As cochaperonas son proteínas que axudan ás chaperonas no pregamento de proteínas e outras funcións. As cochaperonas son moléculas de unión non cliente que axudan ao pregamento de proteínas mediado por Hsp70 e Hsp90. Son especialmente esenciais na estimulación da actividade ATPase destas proteínas chaperonas. Hai un gran número de cochaperonas a maioría das cales, baseándose na súa estrutura de dominios, pode clasificarse dentro de dous grupos: proteínas con dominio J e proteínas con repeticións tetratricopéptido (TPR).

As cochaperonas axudan ás proteínas de choque térmico no proceso de pregamento de proteínas. Estas cochaperonas poden funcionar de diversas maneiras. Principalmente están implicadas na funcionalidade ATPase das proteínas de choque térmico asociadas a elas. As cochaperonas catalizan a hidrólise de ATP a ADP nas súas respectivas chaperonas que despois lles permiten experimentar un gran cambio conformacional grazas ao que poden unirse aos seus substratos cunha maior afinidade ou colaboran na liberación do substrato despois do pregmento da proteína, como no caso da cochaperona p23.

As proteínas J, DnaJ ou Hsp40 son importantes cochaperonas para Hsp70 e teñen a capacidade de unirse a polipéptidos e despois recrutar a proteína chaperona DnaK. Outra cochaperona, GrpE, intervén despois do pregamento da proteína para causar un cambio conformacional en DnaK que lle permite liberar a proteína pregada. O mecanismo das proteínas TPR está menos estudado; os dominios TPR interaccionan con Hsp90 e Hsp70 e poden estar implicados na creación dun complexo multichaperona Hsp70-Hsp90.

As cochaperonas poden tamén exercer un importante papel en enfermidades causadas por un pregamento incorrecto como a fibrose quística. Unha interacción entre Hsp90 e a súa cochaperona, Aha1, é esencial para o correcto pregamento do regulador de condutancia de membrana da fibrose quística (CFTR). Outros exemplos do papel das cochaperonas en enfermidades son as doenzas neurodexenerativas. O alzheimer e o parkinson teñen varias proteinas que se poden agregar se non están debidamente chaperonadas. As cochaperonas CSPα (DNAJC5), auxilina (DNAJC6) e RME-8 (DNAJC13) son importantes para preservar o pregamento e a ensamblaxe, impedindo que se produza a agregación das proteínas. A detección de mutacións nestas proteínas foi asociada co comezo temperán de doenzas neurodexenerativas.

Lista de cochaperonas

Aha1 Auxilina BAG1 CAIR-1/Bag-3 CDC37/p50 Chp1 Proteína de corda de cisteína (CSP) Cyp40 Djp1 DnaJ E3/E4-ubiquitina ligase FKBP4 GAK GroES GrpE Hch1 Hip (proteína que interacciona con Hsp70)/ST13 Hop (proteína que organiza Hsp70/Hsp90)/STIP1 Mrj PP5 Sacsina SGT Snl1 SODD/Bag-4 Swa2/Aux1 Tom34 Tom70 UNC-45 WISp39

Notas

Véxase tamén Outros artigos Chaperona Proteína de choque térmico

Bibliografía