Manuel Carlos Gayoso Díaz, nado en Pontevedra o 1 de xaneiro de 1944, é un exatleta galego, especialista en probas de media distancia e en valados. Foi 7 veces campión de España e 12 veces campión de Galicia e competiu nos 800 metros dos Xogos Olímpicos de 1972 en Múnic.
Traxectoria Comezou a practicar atletismo na sección atlética do Pontevedra CF, tendo como adestrador a Xosé Luís Torrado, "o Bruxo". Trala desaparición da sección de atletismo pontevedresa pasou polo Celta de Vigo, o Deportivo da Coruña, o CUA de Santiago e a Sociedad Gimnástica. Ademais adestrou durante uns oito anos na Residencia "Joaquín Blume" de Madrid.
Tras gañar dous títulos xuvenís en 1962 (nos 800 e os 1500 metros), en 1964 proclamouse campión de España absoluto de 400 metros valados, batendo o récord de España cun tempo de 53 segundos e 7 décimas. Repetiu título nos dous anos seguintes, nos que rebaixou a marca nacional ata en oito ocasións, ata deixala en 51,3 segundos. En 1965 foi ademais campión de España dos 200 metros valados. En 1968 gañou o seu cuarto campionato de España de 400 valados e proclamouse tamén campión nos 400 metros lisos, título que revalidou en 1969.
Participou nos Xogos Mediterráneos de 1967 en Tunes, logrando a medalla de bronce nos 400 metros valados. Dous anos despois competiu nos 400 metros lisos do Campionato de Europa de Atletismo en Atenas, onde conseguiu pasar a semifinais pero non á final, na que o ouro foi para o polaco Jan Werner. En 1971 competiu nunha nova edición dos Xogos Mediterráneos e no Europeo de Esmirna.
No ano 1972 foi subcampión de España de 800 metros e competiu nesta distancia no Campionato de Europa de Pista Cuberta en Grenoble, onde acabou sexto con récord de España. Logrou así unha praza para os Xogos Olímpicos de Múnic, nos que logrou o pase ás semifinais. Nestas, clasificouse quinto da súa serie e a descualificación do kenyano Mike Boit metíao na final. Con todo, os xuíces rectificaron e admitiron ao atleta africano, polo que Gayoso quedou fóra da final, na que se proclamou campión Dave Wottle. Aínda conseguiu varios subcampionatos de España máis nos seguintes anos e quedou oitavo nos 800 metros dos Xogos Mediterráneos de 1975 en Alxer. Ademais, entre 1964 e 1977, foi 12 veces campión de Galicia.
Trala súa retirada deu clases de educación física en colexios da Coruña e rexentou dous negocios de material deportivo en Pontevedra.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Datos do atleta no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional . Datos do atleta en olympedia.org .
Categoría:Nados en 1944 Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Atletas olímpicos de Galicia Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1972 Categoría:Atletas de valados Categoría:Mediofondistas Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes