Ramón Moreno Grosso, nado en Madrid o 8 de decembro de 1943 e finado na mesma cidade o 13 de febreiro de 2002, foi un futbolista español que xogaba como dianteiro.

Desenvolveu case toda a súa carreira futbolística no Real Madrid, co que militou durante 12 tempadas, disputando un total de 366 partidos oficiais nos que marcou 75 goles. Gañou 11 títulos, entre eles a Copa de Europa de 1966. Foi sogro de Paco Llorente e avó de Marcos Llorente, ambos tamén futbolistas.

Traxectoria Nacido en Madrid, ingresou no equipo xuvenil do Real Madrid aos 15 anos. Na tempada 1963/64 debutou co filial, o Plus Ultra, na Terceira División. En xaneiro de 1964 saíu cedido ao Atlético de Madrid, que ocupaba postos de descenso a Segunda. Con este equipo debutou na Primeira División, diante do Murcia, marcando o gol da vitoria nos minutos finais.

Co equipo salvado, regresou ao Real Madrid, co que disputou a Copa do Xeneralísimo esa mesma tempada. Marcou un gol en cada un dos seus primeiros dous partidos co primeiro equipo branco, eliminando ao Indautxu por un resultado global de 10-2.

Aínda que tiña como compañeiros a xogadores como Amancio, Gento ou Puskás, Grosso foi o máximo goleador do equipo nas súas dúas primeiras tempadas completas, marcando 17 goles na 1964/65 e 11 na seguinte. Debutou na Copa de Europa o 23 de setembro de 1964, marcando un tanto na vitoria por 2-5 ante o Boldklubben 1909 en Odense.

Nos anos seguintes xogou en varias posicións, chegando mesmo a colocarse como porteiro nun partido do Trofeo Ramón de Carranza ante o Boca Juniors. Retirouse en 1976, aos 32 anos de idade. O balance dos seus 12 anos no club branco foi de 366 partidos oficiais e 75 goles. Conquistou sete ligas, tres Copas do Xeneralísimo e a Copa de Europa 1965/66, na que actuou como titular na final contra o Partizan.

Durante as seguintes décadas continuou traballando no Real Madrid como adestrador na canteira. Na campaña 1986/87 dirixiu o Real Madrid Castilla na Segunda División durante 23 xornadas. O 24 de marzo de 1991, trala destitución de Alfredo Di Stéfano e antes do nomeamento de Radomir Antić, actuou como adestrador interino do primeiro equipo, ao que dirixiu nun empate 1-1 diante do Real Oviedo.

Selección nacional Foi 14 veces internacional coa selección española. Debutou o 1 de febreiro de 1967, nun empate sen goles contra Turquía no estadio Ali Sami Yen, correspondente á fase de clasificación para a Eurocopa de 1968, e marcou o seu único gol coa selección no segundo partido entre os dous equipos, unha vitoria por 2-0 en Bilbao.

Morte Despois dunha longa loita contra o cancro, morreu o 13 de febreiro de 2002 no seu Madrid natal, aos 58 anos de idade.

Vida persoal Casou con Amparo Mateo, coa que tivo cinco fillos. A filla máis vella, María Ángela, casou co futbolista do Real Madrid Paco Llorente. O seu neto Marcos Llorente é tamén futbolista.

Palmarés Real Madrid Primeira División (7): 1964/65, 1966/67, 1967/68, 1968/69, 1971/72, 1974/75, 1975/76. Copa do Xeneralísimo (3): 1969/70, 1973/74, 1974/75. Copa de Europa (1): 1965/66.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web do Real Madrid . Datos do xogador no sitio web da Real Federación Española de Fútbol .

Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1943 Categoría:Finados en 2002 Categoría:Futbolistas da Comunidade de Madrid Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Real Madrid Castilla Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do Real Madrid Castilla