Laure Elisabeth Wyss, nada en Biena o 20 de xuño de 1913 e finada en Zúric o 21 de agosto de 2002, foi unha escritora suíza e pioneira nos medios de comunicación. Ademais, acompañou a emancipación da muller en Suíza e deulles voz ás mulleres escritoras e xornalistas. Traxectoria Laure (pronunciado: /loʁ/) Wyss naceu en 1913 en Biena (en alemán Biel). Era a filla máis nova de Anna-Bertha Wyss-Uhlmann, que era ama de casa, e de Werner Wyss, notario, concelleiro e conselleiro cantonal do Partido Radical Democrático Suízo (PRD). A súa irmá, Hilde Wyss, era dous anos máis vella ca ela. A súa avoa paterna era filla dun viticultor de Twann (cidade sita no cantón de Berna), e o seu avó paterno, Jakob Wyss, foi o fundador e director do Instituto Biel-Seeland. A súa avoa materna rexentaba unha tenda na que vendía utensilios de costura, xéneros de punto e produtos coloniais, como café, e o seu avó materno representaba a aseguradora suíza die Mobiliar. miniatura miniatura

Formación Wyss criouse ata 1926 na cidade de Biena e, nese mesmo ano, mudouse coa súa familia a unha casa unifamiliar en Evilard —municipio suízo do cantón de Berna, situada ao norte de Biena—, unha aldea agrícola e turística. Dende 1926 ata 1932, Wyss estudou no Instituto Biel-Seeland, que anteriormente dirixira o seu avó. Despois de superar a proba de acceso á universidade, marchou a París para buscar traballo de au pair.

En outubro de 1932 matriculouse na Facultade de Letras da Universidade de París, onde asistiu a clases de Literatura francesa e Arte contemporánea. Despois da súa estadía en París, no verán de 1933, realizou unhas prácticas durante seis meses na notaría do seu pai, que quería que a súa filla estudase Ciencias Xurídicas. Nese outono, Wyss matriculouse na Universidade de Zúric para estudar Alemán e Francés e diplomouse como profesora de secundaria, especializada nestas materias. No semestre de inverno do curso académico 1934-35 asistiu a clases de Filosofía na Friedrich-Wilhelms-Universität (actual Universidade Humboldt de Berlín). Durante esta etapa, namorouse do irmán dunha amiga súa da universidade, Ernst Zietzschmann, que iniciara os seus estudos de Arquitectura en Alemaña e, posteriormente, concluíunos en Zúric. En 1936, Zietzschmann marchou a Estocolmo para vivir e traballar alí e, en 1937, casou con Wyss.

Anos de guerra en Estocolmo e Davos Entre os anos 1937 e 1942, Wyss viviu co seu marido en Estocolmo. Naquel entón, era ama de casa mentres aprendía linguas nórdicas, coma o sueco, o danés ou o noruegués. Durante a súa estadía nesta cidade, trabou unha profunda amizade co sociólogo conservador liberal Berthold Josephy, que fuxira de Alemaña por ser xudeu. Este afanouse na escritura dos seus libros, que trataban, maioritariamente, os temas do liberalismo e do socialismo.

Por aquel entón, Arthur Frey dirixía o Schweizerische Evangelische Pressedienst (servizo de prensa protestante suízo) e a Evangelischer Verlag (editorial protestante) de Zollikon, cidade e comuna suíza do cantón de Zúric. Frey encargoulle a Wyss que traducise algúns documentos suecos, noruegueses e daneses da resistencia das igrexas escandinavas que estaban en contra da ocupación alemá. Deste xeito, volcou ao alemán escritos de Eivind Berggrav, bispo de Oslo, que foi unha forza motriz na Bekennende Kirche (Igrexa Confesante) de Noruega. Tamén traduciu sermóns do pastor danés Kaj Munk, que foi asasinado por quen defendía o nacionalsocialismo. As traducións de Wyssforon publicadas na editorial protestante suíza. En 1942, volveu xunto co seu marido a Suíza e trasladáronse a Davos.

Vida profesional en Suíza Tras oito anos de matrimonio con Zietzschmann, Wyss divorciouse del unhas semanas antes de finalizar a guerra en 1945, mesmo ano no que se trasladou a Zúric, onde comezou a traballar como xornalista independente. En 1949 naceu o seu fillo Nikolaus Wyss e foi nai en solitario e traballadora. Wyss aceptou un traballo fixo como redactora para ter un soldo estábel e, tras xubilarse en 1975, seguiu exercendo como xornalista independente e reporteira xudicial. Escribiu as súas obras literarias a unha idade xa avanzada.

Viviu en Zúric e en Charente-Maritime, na costa atlántica francesa. Tivo unha relación moi estreita co publicista e xermanista suízo Karl Schmid. Laure Wyss faleceu en Zúric o 21 de agosto de 2002 con 89 anos e foi enterrada no cemiterio de Rehalp, en Zúric. O seu legado consérvase nos Arquivos Literarios Suízos de Berna.

Xornalista En 1942, Wyss coñeceu o editor e director da revista Davoser Revue, Jules Fredmann, quen a iniciou no oficio do periodismo. O primeiro artigo de Wyss nesta revista foi unha recensión do supervendas sueco Britta Bölja, de Tora Feuk que se publicou en decembro de 1943.

Tras o fin da guerra, entre os anos 1946 e 1948, traballou como redactora para o Servizo de Prensa Protestante Suízo (Schweizerischer Evangelischer Pressedienst). Viaxou pola Polonia devastada pola guerra e escribiu artigos e reportaxes sobre os proxectos de axuda que se levaban a cabo no país. A partir de 1949, traballou como xornalista independente, e, dende 1950 ata 1962, dirixiu a redacción dun suplemento feminino, un proxecto conxunto dos xornais Luzerner Tagblatt, Aargauer Zeitung, Zürichsee-Zeitung, Schaffhauser Nachrichten e Glarner Nachrichten. O suplemento aparecía semanalmente e constaba de catro páxinas dedicadas á moda, receitas de cociña e artigos sobre estilo de vida. No ámbito editorial, avogou pola autodeterminación e a actividade profesional das mulleres. miniatura| A partir de 1958, Wyss participou activamente nos primeiros días da televisión suíza onde desenvolveu novos formatos. Deseñou e presentou o novo programa dirixido ás mulleres Magazin für die Frau (revista para as mulleres) e tamén dirixiu o primeiro programa de debate televisivo do país, Unter uns, dende 1962 ata 1968.

En 1963 o Tages-Anzeiger lanzou a edición de fin de semana TA 7. Wyss tamén estivo ao fronte do Extrablatt der Jugend, que aparecía tódolos mércores como suplemento do Tages-Anzeiger. Dende 1970 ata 1975,estivo ao fronte do novo Tages-Anzeiger Magazin (hoxe Das Magazin) que desenvolveu xunto con Peter Frey e Hugo Leber. O primeiro número, que apareceu en febreiro de 1970, levaba o título provocador Make war not love – Frauen gegen Männer (Fai a guerra non o amor. Mulleres contra homes) e causou axitación que mesmo traspasou as fronteiras suízas.

Foi a primeira revista de fin de semana a catro cores dun diario no mundo de fala alemá. A Tages-Anzeiger Magazin caracterizábase por un xornalismo literario ilustrado e unha maquetaxe moderna. Wyss avogaba por un xornalismo reivindicativo. Cos seus editoriais e artigos críticos, converteuse na voz do movemento feminista. Apoiou a xornalistas novas como Niklaus Meienberg, Hugo Loetscher, Jürg Federspiel e Isolde Schaad.

Escritora

O primeiro libro de Wyss publicouse en 1976 co título Frauen erzählen ihr Leben. 14 Protokolle, que contén retratos de 14 mulleres suízas. As súas transcricións de entrevistas foron representativas da corrente de literatura documental da década de 1970. Tamén Erika Runge na Alemaña Occidental, e Maxie Wander e Sarah Kirsch na Alemaña Oriental, publicaron obras deste tipo.

En 1978, Wyss publicou a súa principal obra, Mutters Geburtstag, na que reflexiona sobre a súa vida como nai en solitario e traballadora.

Das rote Haus publicouse en 1982 e foi a súa única novela. Nesta obra, unha nai en solitario, unha xornalista e unha ama de casa que tamén é nai reflexionan sobre o sentido da vida. Tamén aquí, coma en Mutters Geburtstag, poden atoparse paralelismos coa vida de Wyss.

Publicou relatos, unha antoloxía xornalística e poemas. A editorial Limmat publicou postumamente o volume Wahrnehmungen cos seus últimos relatos.

Recoñecementos Tras o seu pasamento, Laure Wyss recibiu homenaxes sobre todo por antigas colegas, escritoras e estudosas da literatura.

No ano 2002, o escritor e profesor suízo Adolf Muschg comentou no semanario Die Wochenzeitung:

En 2002, a xornalista e crítica literaria Beatrice von Matt escribiu no Neue Zürcher Zeitung:

Tamén a escritora e xornalista suíza Isolde Schaad, que fora patrocinada por Wyss, escribiu en 2002:

Mencións na prensa

En 2019 nomeouse unha praza na cidade de Biena co nome de Esplanade Laure Wyss na súa honra.

Premios e distincións miniatura|Placa conmemorativa na honra de Laure Wyss na rúa Winkelwiese, 6 (Zúric) 1973: Förderungspreis der Stadt Zürich (Premio de promoción outorgado pola cidade de Zúric) 1974: Ehrengabe des Kantons Zürich (Distinción honorífica do cantón de Zúric) 1978: Ehrengabe der Stadt Zürich (Distinción honorífica da cidade de Zúric) 1982: Schillerpreis der Zürcher Kantonalbank (Premio Schiller do Banco Cantonal de Zúric) pola obra Ein schwebendes Verfahren 1993: Werkjahr der Max-Frisch-Stiftung (Bolsa de traballo Fundación Max Frisch) 1994: Ehrengabe der Stadt Zürich (Distinción honorífica da cidade de Zúric) 1997: Ehrengabe des Kantons Zürich (Distinción honorífica do cantón de Zúric) 1998: Gesamtwerkspreis der Schweizerischen Schillerstiftung (Premio á obra completa da Fundación Schiller de Suíza) 1998: Grosser Literaturpreis des Kantons Bern (Gran premio de literatura do cantón de Berna) 2000: Goldene Ehrenmedaille des Regierungsrates des Kantons Zürich (Medalla de ouro de honor do Consello de Goberno do cantón de Zúric) 2001: Werkbeitrag des Kantons Zürich (Premio de traballo do cantón de Zúric) 2003: Durante o festival de primavera Sechseläuten (Zúric), a Gesellschaft zu Fraumünster (Sociedade Fraumünster) honra a Laure Wyss. Ademais, coloca unha placa conmemorativa na rúa Winkelwiese, 6.

Obra1 Autoría

Non ficción Frauen erzählen ihr Leben. 14 Protokolle (1976). Epílogo de Lilian Uchtenhagen. Huber Frauenfeld. ISBN 3-7193-0535-X. En tapa branda: (1981). An einem Ort muß man anfangen. Frauen-Protokolle aus der Schweiz. Darmstadt: Luchterhand (SL 355). ISBN 3-472-61355-6. Mutters Geburtstag. Notizen zu einer Reise und Nachdenken über A. Ein Bericht (1978). Huber Frauenfeld. ISBN 3-85791-454-8. En tapa branda: (1981). Darmstadt: Luchterhand (SL 340). Nova edición: (1990). Zúric: Limmat. ISBN 3-85791-267-7. Ein schwebendes Verfahren. Mutmaßungen über die Hintergründe einer Familientragödie. Eine Dokumentation (1981). Múnic: Kindler. En tapa branda: (1983). Frankfurt do Meno: Fischer (fibü 3526). ISBN 3-596-23526-X. Was wir nicht sehen wollen, sehen wir nicht. Journalistische Texte (1987). Publicado por Elisabeth Fröhlich. Zúric: Limmat. ISBN 3-85791-131-X. Briefe nach Feuerland. Wahrnehmungen zur Schweiz in Europa (1997). Zúric: Limmat. ISBN 3-85791-288-X. Protokoll einer Stunde über das Alter. Moritz Leuenberger im Gespräch mit Laure Wyss (2002). Zúric: Limmat. ISBN 3-85791-377-0.

Ficción Das rote Haus. Roman (1982). Huber Frauenfeld. Nova edición: (1992). Zúric: Limmat. ISBN 3-85791-193-X. Tag der Verlorenheit. Erzählungen (1984). Huber Frauenfeld Liebe Livia. Veras Tagebuch von Januar bis Dezember (1985). Zúric: Limmat. Das blaue Kleid und andere Geschichten (1989). Zúric: Limmat. ISBN 3-85791-154-9. Weggehen ehe das Meer zufriert. Fragmente zu Königin Christina von Schweden (1994). Zúric: Limmat. ISBN 3-85791-228-6. Schuhwerk im Kopf und andere Geschichten (2000). Zúric: Limmat. ISBN 3-85791-341-X. Wahrnehmungen und andere Geschichten (2003). Editado por Tobias Kaestli e Hans Baumann. Zúric: Limmat. ISBN 3-85791-397-5.

Poesía Lascar. Gedichte (1994). Zúric: Limmat. ISBN 3-85791-222-7. Rascal. Gedichte (1999). Zúric: Limmat. ISBN 3-85791-328-2.

Edición Hundeshagen, Karl Bernhard e Languet, Hubert (1946). Calvinismus und staatsbürgerliche Freiheit. Wider die Tyrannen. Zollikon (Zúric): Evangelischer Verlag. Warszawa. Zwölf Polnische Gedichte auf Warschau (1948). Tradución de Nikolaus Boesch. Zúric: Verlag L.E.W. (Autopublicación). Gut zum Druck (1972). Editado por Laure Wyss. Zúric: Artemis.