica que arremete de maneira simbólica contra certos aspectos do sistema social imperante. A primeira etapa entre 1950 e 1953 caracterízase pola presenza dunha figuración hierática xeometrizante, con temas de corte moi tradicional. Posteriormente, en 1956 comezou experimentar coa abstracción. En 1957 tras a fundación de El Paso, comezou unha etapa adscrita ao informalismo matérico.

Nos primeiros sesenta, insinúase na súa obra unha paulatina volta á figuración que desemboca máis adiante na serie O home e a cidade, momento de crítica, e pesimismo existencial na que utiliza obxectos relacionados cunha determinada visión do home como suxeito escravizado envolto no falso progreso deshumanizador. Esta visión evoluciona posteriormente na serie Torres-Participación e máis tarde na serie Estruturas, até 1979. A partir da década dos oitenta retornou a unha abstracción de gran lirismo, plena de cor e vitalidade, con referencias a paisaxes, fondos submarinos, cometas, etc. Un aspecto relevante a destacar nesta traxectoria son os períodos de transición entre unha etapa e outra que denotan rastreos, toma de decisións e que anuncian os cambios que despois se desenvolverán en diferentes series.

A súa obra expúxose polos museos máis importantes de América e Europa como o Museo de Arte Moderna da Vila de París, a Fundación Calouste Gulbenkian de Lisboa, a Brown University de Providence, Rhode Island, a Tate Gallery de Londres ou o Museo Guggenheim de Nova York. A colección de Amos Cahan posúe no seu catálogo unha das súas obras.

A colección Juana Francés do IAACC Pablo Serrano conta con máis de 150 obras entre pintura, debuxo, obra gráfica e escultura. A partir de 2023, a cuarta planta de devandito museo albergará unha colección permanente da artista en sinal de recoñecemento.

Á súa morte, quixo que o volume total da súa obra fose conservado en coleccións públicas das catro cidades españolas coas que tivera algún vínculo emocional: IAACC, Museo Pablo Serrano de Zaragoza, MACA (Museo de Arte Contemporánea de Alacant), IVAM (Instituto Valenciano de Arte Moderna) e o Museo Nacional Centro de Arte Raíña Sofía de Madrid.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas La artista alicantina Juana Francés: estudio crítico de su obra Tesis doctoral, 2010. Natalia Molinos. Universidad de Alicante. Juana Francés - Pablo Serrano. La relación de dos artistas de El Paso. Aacadigital Catálogo de la exposición "Juana Francés. La colección" del IAACC Pablo Serrano Sobre la obra de Juana Francés. Museo de Arte Contemporáneo de Alicante Biografía de Juana Francés. Artespain 

Categoría:Nados en 1924 Categoría:Nados en Alacant Categoría:Finados en 1990 Categoría:Pintores de España Categoría:Pintores do século XX