Beniamino Di Giacomo, nado en Porto Recanati, Macerata, o 13 de novembro de 1935 e finado en Civitanova Marche o 7 de xullo de 2026, foi un futbolista e adestrador italiano, que xogaba como dianteiro.

Traxectoria Xogou no Castelfidardo, antes de fichar polo SPAL, co que debutou na Serie A pouco antes de cumprir os vinte anos, na vitoria por 4-0 ante o Triestina o 9 de outubro de 1955, marcando ademais o seu primeiro gol. Completou a súa primeira tempada con 7 goles en 26 partidos. Na seguinte campaña foi o máximo goleador do equipo, con 10 tantos, o último deles anotado nunha histórica vitoria por 0-1 en San Siro contra o Milan.

Entre 1957 a 1961 defendeu as cores do Napoli, marcando 32 goles en 120 partidos. Despois do descenso do equipo de Campania á serie B, pasou ao Lecco, sumando un novo descenso.

En 1962 pasou brevemente polo Torino antes de ser traspasado ao Inter de Milán a cambio de Hitchens. Marcou un gol no seu debut co equipo milanés, e foi un dos protagonistas do primeiro título da Serie A conquistado durante a era de Helenio Herrera. A pesar de chegar coa competición xa iniciada, acabou como o máximo goleador do seu equipo, con 11 tantos, incluído un triplete contra o seu exequipo, o Napoli, no estadio San Paolo.

Ao ano seguinte sufriu problemas físicos, o que sumado á chegada de Aurelio Milani, fixo que só disputase 10 partidos, marcando un gol. O equipo conquistou a súa primeira Copa de Europa, pero non puido repetir o título de liga, perdendo o partido de desempate contra o Bolongna.

Entre 1964 e 1968 xogou no Mantova, onde pasou por un descenso e un ascenso. Na derradeira xornada da Serie A 1966/67 marcou o gol co que o equipo branco e vermello derrotou ao Inter, que perdeu así o título en favor da Juventus. Finalmente, colgou as botas en 1973, tras vestir as camisetas de Cesena, Ancona e Fano.

Selección italiana Foi internacional nun partido coa selección italiana, saíndo de titular nun partido amigable contra Dinamarca o 5 de decembro de 1964.

Palmarés Inter de Milán Serie A (1): 1962/63. Copa de Europa (1): 1963/64.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do xogador en carrierecalciatori.it .

Categoría:Nados na provincia de Macerata Categoría:Nados en 1935 Categoría:Finados en 2026 Categoría:Futbolistas de Italia Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do SPAL Categoría:Xogadores do SSC Napoli Categoría:Xogadores do Calcio Lecco 1912 Categoría:Xogadores do Torino FC Categoría:Xogadores do Inter de Milán Categoría:Xogadores do AC Cesena Categoría:Xogadores do AC Ancona Categoría:Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Italia Categoría:Adestradores de fútbol de Italia