José Luis Zalazar Rodríguez, nado en Montevideo o 26 de outubro de 1963, é un exfutbolista uruguaio. Centrocampista e capitán histórico do Albacete, foi o artífice do primeiro ascenso do club á Primeira División e é o xogador con máis partidos e máis goles na historia do club na máxima categoría.
É pai dos futbolistas Rodrigo, Kuki e Mauro Zalazar.
Traxectoria Formouse como futbolista no Peñarol, debutando co primeiro equipo aos 15 anos. En 1982 gañou o seu primeiro título da Primeira División, e ao ano seguinte conquistou na Coruña a 38ª edición do Trofeo Teresa Herrera, derrotando na final ao Athletic Club. En 1985 sumou o seu segundo título de liga.
En 1986 marchou a xogar a México para xogar cos Tecos e chegou a ser máximo goleador da Primeira División de México na tempada 1986/87, con 23 goles.
Para a tempada 1987/88 fichou polo Cádiz, da Primeira División española, club adestrado polo seu compatriota Víctor Espárrago e no que coincidiu con futbolistas como Jaro, Juan José, Manolito, o Negro Cabrera ou Mágico González. Marcou 6 goles en 37 partidos co club andaluz, que rematou na 12ª posición.
Na seguinte campaña regresou aos Tecos de México, e marcou 17 goles na liga do país norteamericano.
Regresou a España para xogar co Espanyol na Segunda División na tempada 1989/90. Disputou como titular a primeira metade da campaña, marcando 2 goles, pero a mala marcha do equipo, provocou que se realizasen profundos cambios no mercado invernal, e o club prescindiu dos seus servizos tralas incorporacións do escocés Archibald e o alemán Wuttke, ao encher o límite de fichas estranxeiras.
En 1990 fichou polo Albacete, tamén de Segunda. Con Benito Floro como adestrador, e cos goles de Zalazar, Corbaláne Antonio, o equipo manchego proclamouse campión da categoría, cun punto máis que o Deportivo da Coruña. Zalazar marcou 15 goles e foi o autor dos dous tantos na vitoria por 2-0 sobre o Salamanca, coa que o Alba certificaba o título e o primeiro ascenso á Primeira División da súa historia.
Xa na máxima categoría, Zalazar liderou con 13 goles o chamado "Queixo mecánico", que quedou a un só punto de clasificarse para a Copa da UEFA. Titular indiscutible durante os seus seis anos da súa primeira etapa no club, é o futbolista con máis partidos (180) e máis goles (57) na historia do club na máxima categoría. Deixou o Albacete en 1996, tralo descenso do equipo de novo a Segunda.
Fichou entón polo Racing de Santander, club co que disputou a súa última campaña na Primeira División. No equipo dirixido por Marcos Alonso coincidiu cos tamén uruguaios Diego López e Fernando Correa e participou en case tódolos partidos da tempada, marcando 4 goles.
En 1997 volveu ao seu país, onde asinou co Nacional, histórico rival do seu primeiro club, Peñarol. Disputou 16 partidos oficiais co equipo de Montevideo, nos que marcou 3 goles, un deles no clásico ante Peñarol. A continuación xogou no Bella Vista durante a tempada 1998.
A finais de 1998 volveu ao Albacete e axudou o equipo a evitar o descenso á Segunda División B. Sumou 12 encontros máis, para deixar a súa conta persoal en 258 partidos e 76 goles co Albacete.
Tras un ano en branco, volveu á actividade na tempada 2000/01, fichando polo Quintanar del Rey da Terceira División, xunto ao seu excompañeiro do Albacete, Catali. Proclamouse campión do seu grupo e disputou sen éxito a fase de ascenso a Segunda B. Tras unha segunda campaña co Quintanar del Rey, colgou as botas aos 38 anos.
O seu representante foi o empresario uruguaio Paco Casal, co que seguiu traballando como axente en Europa trala súa retirada como futbolista.
Selección uruguaia Foi 29 veces internacional coa selección do Uruguai, coa que debutou o 13 de xuño de 1984, nun amigable ante Inglaterra no estadio Centenario. Foi convocado por Omar Borrás para o Mundial de 1986 en México, participando só nun partido, a derrota por 6-1 contra Dinamarca, no que entrou na segunda parte como substituto de Antonio Alzamendi. Xogou o seu último encontro coa selección o 19 de setembro de 1993 no estadio do Maracanã, nun partido contra o Brasil correspondente á clasificación para o Mundial de 1994.
Palmarés Peñarol Primeira División do Uruguai (2): 1982, 1985.
Albacete Segunda División de España (1): 1990/91.
Quintanar del Rey Terceira División de España (1): 2000/01.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Datos do xogador co Club Nacional . Datos do xogador na Asociación Uruguaia de Fútbol .
Categoría:Nados en Montevideo Categoría:Nados en 1963 Categoría:Futbolistas do Uruguai Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CA Peñarol Categoría:Xogadores do CD Estudiantes Tecos Categoría:Xogadores do Cádiz CF Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do Albacete Balompié Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Xogadores do Club Nacional de Football Categoría:Xogadores do CA Bella Vista Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Uruguai Categoría:Personalidades sen imaxes