O Socialfascismo foi unha tese defendida pola Internacional Comunista (Komintern) entre 1928 e 1935. Sostiña que a socialdemocracia era equivalente ao fascismo xa que ambos se opuñan á revolución comunista. Neses anos, os líderes da Internacional Comunista, con Iósif Stalin á fronte, argumentaron que a sociedade capitalista entrara no "terceiro período". Isto significaba que era inminente revolución da clase obreira, mais podería ser impedida pola socialdemocracia e outras forzas "fascistas". O termo foi utilizado de forma pexorativa para desacreditar os partidos socialdemócratas e progresistas, e tamén a disidencia interna da Komintern.
Historia En 1928, durante o 6º Congreso da Komintern, proclamouse o final da estabilidade capitalista e o comezo do "Terceiro Período". Esperábase que o final do capitalismo chegase en pouco tempo, cunha revolución da clase obreira. A socialdemocracia era identificada, así, como o principal inimigo do comunismo. Esta teoría da Komintern baseábase nos argumentos de Grigori Zinoviev de que a socialdemocracia internacional era unha á do fascismo. Esta visión foi aceptada por Iósif Stalin, quen describiu o fascismo e a socialdemocracia como "irmáns xemelgos", e argumentaba que dependían do apoio mutuo.Heinrich August Winkler (1985). Arbeiter und Arbeiterbewegung in der Weimarer Republik. Der Schein der Normalität. 1924-1930. Dietz:Bonn, p. 679 Despois de ser exposta durante o 6º Congreso, a teoría do socialfascismo foi aceptada polo movemento comunista.Klaus Hildebrand (1984). The Third Reich, Routledge, ISBN 0-415-07861-X, p. 106
A tese, defendida no VI Congreso polo comunismo alemán co apoio de Stalin, consideraba a socialdemocracia (socialfascismo) como a principal inimiga da revolución por aceptar a «democracia burguesa». Porén, Bujarin e Togliatti opuxéronse a esta interpretación. Togliatti criticou o que consideraba a «presentación demasiado mecánica que se está dando do fascismo e da socialdemocracia como dous métodos dos que se serve a burguesía», de maneira alternativa, segundo as circunstancias.
Finalmente, o termo «socialfascismo» non se incorporou á resolución final do Congreso. Con todo, mantívose a tese sostida por alemáns e rusos dos «dous métodos» (fascismo e socialdemocracia) da burguesía, polo que se aceptou que a socialdemocracia podía desenvolver «tendencias fascistas». Así, o termo «socialfascismo» acabaríase impondo especialmente tras a represión policial da manifestación comunista do 1 de maio en Berlín de 1929, levada a cabo polo goberno do que formaba parte o SPD. Así o decidiu o X Pleno Ampliado do Comité Executivo da Internacional Comunista (CEIC) na reunión de xullo de 1929. Dende entón, o movemento comunista comezou a considerar a socialdemocracia como o principal instrumento da «contrarrevolución burguesa».
Pola súa banda, o Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD), liderado polo chanceler alemán Hermann Müller, acordou cos demais partidos anticomunistas que "vermello (Partido Comunista de Alemaña) equivalía a marrón (Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores)".Adelheid von Saldern (2002). The Challenge of Modernity: German Social and Cultural Studies, 1890-1960, University of Michigan Press, ISBN 0-472-10986-3, p. 78 Isto, xunto coa acción policial do 1 de maio e a represiva lexislación anticomunista que seguiu, serviu para afianzar a tese de que a socialdemocracia era, de feito, "socialfascismo".Heinrich August Winkler (1985). Arbeiter und Arbeiterbewegung in der Weimarer Republik. Der Schein der Normalität. 1924-1930. Dietz:Bonn, p. 681Martin Kitchen (2006). A History Of Modern Germany 1800-2000, Blackwell Publishing, ISBN 1-4051-0040-0, p. 245
En agosto de 1931, co fin de capitalizar a súa crecente popularidade, o Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (NSDAP) propiciou a celebración dun referendo para derrocar o goberno socialdemócrata en Prusia. Ao principio, o KPD rexeitouno. Porén, tres semanas antes da votación, seguindo ordes do Komintern, a militancia uniuse ao NSDAP para facer caer o "principal inimigo a bater", o Partido Socialdemócrata.Sewell, Rob. Germany: from Revolution to Counter-Revolution. Chapter 7. Fascism's Rise to Power.
O comunismo alemán seguiu a negar calquera diferenza entre o nazismo e a socialdemocracia mesmo tras as eleccións do 5 de marzo de 1933, en que o NSDAP de Adolf Hitler obtivo a maioría. Durante a campaña electoral, o 23 de febreiro o SPD propúxolle ao KPD unírense antes de que o desastre fose total. Porén, Ernst Torgler, o líder do grupo comunista no Reichstag, respondeu que primeiro cumpría que o NSDAP tomase todo o poder. Así, logo podería producirse a "revolución do proletariado", que estimaba que ocorrería "catro semanas despois".Heiden, Konrad. Der Führer. Hitler's Rise to Power, p.551.
O KPD, baixo o liderado de Ernst Thälmann, cuñou o slogan "Despois de Hitler é a nosa quenda!", e cría firmemente que non cumpría unha Fronte contra o nazismo. Estaba convencido de que os traballadores recoñecerían que o nazismo, a diferenza do comunismo, non ofrecía unha solución real para os problemas de Alemaña. Jane Degras, The Communist International 1919-1943: documents. 3. 1929-1943. Routledge, ISBN 0-7146-1556-0, p. 121
Con todo, dous anos antes de chegar Hitler ao poder, algúns partidos comunistas en Europa xa cuestionaban a tese do «socialfascismo». En Francia, nas eleccións de 1928 e de 1932, algúns dirixentes comunistas propuxéronlles aos socialistas que apoiasen na segunda volta a candidatura con máis votos na primeira. En Polonia, a terceira parte da organización de Varsovia, con Isaac Deutscher á fronte, opúxose á liña oficial. Así mesmo, o Comité Central do Partido Comunista de Checoslovaquia acordou en novembro de 1931 situar o fascismo como o inimigo principal, en lugar da socialdemocracia. De feito, o dirixente da Komintern Dmitri Manuilski chegou a queixarse de que a idea da fascistización da socialdemocracia non entrase «no sangue dos partidos comunistas».
En Francia, a crítica "socialfascista" do Partido Comunista Francés (PCF) pronunciouse contra a Sección Francesa da Internacional Obreira (SFIO). Porén, tras os disturbios do 6 de febreiro de 1934, percibidos pola esquerda como un intento de golpe de estado fascista, iniciouse unha cooperación entre o PCF e a SFIO.Andreas Wirsching (1999). Vom Weltkrieg zum Bürgerkrieg? Politischer Extremismus in Deutschland und Frankreich 1918–1933/39. Berlin und Paris im Vergleich. Oldenbourg: München, pp. 548 & 557–561
Trala subida ao poder de Adolf Hitler, o KPD foi ilegalizado e miles dos seus militantes arrestados, incluído Thälmann. Tras estes eventos, a Komintern cuestionou a política que levara a cabo e se sería factíbel unha alianza anterior coa socialdemocracia. A teoría do socialfascismo, así, foi definitivamente abandonada. Durante o 7º Congreso da Komintern, Georgi Dimitrov bosquexou as liñas da nova política da "Fronte Popular" no seu discurso "Pola unidade da Clase Obreira en contra do Fascismo"."For the Unity of the Working Class Against Fascism." Isto reflectiríase na posterior formación de diversas "Frontes Populares": en Francia (1935), en España (1936) ou en Chile (1937).
O primeiro sinal de que a posición da Internacional Comunista sobre a socialdemocracia estaba a cambiar deuse en febreiro de 1933, ao mes seguinte de acceder o nazismo ao poder. A súa Comisión Executiva (CEIC) respondeu o convite do Buró da Internacional Obreira e Socialista cunha proposta de chegaren a acordos a escala nacional. Significaba a primeira rectificación da tese da «fronte única pola base», unha posición política que rexeitaba pactos coa socialdemocracia e defendía que a unión das dúas organizacións produciríase co transvasamento da militancia socialdemócrata ao comunismo.
Meses despois, en xuño, tiña lugar na Sala Pleyel de París un congreso «contra o fascismo e a guerra», promovido por Henri Barbusse e Romain Rolland, que continuaba o congreso «contra a guerra imperialista» celebrado en Ámsterdam o ano anterior. Dos dous congresos xurdiu o movemento Ámsterdam-Pleyel, coa constitución en Francia de comités locais. Supuña a primeira mobilización antifascista promovida polo Partido Comunista Francés (PCF).
Tamén foron decisivos os sucesos de febreiro de 1934. En París houbo un intento de asalto da extrema dereita ao poder. Pola súa parte, en Viena consolidouse a ditadura de Dollfuss tras esmagar a revolta obreira da capital austríaca. O cambio definitivo deuse a partir de marzo de 1935. Hitler anunciou o rearmamento alemán, o que convertía a Alemaña nazi nunha ameaza directa á Unión Soviética. Dito rearmamento foi admitido tacitamente polo Reino Unido, en teoría o principal garante do Tratado de Versalles, coa sinatura do Acordo naval anglo-xermano en xuño dese ano.
O 14 de xullo, o Día Nacional de Francia, celebrouse en París unha gran manifestación antifascista en defensa das liberdades democráticas. Convocada polo movemento Ámsterdam-Pleyel, participaron unhas cincuenta organizacións políticas (SFIO, PCF, PR), sindicais (CXT, CGTU) e cívicas (comités antifascistas, a Liga de Defensa dos Dereitos do Home). Esta manifestación considérase como o acto fundacional da Fronte Popular en Francia.
Notas
Bibliografía
Browder, Earl (1933). The Meaning of Social-Fascism: Its Historical and Theoretical Background. New York: Workers Library Publishers. Lovestone, Jay (1937). The People's Front Illusion: From "Social Fascism" to the "People's Front." New York: Workers Age Publishers. Manuilsky, D.M. (1934), Social Democracy — Stepping Stone to Fascism: Or Otto Bauer's Latest Discovery. New York: Workers Library Publishers.
Categoría:Fascismo Categoría:Socialismo