A Festa da Pita é o nome co que se denomina o Entroido do lugar das Eiroás (Cudeiro, Ourense). Chámase así en lembranza do emparellamento de dous viúvos que tivo lugar na segunda parte do século XX e que, conforme as e os informantes da zona, provocara sen querelo a celebración do Entroido naquel barrio durante dúas décadas. A noiva era alcumada a Pita, e de aí o nome da festa e dalgúns elementos que a rodean. As Eiroás miniatura|1742-51 - Memoria e minuta dos trastos e alfaias que quedan na casa das Eiroás. A aldea das Eiroás sitúase ao norte da zona urbana do concello de Ourense e conserva unha identidade rural, procedente da idiosincrasia que posuía até hai poucos anos. Na década dos 60 do século XX, deixa de pertencer á parroquia de San Pedro de Cudeiro para formar parte da nova parroquia de Sta. Tereixiña. Os lugares do Val de Gola, o Val do Regueiro e As Eiroás articúlanse ao redor das propiedades da Casa das Eiroás, lindeira co pazo de Guizamonde cara o suroeste e co pazo de Souto de Rei cara o norte.

No aspecto patrimonial, á parte do propio Pazo das Eiroás (ou do Conde), reformado no século XIII, cabe salientar no barrio e na súa contorna o Castro do Val de Gola e un xacemento Paleolítico nas inmediacións do pazo. Ademais, no monte comunal que se atopa entre o barrio das Eiroás e a parroquia de Vilar de Astrés, podemos visitar a Necrópole de San Mamede, un conxunto de tumbas antropomorfas datadas entre os séculos VI e X, encravadas nun dos poucos espazos da cidade que conservan as distintas especies do bosque autóctono.

O "Carnaval das Eiroás" A mediados do século XX, o emparellamento de dúas persoas viúvas -Antonio Guimarey e Gumersinda de Benavides- deu orixe a unha festa, cando menos, singular. A tradición de facerlle unha cinzarrada ás persoas viúvas que voltaban a emparellar, víase aquí incrementada polo feito de estaren o Antonio e a Gumersinda na mesma condición. Seica acudían aos arredores da casa da parella (sita na actual praza das Eiroás) veciñas e veciños da contorna, reclamándolles o pagamento da festa. As informacións non son claras ao respecto sobre quen pagou, pero o caso é que si chegou a celebrarse unha pequena troula cuns gaiteiros e moita gana de festa. Esta coincidiu co Entroido e pasou a ser este núcleo un dos poucos lugares na cidade e arredores nos que se celebraba a festividade pagá que antecede á Coaresma. Naquela altura, a festa denominouse Carnaval das Eiroás e aínda que mudou as datas de celebración, adoitaba celebrarse na fin de semana "grande" do Entroido. Hai que lembrar, que desde o ano 1937, rexía unha prohibición sobre esta festa e sobre o feito de enmascararse, dependendo en boa medida da proximidade da garda-civil e aínda da complicidade da mesma. En certa medida, os entroidos populares sobreviviron entre intentos de suspensións e xogos de agachadas. miniatura|Pazo das Eiroás cara 1960 A festa, na honra da noiva, coñeceuse algún tempo como Festa da Pita, pois era o alcume da viúva protagonista, e celebrouse até comezos dos anos '70, esmorecendo pouco a pouco, aínda non sabemos ben porqué até -no ano 1999- a A VV rescatar da memoria aquela celebración a través dun proxecto de intervención socio-comunitaria a desenvolver en varios anos. Despois de recoller a información facilitada polas persoas participantes daquela cinzarrada que aínda estaban con vida, enmarcouse a nova festa dentro do ciclo tradicional do entroido, engadindo -nos anos posteriores- diversos contidos á festa, entre os cabe salientar unha representación teatral popular (que toma como base o que puido ser aquela cinzarrada) ou a creación dunha máscara propia que naceu coa intención de ser un dos símbolos do futuro barrio das Eiroás.

Os días da festa miniatura|Veciña no Fareleiro A festa dá comezo co Domingo Fareleiro (domingo de septuaxésima do calendario litúrxico e 2 domingos antes do Domingo de Entroido). Pola mañá, de cara ao mediodía, cólgase o Meco no farol da praza, dando por iniciado o ciclo do entroido no barrio das Eiroás e na cidade de Ourense. Xa de tarde, o farelo ocupa a praza, conformando un espazo de xogo/batalla amenizado con música, no que comezan a verse as primeiras mascaradas.

Nas 3 primeiras edicións, chegaron a celebrarse os Xoves de Compadres e Comadres xunto ao colexio das Eiroás na praza do barrio, desaparecendo posteriormente do programa por elección do propio centro de ensino, que preferiu celebrar estas datas dentro das súas instalacións.

A festa continúa coa celebración do Domingo Oleiro (domingo de sexaxésima do calendario litúrxico e 1 domingo antes do Domingo de Entroido). O xogo das olas é o protagonista desta xornada (máis coñecida como Domingo Corredoiro no resto do país). O xogo consiste nunha roda de homes e/ou mulleres que van lanzándose unha ola dos uns para os outros tentando evitar que escache. Cando alguén non consegue apañala e deixa que caia no chan, perde. Ás veces, as olas van cheas de auga ou farelo. Segundo Taboada Chivite, este xogo era practicado na cidade de Ourense o Domingo Corredoiro e o Xoves de Comadres, de aí que nas Eiroás se adoitara a terminoloxía de Oleiro para designar a xornada. Tamén este día é o primeiro no que sae a Pita, a máscara do Entroido das Eiroás, encargada de baixar as olas á praza por volta das 5 da tarde e facer a primeira roda do xogo. A animación musical e a proximidade do Entroido xa deixa ver moita máis animación neste día.

O seguinte día da festa é o Sábado de Entroido, no que se leva a cabo un pequeno percorrido polo barrio, entre lusco e fusco, anunciando a chegada dos días grandes nas casas das veciñas e dos veciños.

Na fin de semana, as Pitas participan no pregón e no desfile do Entroido de Ourense, sendo as encargadas de abrilo desde a súa estrea, no ano 2002. miniatura|Pitas na Voda E a festa remata coa celebración do Martes de Entroido. O día grande das Eiroás arrinca pola mañá cun folión que percorre o barrio anunciando con Pitas, gaiteiros, bombas e máscaras que chegou o día grande. Á 1 do mediodía ten lugar a Voda da Pita, o acto central da festa, unha representación popular satírica sobre o que puido ser a orixe da cinzarrada e -polo tanto- da celebración. Despois ten lugar un xantar popular na praza e xa de tarde, un baile de máscaras, con pasarelas de disfraces e moita animación, que decorre até a noite, momento no que se despide ao Entroido coa Queima do Meco.

A Voda da Pita Na segunda edición (2000) introduciuse a celebración dunha representación teatral popular que procuraba -nun ton satírico e desenfadado- lembrar a orixe daquela cinzarrada do pasado século. Até o 10º aniversario da festa, no ano 2008, a Voda da Pita era moito máis curta e tiña lugar ás 5 da tarde, abrindo o baile de máscaras vespertino e centrándose na orixe da cinzarrada con actores e actrices improvisadas/os. É a partir dese ano que muda a estrutura festiva do Martes, trasladando a Voda da Pita para a 1 do mediodía, introducindo un elemento gastronómico no programa da festa e prolongando, polo tanto, o programa festivo do día grande. Isto tamén trouxo canda si unha reforma no guión da Voda que fixo que esta medrara en tempo e en contidos, inserindo novos elementos satíricos sobre o acontecido no panorama social e político ao longo do último ano.

Na representación conviven 2 historias. Dunha parte, o emparellamento do Antonio e da Gumersinda, que deran orixe á nosa festa; e doutra, a análise con retranca do que pasou no último ano. Ademais, a estrutura do guión sempre contempla as mesmas partes, sendo común unha boa parte do texto en todas as edicións.

1º O narrador ou a narradora é quen sae primeiro á escena para adiantarnos o que alí vai pasar e situarnos naqueles anos nos que o Elvis facía bailar as parellas a ritmo de rock, Blanco Amor escribía A Esmorga e o Fraga bañábase en Palomares.

2º Un crego (habitualmente máis conservador) e unha monxa (tamén habitualmente, máis moderna), van dando entrada á cerimonia, aos noivos, Antonio e Gumersinda, que chega cunha pita nunha cesta, e as personaxes "convidadas" dese ano. A parella fala do seu amor, de como se coñeceron e de que queren iniciar unha nova vida en mutua compañía.

3º Lévase a cabo a voda, coas interrupcións necesarias se así o require a actualidade. Ao rematar, os noivos dan as grazas a todo o público pola súa asistencia e irrompe na escena unha veciña/o que, con coplas e aleccionando ao público asistente, reclama o pagamento da festa para celebrar esta unión.

4º Entra a Garda-civil en escena, tal e como contan que pasou en máis dunha ocasión na antiga festa. Nesta ocasión faino atendendo á chamada do crego e para deter a liorta que se montou na praza. Despois dunha discusión entre a veciña e o garda, que non acaba de entender a retranca, increméntase o balbordo da cinzarrada poñendo nerviosa á autoridade, que dispara ao ceo mentres berra "Al suelo todo el mundo". 5º Irrompen as Pitas na escena, facendo soar as súas chocas, rodeando ao garda-civil e lanzando os seus ovos cheos de entroido, de penso e de alegría. Así é como as Pitas (que representan unha actualidade que devolve a autoridade ao pobo) neutralizan ao garda (que representa, coas súas formas, a outros tempos) reconciliando pasado e presente para construír un futuro común. No fin da obra, a persoa máis nova do elenco será a encargada de recoller a cesta coa pita que a noiva portara durante toda a celebración e recitar as coplas que levan pechando a Voda da Pita desde o primeiro ano:NENA/O: Trinta anos agardou o pobo

a que alguén collera a cesta

Non permitades, veciños

que volte morrer a festa.

A máscara da Pita miniatura|Máscara da Pita Coa terceira edición (2001) chega a máscara da Pita. Unha carauta que aínda tería que agardar un ano para conformar a primeira saída da máscara completa no ano 2002.

A idea era crear unha máscara que representara nos anos vindeiros ao Entroido do barrio. Nacía a Pita co novo século e combinando o espírito entroideiro cunha homenaxe a aquela viúva que, sen querer, dera orixe á nosa festa máis querida.

A máscara ten dúas partes: o casco (feito á medida da persoa portadora) e o pescozo (realizado con medidas estándar).

O casco faise con vendas de estuque ou escaiola, empregando como molde a cabeza propia. Despois das capas suficientes e dos conseguintes modelados, engádense os picos laterais, o anterior e o posterior, líxase -de ser preciso- e píntase con arranxo ás seguintes indicacións: de xeito arlequinado en branco e negro, na parte dianteira e cun deseño libre na traseira que ten que gardar relación coa natureza ou co matrimonio.

O pescozo faise con papel-maché, seguindo as medidas estándar. Despois de estender a pasta de papel ao longo de todo o pescozo e de perfilar o que serán os papos e a crista da pita, engádense unhas plumas de feltro azuis, vermellas e amarelas, que dan colorido ao conxunto da máscara.