A Voda da Pita é unha representación teatral popular que ten lugar cada Martes de Entroido na praza das Eiroás (Ourense). É o acto central da Festa da Pita, que é o nome co que se denomina ao entroido das Eiroás que, á súa vez, chámase así en lembranza do emparellamento de dúas persoas viúvas que tivo lugar no barrio das Eiroás na metade do século XX e que, conforme as e os informantes da zona, provocara sen pretendelo a celebración do entroido naquel barrio ourensán durante dúas décadas. A noiva era alcumada a Pita e velaquí o motivo do nome da festa e dalgúns elementos que rodean á mesma.

No ano 1999, a asociación veciñal das Eiroás decidiu recuperar a celebración do entroido, introducindo na nova festa diversos contidos entre os que se atopa esta representación teatral.

Historia miniatura|Voda da Pita 2011 A primeira vez que tivo lugar a voda foi o 7 de marzo do ano 2000, na segunda edición da Festa da Pita. Alén de introducir un novo elemento do programa da festa, a voda procuraba -nun ton satírico e desenfadado- lembrar a orixe daquela cinzarrada que tivera lugar nos mediados do pasado século, provocada polo emparellamento de dous viúvos, e que dera lugar á celebración do entroido naquel barrio ourensán. O nome dos viúvos era Antonio Guimarey e Gumersinda de Benavides, alcumada a Pita, e de aí a denominación da voda e da propia festa.

Até o 10º aniversario da festa, no ano 2008, a Voda era moito máis curta e tiña lugar ás 5 da tarde, abrindo o baile de máscaras vespertino e centrándose na orixe da cinzarrada con actores e actrices improvisadas/os. É a partir dese ano que muda a estrutura festiva do Martes, trasladando a Voda da Pita para a 1 do mediodía, introducindo un elemento gastronómico no programa da festa e prolongando, por tanto, o programa festivo do día grande. Isto tamén trouxo canda si unha reforma no guión da Voda que fixo que esta medrara en tempo e en contidos, inserindo novos elementos satíricos sobre o acontecido no panorama social e político ao longo do último ano. No ano 2021, como consecuencia da pandemia provocada pola COVID-19, a Voda da Pita tivo lugar de xeito virtual, dentro da experiencia novidosa e improvisada da celebración dun entroido en liña, permanecendo aloxada na canle oficial da festa no youtube.

Estrutura da Voda Na representación da Voda conviven 2 historias. Dunha parte, o emparellamento do Antonio Guimarey e da Gumersinda de Benavides, dous viúvos que, sen querelo, deran orixe á festa; e doutra, a análise con retranca do ocorrido ao longo do último ano. Ademais, a estrutura do guión sempre contempla as mesmas partes, sendo común unha boa parte do texto en todas as edicións.

1º O narrador ou a narradora é quen sae primeiro á escena para adiantarnos o que alí vai pasar e situarnos naqueles anos nos que o Elvis facía bailar as parellas a ritmo de rock, Blanco Amor escribía A Esmorga e o Fraga bañábase en Palomares.

2º Un crego (habitualmente máis conservador) e unha monxa (tamén habitualmente, máis moderna), van dando entrada á cerimonia, aos noivos protagonistas, Antonio e Gumersinda, e as personaxes "convidadas" dese ano. A parella fala do seu amor, de como se coñeceron e de que queren iniciar unha nova vida en mutua compañía.CREGO: Antonio e Gumersinda. Benvidos á casa do Señor.

Dígovos moi en verdade, que casar a dous viuvos

é cousa de gran novidade.

Cando decidiron unirse, moita ledicia nos deron.

E por iso queremos saber como foi que se coñeceron?3º Lévase a cabo a voda, coas interrupcións necesarias se así o require a actualidade. Ao rematar, os noivos dan as grazas a todo o público pola súa asistencia e irrompe na escena unha veciña/o que, con coplas e ilustrando ao público asistente, reclama o pagamento da festa para celebrar esta unión.NOIVO: Casados quedamos

para as ledicias e para as desgrazas

NOIVA: E a todos os veciños

pola vosa compañía dámosvos grazas

VECIÑA/O: Che, che, che!!!... Para o carro

que con grazas non se paga.

Remexede na faltriqueira.

Veñan cartos e veña viño,

veña festa e veña leria. miniatura|Voda da Pita 2015 4º Entra a Garda-civil en escena, tal e como contan que pasou en máis dunha ocasión na antiga festa. Nesta ocasión faino atendendo á chamada do crego e para deter a agarrada que se montou na praza. Despois dunha discusión entre a veciña e o garda, que non entende a retranca, o balbordo da cinzarrada vai a máis e a autoridade competente acaba poñéndose nervioso e disparando ao ceo mentres berra "Al suelo todo el mundo".GARDA: Que se pare la “trifulca”! Que se aparte la xente!

Que aquí llega montada la “autoridá” competente.

VECIÑA: Montada... ben se ve, e “autoridá” pode ser,

pero iso de competente... aínda está por ver.5º Irrompen as Pitas na escena, facendo soar as súas chocas, rodeando ao garda-civil e lanzando os seus ovos cheos de entroido, de penso e de alegría. Así é como as Pitas (que representan unha actualidade que devolve a autoridade ao pobo) neutralizan ao garda (que representa, coas súas formas, a outros tempos) reconciliando pasado e presente para construír un futuro común. No fin da obra, a persoa máis nova do elenco será a encargada de recoller a cesta coa pita que a noiva portara durante toda a celebración e recitar as coplas que levan pechando a Voda da Pita desde o primeiro ano:NENA/O: Trinta anos agardou o pobo

a que alguén collera a cesta

Non permitades, veciños

que volte morrer a festa.

Galería de imaxes

Véxase tamén Bibliografía

Ares Pérez, Carlos X. Festividades de inverno na provincia de Ourense (2019). Dr. Alveiros Fund. Vicente Risco. pp. 172-177. ISBN 9788412103908 Fidalgo Santamarina, X. A.; Pardo, L.; Rodríguez Cruz, X. e Malingre Rodríguez, A. Mª. "O Entroido da comarca de Ourense" en As caras do Entroido ourensán (2009). Ourense. Deputación Provincial de Ourense. pp. 33-60. ISBN 9788496503960 "As mellores imaxes da Festa da Pita 2015". La Región. 17 de febreiro de 2015 "EiroasFest escoge a la novia de la Voda da Pita 2022". Xornal O Sil. 16 de febreiro de 2022 "A Voda da Pita cumpre o seu 21 aniversario en Ourense". Faro de Vigo. 6 de marzo de 2019 "A Voda da Pita en imaxes". La Voz de Galicia. 1 de marzo de 2022 "Voda da Pita en As Eiroás". La Voz de Galicia. 25 de febreiro de 2020 "Entroido Voda da Pita". TeleMiño. 25 de febreiro de 2020 "Asistimos á Voda da Pita no barrio das Eiroás". TVG. 13 de febreiro de 2018

Outros artigos Festa da Pita en Galipedia Ligazóns externas Páxina oficial da Festa da Pita Canle no youtube da Festa da Pita

Categoría:Ourense Categoría:Entroido de Galicia