Ramón Blanchart Ferrer, nado en Barcelona o 9 de xullo de 1860 e finado en San Salvador en agosto de 1934, foi un barítono catalán. Ao longo da súa carreira actuou nos teatros de ópera máis destacados de Europa e América, sendo considerado como unha das grandes figuras da ópera do seu tempo, tanto polas súas calidades escénicas como vocais.

Traxectoria Ramón Blanchart naceu en Barcelona, onde comezou a súa formación musical con Joan Goula e debutou no Gran Teatre del Liceu encarnando a Valentin en Faust en 1885. O éxito acadado coa ópera de Gounod animouno a trasladarse a Francia e Italia para ampliar os seus estudos musicais. No Teatro Real de Madrid presentouse en 1883, co Nevers de Les Huguenots, papel que cantaría ata 42 veces nese teatro. Blanchart foi o cantante español que máis veces apareceu no Teatro Real, cun total de 327 funcións repartidas en 11 tempadas (entre 1883 e 1907).

Fóra de España estivo tamén moi activo nos teatros italilanos (Roma, Xénova, Florencia, Boloña). No Teatro alla Scala debutou en 1892 como Iago en Otello, alternándose no papel con Victor Maurel. Cantou o papel protagonista de Falstaff en Xénova baixo a dirección de Arturo Toscanini. En 1890 realizou unha xira por Rusia, actuando en Moscova e San Petersburgo. En 1891 presentouse en Londres, no Covent Garden co papel protagonista de Der fliegende Holländer (cantando en italiano).

En América actuou nos teatros de Buenos Aires, A Habana, México, Nova York, Chicago ou Boston.

O seu repertorio comprendeu os grandes papeis das óperas de Verdi e Donizetti, e a ópera francesa (particularmente Hamlet) mais tamén foi un destacado cantante wagneriano. Ao final da súua carreira abordaría papeis de baixo buffo, como Dulcamara de L'elisir d'amore. Despediuse da escena no Teatro Euterpe de Sabadell con La Dolores de Tomás Bretón. A continuación adicouse ao ensino do canto en Centroamérica.

En 1906 e 1910 realizou diversas gravacións de fragmentos de ópera, en compañía de Florencio Constantino e José Mardones.

Notas

Categoría:Barítonos de España Categoría:Nados en 1860 Categoría:Finados en 1934 Categoría:Nados en Barcelona