Francisco de Almeida, nado en Lisboa, ca. 1450 -e finado en Aguada de Saldanha o 1 de marzo de 1510 foi un nobre, soldado e explorador portugués. Destacouse primeiro como conselleiro de confianza do rei Xoán II de Portugal e máis tarde na conquista de Granada realizada polos Reis Católicos en 1492.
En 1505, viaxa á India co galego Joan de Novoa, e o rei Manuel I de Portugal, nomeouno primeiro vicerrei da India portuguesa, onde loitou para expulsar aos musulmáns e venecianos do comercio con Oriente. A partir de entón inflixiu duros castigos ás frotas musulmás e aos portos da India, e é recordado, tras a batalla naval de Diu en 1509, como o artífice da hexemonía portuguesa no océano Índico . Morreu nunha batalla contra os Khoikhoi en Saldanha (hoxe Suráfrica), e foi enterrado en Aguada de Saldanha, preto de onde se atopa na actualidade Cidade do Cabo.
Na India construíu as fortalezas de Anjidiv, Cannanore e Cochin.
Traxectoria Francisco de Almeida era fillo de Lopo de Almeida, primeiro conde de Abrantes, e da súa muller Beatriz da Silva. Criouse na corte do rei Afonso V de Portugal e, como era costume entre os homes do seu círculo social, ingresou moi novo no exército. Sábese que era un home de confianza de Xoán II de Portugal e que participou en 1476 na Batalla de Toro, cando o rei portugués tomou partido na sucesión da Coroa de Castela, loitando a favor de Xoana a Beltranexa e en contra da súa tía Isabel (despois Isabel a Católica). Nos anos seguintes, Francisco de Almeida loitou en varios conflitos en Marrocos e en 1492 participou, ao servizo dos Reis Católicos, na conquista de Granada.Paul Lunde, The coming of the Portuguese, 2006, Saudi Aramco World
En 1505 o rei Manuel I de Portugal nomeouno vicerrei da India portuguesa. Partiu de Lisboa xunto a Joan de Novoa cunha frota de vinte barcos, o 25 de marzo dese ano. Unha vez que pasou o cabo de Boa Esperanza conquistou o sultanato de Kilwa, na costa da actual Tanzania, onde construíu unha fortaleza. Despois atacou e arrasou Mombasa (Kenya) e apoderouse do porto de Sofala (Mozambique).
Chegou á India e instalouse en Cochin. Dende alí esforzouse por contrarrestar o poder dos musulmáns de Exipto no océano Índico para garantir a presenza portuguesa. Foi partidario da expansión colonial de Portugal, organizando viaxes de descubrimento cara Ceilán e Madagascar. O 3 de febreiro de 1509 derrotou a unha frota composta por barcos do sultanato mameluco, do Imperio Otomán e do sultanato de Gujarat na batalla de Diu, ao norte de Calicut.Rogers, Clifford J. Readings on the Military Transformation of Early Modern Europe, San Francisco:Westview Press, 1995, pp. 299–333 O mesmo ano converteuse no primeiro portugués en desembarcar en Bombai.
Cando Afonso de Albuquerque chegou á India para sucedelo, negouse a recoñecer as súas credenciais e foi encarcerado. Despois de tres meses renunciou, ao tempo que unha gran frota chegou de Portugal en novembro de 1509. Almeida embarcou para Portugal, pero morreu o 1 de marzo de 1510 durante unha escala no camiño de volta, preto da Cidade do Cabo, nunha escaramuza con membros do pobo Khoikhoi.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
A historia de Almeida, de Ian D. Colvin, The Baldwin Project Paul Lunde, A chegada dos portugueses, 2006, Saudi Aramco World Francisco de Almeida en geneall.net
Categoría:Militares de Portugal Categoría:Navegantes Categoría:Políticos de Portugal Categoría:Nados en 1450 Categoría:Finados en 1510