José Carlos Gey Hermo, nado en Asados (Rianxo) o 15 de outubro de 1952 e finado na Pobra do Caramiñal o 20 de febreiro de 2015, foi un empresario, produtor audiovisual e político galego.
Traxectoria profesional
Primeiros anos e actividade cultural Na súa mocidade participou activamente na vida cultural e deportiva da parroquia de Asados, Rianxo. Formou parte do Grupo de Teatro Airiños, considerado o grupo de teatro afeccionado máis lonxevo de Galicia.
A súa vinculación coa entidade prolongouse durante décadas, colaborando como actor e na organización de actividades conmemorativas. Participou tamén na coordinación e edición do volume ''Cadro Artístico Airiños: 75 anos'', publicado en 2008 por un equipo integrado por Carlos Gey, Xesús Santos, Xosé Comoxo e Rafael Piñeiro. A obra foi recoñecida cos premios de edición Anuaria 2009 e Design & Design 2009.
Tamén estivo vinculado ao deporte local, sendo o primeiro capitán do Club Deportivo Unión de Asados, fundado en 1969.
Na década de 1980 desenvolveu actividade empresarial no sector do lecer nocturno en Boiro, onde rexentou os establecementos Fórmula 1, Fórmula 2 e Disco 3, vinculados á dinamización social e cultural da comarca.
En abril de 2001 foi elixido presidente da comunidade de montes de Asados.
Traxectoria audiovisual
Inicios no audiovisual e na dobraxe O contacto de Carlos Gey co mundo audiovisual produciuse a mediados da década de 1980, coincidindo co inicio da dobraxe en lingua galega tras a posta en marcha da Televisión de Galicia (TVG) en 1985. Neste contexto coincidiu con profesionais procedentes do teatro que comezaban a incorporarse ao novo panorama audiovisual galego a través da Escola de Dobraxe de Galicia e das produtoras CTV e Video Galicia. Foi nese ámbito onde entrou en contacto con Roberto Vidal Bolaño, con quen compartiu proxectos vinculados á creación de ficción audiovisual galega.
Olympus Comunicación Na década de 1980, participou na creación en Santiago de Compostela da produtora Olympus Comunicación, pertencente á primeira xeración de produtoras galegas xurdidas tras a creación da TVG e o proceso de consolidación do audiovisual galego.
A produtora desenvolveu actividade nos ámbitos da ficción, a comunicación institucional, a publicidade e os servizos audiovisuais. Entre os seus traballos figuraron reportaxes e pezas informativas destinadas a televisións autonómicas, estatais e internacionais, entre elas TVG, TVE, Antena 3, Telecinco, Canal+, RTP, ETB ou CNN+.
Olympus Comunicación realizou tamén campañas institucionais, corporativas e publicitarias para entidades públicas e privadas, entre elas Frinsa, Aluminios Cortizo, Calfensa ou a Plataforma Galega contra o Narcotráfico.
Entre 1989 e 1993, no marco da produtora Olympus Comunicación, impulsaron distintos proxectos orientados á produción de ficción para televisión. Un dos máis destacados foi Morosos Varios, unha serie pensada para TVG da que se chegou a rodar un capítulo piloto baixo dirección de Vidal Bolaño. Nel participaron intérpretes como Dorotea Bárcena, Gonzalo Uriarte, Miguel de Lira, Manuel Lourenzo, Pancho Martínez e Rosa Álvarez, exercendo Antonio Mourelos como axudante de dirección. O proxecto non chegou a prosperar nun momento anterior á consolidación das teleseries de ficción no ámbito estatal. Outros proxectos desenvolvidos naquela etapa foron ''O buraco máxico'', dirixido ao público infantil; ''Xáxara'', ambientado no ámbito rural; e ''O camiño imaxinario'', concibido como unha serie baseada en lendas vinculadas ao Camiño de Santiago.
No ámbito da promoción turística e cultural produciu vídeos promocionais como ''Costa de Compostela'' e ''A Ruta Xacobea do Mar''.
Produción documental e divulgativa Paralelamente á súa actividade na ficción, Gey participou tamén na produción de materiais audiovisuais vinculados ao teatro galego.
Entre os proxectos nos que participou como produtor figura o documental Aillados, a historia da Guerra Civil en Galicia (2001), documental dirixido por Antonio Caeiro, centrado nas consecuencias da Guerra Civil e da represión en Galicia a través das testemuñas dos sobreviventes e prisioneiros da Illa de San Simón (Pontevedra).
Tamén levou a cabo outras producións vinculadas á memoria histórica, entre elas, A memoria nos tempos do volfram (2003), con guión e dirección de Antonio Caeiro e música de Arturo Solar, centrado na explotación do volfram en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial e as súas implicacións sociais e económicas.
Outro dos traballos destacados de Olympus Comunicación foi Entre catro paredes (2003), unha produción audiovisual centrada na violencia de xénero e nas consecuencias sociais e persoais dos malos tratos no ámbito familiar. A produción incorporaba unha revisión posterior da evolución das vítimas tras 12 anos e do tratamento social da violencia doméstica nun momento no que esta problemática comezaba a adquirir maior visibilidade pública en España. Foi presentada en distintos actos públicos e actividades de sensibilización en Galicia.
Tamén participou noutras producións vinculadas á memoria histórica, á divulgación social e a campañas de sensibilización.
Traxectoria política Politicamente militou no BNG nos anos 80. Dada a súa actividade profesional en Boiro foi proposto como número 2 do PSdeG-PSOE na localidade en 1991, candidatura encabezada por Manuel Velo, porén finalmente non concorreu. Así mesmo, tamén foi proposto como número 2 do BNG encabezado por Xosé Deira no 1999, pero finalmente rexeitou a proposta ao non contar esta cun apoio unánime da organización. No 2003 chegou a ser proposto como candidato á alcaldía de Rianxo polo BNG, chegando a ser presentado nunha asemblea, pero terminou declinando a oferta dado o traballo ao considerar incompatible esa responsabilidade coa actividade profesional da súa empresa naquel momento.
No 2004 foi nomeado xefe de prensa do alcalde socialista de Rianxo Pedro Piñeiro Hermida. En xaneiro do 2011, e ante a retirada da política do alcalde, foi proposto pola executiva local socialista de Rianxo como candidato á alcaldía nas municipais de maio dese mesmo ano, sendo ratificado tras vencer nas primarias á concelleira Carmen Figueira Ares. Nas eleccións municipais o PSdeG-PSOE perdeu por primeira vez na democracia a maioría absoluta e a alcaldía de Rianxo, sendo superado polo BNG e o PPdeG, cunha estreita marxe entre as tres opcións políticas. Ante esta situación os socialistas optaron por establecer un pacto de goberno co BNG, facendo alcalde ó nacionalista Adolfo Muíños, e asumindo Gey a primeira tenencia de alcaldía e responsabilidades nas áreas de Urbanismo, Industria, Comercio, Mar e Novas Tecnoloxías.
En abril de 2013 foi elixido coordinador comarcal do PSdeG na comarca de Barbanza, tras vencer ao mazaricano Javier González Trillo. En novembro de 2014 foi ratificado de novo como candidato socialista á alcaldía de Rianxo para o 2015. Porén, faleceu repentinamente o 20 de febreiro de 2015 na súa residencia na Pobra do Caramiñal, antes da celebración dos comicios.
Recoñecementos
Tras o seu falecemento, o Concello de Rianxo declarou tres días de loito oficial e concedéuselle a título póstumo a insignia municipal. Diversas figuras políticas, entre elas o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro expresaron publicamente o seu pesar e destacaron o seu compromiso institucional. Vida persoal Estaba casado e tiña dous fillos.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Rianxo
Ligazóns externas Carlos Gey, jefe de prensa de Piñeiro, en las 'quinielas' del PSOE de Rianxo en El Correo Gallego Fallece Carlos Gey, teniente de alcalde en Rianxo y coordinador comarcal del PSOE de O Barbanza en Diario de Arousa
Categoría:Nados en Rianxo Categoría:Nados en 1952 Categoría:Finados en 2015 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes