Tea Rooms. Mujeres obreras (en galego: Salón de té. Mulleres obreiras) é unha novela social escrita por Luisa Carnés. Foi publicada en 1934. Está baseada na experiencia da autora que traballou como camareira e dependenta nun coñecido local de hostalaría.
Contexto Na segunda década do século XX en España xurdiron editoriais de ideoloxía progresista como Biblos, a colección Vanguardia do editor Javier Morata, a Biblioteca Internacional e a Biblioteca Antorcha do Partido Comunista Español (PCE), Tierra y Libertad desde o anarquismo, que querían concienciar aos lectores e lectoras. A aparición da colección La Novela Social, dirixida por César Falcón e inaugurada pola editorial Biblioteca Nueva en 1928 considerouse o comezo deste fenómeno.
Cada novelista efectuaba unha versión persoal do compromiso e Carnés, xunto a Federica Montseny e Margarita Nelken fixérono desde o punto de vista feminista. Ela realizou, ademais, unha análise política xa que puxo de manifesto a ausencia de dereitos das traballadoras. Ademais falaba de temas que preocupaban especialmente ás mulleres, como o divorcio, a maternidade, a educación, o matrimonio ou o aborto.
Sinopse A autora, de orixe obreira, quixo que a súa novela fose lectura para as mulleres traballadoras. Nela retratou a sociedade da Segunda República, especialmente a situación das mulleres e a súa dobre explotación, no ámbito privado e no público. Aínda que o seu ton sexa vangardista, utiliza unha linguaxe directa e de denuncia.
A novela expón o surximento dunha muller nova que busca a emancipación a través do traballo. A acción vira ao redor dun salón de té, próximo á Porta do Sol de Madrid. Nel consegue traballo a protagonista, Matilde, que buscaba traballo de mecanógrafa, e a súa vida crúzase coa doutras traballadoras. É unha vida dura, de moitas horas e pouco soldo e na que as reivindicacións laborais son algo impensable En palabras de Matilde, as súas vidas se poden condensar na frase: «Dez horas de traballo, cansancio, tres pesetas».
Traza o día a día de todo o elenco de personaxes e, mediante o recurso dun narrador omnisciente, se expoñen dous mundos opostos, o das persoas opresoras e o das persoas oprimidas. O dono e a encargada do salón de té, están descritos con caracteres negativos; estes, con maior profundidade. A autora, cun estilo delicado e ao mesmo tempo contundente, mostra un evidente posicionamento do lado das persoas oprimidas. Ofrece tres espazos narrativos, os barrios onde están os fogares das empregadas, a cidade cos seus tranvías, coches e piquetes de folga e o salón de té, dividido tamén en espazos.
Repercusión Tea rooms foi un dos libros máis vendidos no seu momento. Este éxito fixo posible que Carnés se convertese en xornalista. Ao acabar a guerra civil tivo que exiliarse o que provocou o esquecemento case total da súa obra. Con todo, a reedición de Tea rooms: mujeres obreras, no ano 2016, fixo que volvese a súa popularidade.
Teatro Laila Ripoll versionou e dirixiu a obra de teatro Tea rooms que foi estreada no Teatro Fernán Gómez de Madrid en 2022.
Televisión En agosto do 2023,Televisión Española, comezou a rodaxe da serie baseada na novela, esperando estreala en outubro para recuperar parte da audiencia perdida. Finalmente, estreouse o 29 de setembro de 2023 unha adaptación libre da obra en formato de serie diaria baixo o título La Moderna, con produción executiva de Luís Santamaría e Humberto Miró (Boomerang TV) e Fernando López Puig (RTVE).
Notas
Categoría:Literatura en lingua castelá Categoría:Novelas ambientadas en Madrid Categoría:Novela realista Categoría:Literatura de España