Diego Diz Martínez, nado en Vigo o 12 de novembro de 1991, é un futbolista galego que xoga de centrocampista no Arousa, da Segunda División RFEF.
Traxectoria Formouse na canteira do Celta de Vigo, pasando en 2010 ao Rápido de Bouzas, co que xogou durante as seguintes cinco tempadas na Terceira División. En 2015 fichou polo Alondras, da mesma categoría, despois do interese mostrado por el durante anos do club e do adestrador Jacobo Montes.
Regresou ao Rápido de Bouzas na tempada seguinte, tendo como adestrador a Patxi Salinas. Militou outras tres tempadas no club vigués, e o 25 de xuño de 2017 marcou o histórico gol que lle deu ao club o seu primeiro ascenso á Segunda División B. Foi no partido de volta da final da promoción de ascenso contra o Peralada no campo do club xerundense. Na seguinte tempada, a 2017/18, con Borja Jiménez no banco, participou da mellor campaña da historia do club, acadando a quinta posición do Grupo I da Segunda B.
Tralo descenso de novo a Terceira en 2019, deixou o Rápido e fichou polo UMF Grindavík, da Úrvalsdeild Karla, a máxima categoría do fútbol de Islandia. Nas filas do equipo islandés, quedou penúltimo na liga nacional, polo que acabou descendendo. Cambiou entón de equipo e de país, pasando a xogar no FC Samtredia da Erovnuli Liga de Xeorxia. Pouco despois do comezo da liga, esta foi paralizada pola expansión da pandemia de COVID-19, enfermidade que contraeron seus pais e pola que foron ingresados no hospital, mentres el estaba atrapado no país caucásico. Finalmente puido retomarse a liga, coa metade de partidos previstos inicialmente, e disputou un total de 15 encontros, marcando dous goles.
En decembro de 2020 asinou polo AC Oulu da Veikkausliiga de Finlandia. Xogou medio ano no club de Ostrobotnia do Norte, ata que en xuño de 2021 volveu ás Rías Baixas para fichar polo Arousa de Xurxo Otero, na Segunda División RFEF.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do xogador en Soccerway . Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en LaPreferente.com .
Categoría:Nados en 1991 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Rápido de Bouzas Categoría:Xogadores do Alondras CF Categoría:Xogadores do UMF Grindavík Categoría:Xogadores do FC Samtredia Categoría:Xogadores do AC Oulu Categoría:Xogadores do Arosa SC