Junts per Catalunya (abreviado Junts ou JxCat) é un partido político de ideoloxía independentista catalá e apostas transversais mediante o enfrontamento unilateral coa España democrática e a internacionalización do conflito catalán.

A fundación deste partido foi a iniciativa do expresidente catalán Carles Puigdemont xunto con varios membros da coalición homónima Junts per Catalunya (tanto de CNxR -por exemplo, Jordi Sánchez e Elsa Artadi- como do PDeCAT -Jordi Turull, Josep Rull, Joaquim Forn, entre outros— e exmembros de ERC —Toni Comín, Josep Costa, Eusebi Campdepadrós, entre outros) co fin de reestruturar este espazo baixo un partido político unificado, que aspira a ser a "corrente central do catalanismo" baixo un claro "liderado".

O seu proceso congresual comezou en xullo de 2020 (a pesar de ter sido rexistrado no Rexistro de partidos políticos do Ministerio do Interior en xullo de 2018) e non debe confundirse coa coalición Junts per Catalunya. O partido foi creado en xullo de 2020 por Carles Puigdemont, despois de anunciar a súa creación trala ruptura das negociacións co Partido Demócrata Europeo Catalán (PDeCAT) sobre a reorganización do espazo político que inclúe a marca Junts per Catalunya, na que se atopan os posconverxentes xunto con cargos electos doutras tradicións políticas.

O congreso fundacional do partido tivo lugar entre o 25 de xullo e o 3 de outubro de 2020, despois de que fose anunciado o 18 de xullo, coa presentación pública de imaxes e identidade corporativa por parte de Elsa Artadi e Marta Madrenas.

O novo partido, Junts, naceu da fusión da Crida Nacional per la República (CNxR), Acció per la República (AxR), Els Verds-Alternativa Verda (EV–AV) e algunhas correntes do PDeCAT —como Reagrupament (RI.cat)-, mais tamén incorporou membros dos partidos Demòcrates de Catalunya (DC), Moviment d'Esquerres (MES), Solidaritat Catalana per la Independència (SI) e intentou incorporar membros da CUP, así como os independentistas unilaterais de Esquerra Republicana.

Orixe

Antecedentes Despois da separación da coalición Convergència i Unió en xuño de 2015, a nova organización, Convergència Democràtica de Catalunya, formou parte da coalición Junts pel Sí xunto a varios partidos cataláns (incluído ERC) para se presentaren ás eleccións catalás de setembro de 2015, mais en xullo de 2016, CDC suspendeu a actividade política do partido, promovendo a formación do novo Partit Demòcrata Europeu Català (PDeCat) este mesmo mes. A anterior CDC mantíñase a nivel formal formando co novo PDeCat a coalición Junts per Catalunya, que concorreu ás eleccións catalás de decembro de 2017.

O 11 de xullo de 2018, Junts per Catalunya, rexistrouse formalmente como partido político no Rexistro de Partidos Políticos do Ministerio de Interior, con sede na Rambla de Catalunya e baixo a presidencia de Laia Canet. De xeito paralelo, en xullo de 2018, o espazo máis próximo ao expresidente Carles Puigdemont (con sede en Bélxica) decidiu promover o movemento político da Crida Nacional per la República (CNxR) co fin de proporcionar unha nova ferramenta á causa independentista, que se rexistraría como partido político o 8 de xaneiro de 2019.

Rexistro do partido (xullo 2018-xullo 2020) Despois do seu rexistro, permaneceu á sombra da coalición homónima Junts per Catalunya, da que pasa a formar parte xunto aos partidos CDC e PDeCAT. Nos seus dous primeiros anos de existencia non teñen actos propios, nin organigrama definitivo, nin simboloxía ou nomenclatura diferentes á coalición, que participa nas eleccións xerais, municipais e europeas de 2019, esta última baixo o nome Lliures per Europa (Junts).

Ruptura da coalición Junts per Catalunya e congreso fundacional (xullo-outubro 2020) A principios de xullo de 2020, as negociacións entre o espazo máis próximo ao expresidente Puigdemont (CNxR) e o PDeCAT sobre a necesidade de reestruturar o espazo político da coalición Junts per Catalunya quedan rachadas. Mentres o PDeCAT propugnaba a continuación do modelo de coalición, mantendo o PDeCat como un partido de centro dereita independente, a comitiva de Puigdemont propugnaba a creación dun novo partido político máis progresista e claramente unilateralista.

Como consecuencia das eivas nas negociacións, a contorna de Puigdemont fíxose co control do partido, cambiando tanto a súa sede (da rambla de Catalunya á avenida Diagonal) igual cá presidencia, que pasou de Laia Canet a Carles Valls (alcalde de Balenyà) acción duramente criticada polo PDeCAT, que consideraba ao partido "Junts per Catalunya" como marca rexistrada da súa propiedade.

O congreso fundador, despois de ser anunciado para o 18 de xullo, tivo lugar coa presentación pública de imaxes e identidade corporativa por Elsa Artadi e Marta Madrenas, entre o 25 de xullo de 2020 e o 3 de outubro de 2020, período durante o cal tamén houbo sesións en liña na que participaron moitos dos altos cargos da coalición Junts per Catalunya como Marta Madrenas, Elsa Artadi, Laura Borràs, Meritxell Budó ou o propio Carles Puigdemont. Durante o proceso do Congreso, o Partido permitiu aos seus membros a dobre militancia con outros partidos, ao ter que resolver o organigrama, os estatutos e a súa relación co PDeCAT.

O partido renovou a Executiva a través dunha consulta en liña cos seus membros, con Carles Puigdemont elixido presidente do partido (co 99,3% dos votos) e Jordi Sànchez como secretario xeral co 94,2% dos votos. Os vicepresidentes elixidos foron Jordi Turull, Elsa Artadi, Josep Rius e Anna Erra.

Eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2021 O 27 de decembro de 2020, o partido iniciou o proceso para recoller os avais necesarios para concorrer ás eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2021, pois era a primeira vez que se presentaba ás eleccións parlamentarias, tendo en conta que o PDeCAT mantiña os seus dereitos electorais, e durante o mes de novembro levouse a cabo un proceso de eleccións primarias para elixir a candidatura á presidencia da Generalitat na que saíu vencedora Laura Borràs que gañou co 80% dos votos.

O 29 de decembro, o partido anunciou un acordo con Demòcrates de Catalunya, a través do cal os seus candidatos se unirían á lista de Junts. O 31 de decembro, o Moviment d'Esquerres tamén aprobou a adhesión á lista de Junts per Catalunya e, finalmente, a mlitancia do partido validaron a composición das listas electorais, participando 2.644 persoas; é dicir, o 51,56% dun total de 5.128 militantes. A lista electoral para Barcelona estaba encabezada por Carles Puigdemont, con Laura Borràs de número 2. A lista electoral para Xirona estaba encabezada por Gemma Geis. A lista electoral para Lleida estaba encabezada por Ramon Tremosa. A lista electoral para Tarragona estaba encabezada por Albert Batet. O partido obtivo 568.002 votos, o 20,04%, situándose no terceiro posto por detrás de PSC e ERC, e sendo o primeiro en Xirona.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Junts per Catalunya (coalición).

Ligazóns externas

Sitio oficial de Junts per Catalunya

Categoría:Partidos políticos de Cataluña