Thymos Nikitas Caroutas McDiarmid, coñecido como Tim Caroutas, nado en Illawarra, Nova Gales do Sur, Australia, o 2 de xaneiro de 2003, é un futbolista australiano que xoga como centrocampista no Espanyol B, da Segunda Federación.

Traxectoria De ascendencia grega, naceu en Australia, onde comezou a xogar ao fútbol ata que aos 15 anos se trasladou a Cataluña, onde entrou na canteira do Cornellà. Pasou polo equipo cadete e o xuvenil, e o 16 de decembro de 2020, con 17 anos, debutou co primeiro equipo na Copa do Rei, nun partido ante o Marino.

En xullo de 2022 mudouse a Galicia, onde fichou polo Fabril, da Terceira División RFEF. Xusto despois da súa chegada incorporouse ao primeiro equipo do Deportivo da Coruña, adestrado por Borja Jiménez, para realizar a pretempada, e debutou con este nun partido amigable contra o Racing Vilalbés na Magdalena, converténdose no primeiro futbolista australiano e oceánico en vestir a camiseta do club nos seus 116 anos de historia. Marcou o seu primeiro gol co Deportivo no seguinte partido amigable, tamén na Magdalena, na goleada por 7-1 sobre a Ponferradina, equipo da Segunda División.

A súa progresión viuse truncada na primeira xornada do Fabril na tempada 2022/23, nun partido contra o Paiosaco na Porta Santa, onde rompeu o ligamento cruzado do seu xeonllo dereito, o que o afastou dos terreos de xogo durante toda a campaña. Reapareceu un ano despois, na xornada inaugural da tempada 2023/24 da Segunda Federación, categoría á que o seu equipo ascendeu durante a súa ausencia, e aínda que disputou 26 encontros, non conseguiu asentarse na titularidade.

En xullo de 2024 deixou A Coruña e asinou como novo xogador do Espanyol B, da mesma categoría.

Palmarés Fabril Terceira División RFEF (1): 2022/23.

Notas

Categoría:Nados en Nova Gales do Sur Categoría:Nados en 2003 Categoría:Australianos de ascendencia grega Categoría:Futbolistas de Australia Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores da UE Cornellà Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do RCD Espanyol B