Patricia Frances Grace, nada en Wellington o 17 de agosto de 1937, é unha escritora maorí neozelandesa de novelas, contos e libros infantís. Ademais de ser unha figura pioneira e influente da literatura nacional e de ser premiada en numerosas ocasións, Grace converteuse en 1975 na primeira escritora maorí en publicar unha colección de relatos co seu libro Waiariki (este termo refírese a un electorado maorí parlamentario de Nova Zelandia establecido para as eleccións de 1999, substituíndo ao electorado Te Tai Rawhiti).
Dende que comezou a dedicarse en exclusiva á escritura na década de 1980, Grace escribiu varias obras que exploran a vida e a cultura maorís, empregando a lingua propia en todas elas. A súa novela máis famosa é Potiki (1986).
Traxectoria De pai maorí e nai católica irlandesa, Grace naceu o 17 de agosto do 1937 en Wellington, Nova Zelandia. Creceu nos arrabaldes de Melrose, onde o seu pai construíra a casa familiar, e tamén pasaba tempo coa súa familia paterna en Hongoeka, a terra natal do seu pai.
Estudou na escola de St. Anne en Wellington, lugar no que, segundo afirmacións posteriores, foi vítima de racismo. Grace explicou que de moza non aprendeu a falar maorí porque só se falaba en eventos formais coma o tangi (cerimonias funerarias tradicionais dos maorís) e que, ao intentalo de adulta, atopou numerosas dificultades. Empezou a ler obras de autores neozelandeses unha vez rematado o instituto e comezou a escribir aos 25 anos, mentres traballaba como profesora en North Auckland.
Grace publicou o seu primeiro conto na revista bilingüe Te Ao Hou, The Dream en 1966 e, en 1979, a canle neozelandesa South Pacific Television creou unha serie televisiva baseada nel. Outros dous relatos desta etapa inicial foron publicados na revista neozelandesa New Zealand Listener. Tras estas primeiras publicacións, a autora recibiu a proposta dunha editorial para traballar nunha colección de relatos curtos.
1975-1990 En 1975 viu a luz o seu primeiro libro, Waiariki, unha compilación de dez relatos que exaltan a diversidade da vida e cultura maorís. En 1978, Grace publicou a súa primeira novela, Mutuwhenua: The Moon Sleeps, baseada nas experiencias dos seus pais, e que relata a historia da relación entre unha muller maorí e un home Pākehā (neozalandés de orixe europea) e os prexuízos raciais que tiveron que afrontar (Mutuwhenua refírese ao último día de lúa nova no ciclo lunar dos maorís). En 1980 publicou unha segunda compilación de relatos: The Dream Sleepers and Other Stories.
En 1985 recibiu unha bolsa da Universidade Victoria en Wellington grazas á cal puido dedicarse en exclusiva á escritura e rematar a que sería a súa novela máis exitosa, Potiki (1986), que relata como unha comunidade maorí se opón á urbanización por parte do sector privado do seu territorio ancestral e aos intentos dun promotor para mercalo.
Grace tamén impulsou activamente a arte maorí nos anos 80 como membro fundador de Haeata, un colectivo de mulleres artistas maorís fundado en 1983 a través do cal orientou ás mozas na súa traxectoria artística e participou en exposicións grupais como Karanga Karanga (1986), a primeira exposición dunha obra colaborativa de artistas maorís nun museo público.
1990-2015 A súa terceira novela, Cousins (Primos) (1992), conta a historia de tres primos ó longo das súas diferentes etapas vitais. Ao igual que a cultura maorí no seu conxunto, céntrase na whakapapa e nos lazos familiares máis que no éxito do individuo, e reflicte os aspectos problemáticos da historia de Nova Zelandia (whakapapa é un elemento crítico no establecemento da identidade do pobo maorí, relacionado coa xenealoxía ao ser un principio fundamental que abarca a totalidade deste pobo). A súa cuarta novela foi Baby No-Eyes (1998), narrada por unha nena que morreu antes mesmo de nacer xunto con algúns membros da súa familia nun accidente de coche, na que se entrelaza o drama familiar con problemas maorís contemporáneos. Posteriormente publicou Tu (2004), unha novela baseada nas experiencias do batallón maorí en Italia durante a segunda guerra mundial, en particular as do seu pai e outros familiares que formaron parte del.
En 2006, Grace publicou a súa primeira colección de relatos curtos dende 1987, Small Holes in the Silence, e en 2008 publicou un libro infantil ilustrado polo seu irmán, Maraea and the Albatrosses.
2015-presente A sétima novela de Grace foi Chappy (2015), que encabezou a lista dos libros máis vendidos de Nova Zelandia e está dedicada ao seu defunto marido. Trátase dunha saga familiar que relata a historia de amor entre un home xaponés e unha muller maorí, a través de múltiples narradores e de xeito non linear.
A súa autobiografía, From the Centre: a Writer’s Life, publicouna en 2021. Nese mesmo ano estreouse unha adaptación cinematográfica homónima da súa novela Cousins (1992). Ademais, Grace presidiu o xurado do Premio Sargeson, o galardón de relato curto máis importante de Nova Zelandia.
Premios e honras A maior parte das obras de Grace foron galardoadas ao longo da súa carreira. O seu primeiro libro, Waiariki (1975), recibiu o Premio Conmemorativo Hubert Church ao mellor primeiro libro de ficción de PEN NZ. Por outra banda, Potiki (1986) recibiu dous premios: o Premio Literario de Nova Zelandia na categoría de ficción (1987) e o Premio LiTeraturpreis (1994). The Kuia and the Spider (1981) conseguiu o galardón ó Libro Gráfico Infantil do Ano nos Premios Editoriais do Goberno de Nova Zelandia. Todo isto culminou no ano 2007, cando a autora foi nomeada Compañeira Distinguida da orde do Mérito de Nova Zelandia (DCNZM) polos seus servizos á literatura.
Vida persoal En 2014, Grace gañou unha batalla legal grazas á cal o territorio da baía Hongoeka foi declarado reserva maorí protexida polo tribunal de Nova Zelandia. Na actualidade realiza voluntariado en grupos iwi (as unidades sociais máis grandes da cultura maorí en Nova Zelandia) levando a cabo, entre outras, labores de xestión de plans de traballo para desempregados.
Notas
Categoría:Nados en 1937 Categoría:Nados en Wellington Categoría:Escritores de Nova Zelandia Categoría:Pobo maorí