Silveria Espinosa de los Monteros y Dávila, nada en Sopó o 20 de xuño de 1815 e finada en Bogotá o 16 de agosto de 1886, máis coñecida como Silveria Espinosa de Rendón, foi unha escritora colombiana, unha das máis importantes do país no século XIX, especialmente pola súa poesía mística.

Traxectoria Naceu en Sopó o 20 de xuño de 1815, nunha familia de xornalistas. Era filla de Bruno Espinosa de los Monteros, español natural de Sevilla e un dos impresores máis antigos de Bogotá, e da bogotana Antonia Dávila. Foi educada con clases de literatura e de italiano por parte do escritor Juan Francisco Ortiz. Casou dúas veces, a segunda en decembro de 1848 con Telésforo Sánchez Rendón, que era director xeral de impostos, de quen quedou viúva sen chegar a ter fillos.

Como viúva dunha familia próspera, e sen fillos ó cargo, Espinosa dedicouse á actividade literaria, principalmente á poesía. É considerada a escritora colombiana máis antiga despois de Francisca Josefa del Castillo e María Josefa Acevedo de Gómez, e na súa época foi unha das máis coñecidas no estranxeiro. As primeiras obras apareceron na antoloxía El Parnaso Granadino (1848), e despois colaborou con outras como La Guirnalda, El Aguinaldo Religioso (1858), La Lira Granadina (1860), Corona Poética de la Virgen María (1872) e El Parnaso Colombiano (1887), nesta última de maneira póstuma. Tamén participou en diversos xornais colombianos como El Catolicismo, La Caridad, El Mosaico, La Mujer, entre outros, e estranxeiros, como a revista Panorama Universal de Madrid, onde publicou a poesía El canto de Agareno en 1856.

Ademais de poesía, afondou na narrativa histórica, o teatro e a novela diáctica, alén de facer colaboracións en xornais con artigos de costumes, literarios ou morais, así como notas biográficas, descritivas, históricas ou necrolóxicas. Tamén tradiciu obras poéticas dende o italiano. Algunhas obras foron Lágrimas y Recuerdos (1850), un folletón que relata o episodio histórico da expulsión dos xesuítas de Colombia, ou no eido didáctico Educación de las jóvenes. Os derradeiros días da súa vida escribiu Consejos a las niñas cristianas, que legou ós colombianos no seu testamento e que se publicou en 1886, despois da súa morte. Moitas das súas obras quedaron inéditas, tanto en poesía como en prosa.

Morreu o 16 de agosto de 1886, con 71 anos.

Notas

Categoría:Nados en 1815 Categoría:Finados en 1886 Categoría:Escritores de Colombia Categoría:Poetas de Colombia Categoría:Poetas en lingua castelá