thumb|Doante de sangue durante unha doazón. A doazón de sangue é un procedemento médico no que se extrae sangue dun individuo para, tras un axeitado procesado, poder ser transfundida a outro individuo coa fin de amañar algún déficit ou patoloxía que condicione unha alteración dos compoñentes sanguíneos. A través da doazón de sangue pódense obter, principalmente, concentrado de glóbulos vermellos, plaquetas ou plasma fresco conxelado. Tamén é posíbel obter, a través do fraccionamento do sangue, diferentes medicamentos como a albumina, unha proteína fundamental e a máis abundante no noso organismo, así como factores de coagulación plasmáticos.
A doazón ten por lei un carácter voluntarioA voluntariedade das doazóns son recollidas no Real Decreto 1945/1985 de 9 de outubro do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de España e posterior Real Decreto 1088/2001 do 16 de setembro..
A Organización Mundial da Saúde considera a doazón de sangue un elemento vital e insubstituíbel. Recomenda unha taxa de doazón de entre 40 e 60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano para cubrir as necesidades transfusionais dunha poboación. A taxa de doazón en Galicia foi en 2012 de 42 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.
Lexislación En Galicia a doazón de sangue e outros compoñentes está regulada por lei desde 1985. No decreto 1945/1985 de 9 de outubro do Ministerio de Sanidade de España e posterior Real Decreto 1088/2001 do 16 de setembro, establécese que a doazón é sempre voluntaria, anónima, altruísta, universal e de balde.
A Xunta de Galicia tamén regula, no marco das súas competencias, as características da doazón de sangue. No decreto 462/1990, de 20 de setembro, e no último Decreto 100/2005 do 21 de abril, integra e actualiza a normativa europea para complementar a lei estatalO Decreto 462/1990, de 20 de setembro, regula a hemodonación, hemoterapia e os Banco de sangue en Galicia.. En ditos decretos, refórzase a voluntariedade da doazón, de xeito que ningún organismo nin persoa pode obrigar, baixo ningunha circunstancia, á doazón. Ademais, o paciente receptor da transfusión en ningún caso poderá coñecer a identidade do doante, tal e como acontece tamén no caso da doazón de órganos. Establécese tamén a gratuidade do acto de doar, dado que o doente en ningún caso ha de pagar a doazón que recibe. O doante, polo tanto, realiza a doazón de xeito altruísta.
Na lexislación galega incorpórase o concepto de doazón responsábel. Apélase así á responsabilidade do doante para contribuír á seguridade do proceso. Así, o doante ha de proporcionar, ben na entrevista clínica, ben nos cuestionarios que se lle realizan, calquera información relevante sobre o seu estado de saúde, posíbeis infeccións, medicación que se toma, viaxes a rexións con potenciais doenzas endémicas, ou relacións sexuais de risco. O doante debe proporcionar información veraz sobre estes datos dado que a súa sangue vai ser destinada a transfundirse a outros pacientes.
A doazón O procedemento de doazón é realizado en Galicia pola Axencia de Doazón de Sangue e Órganos, un organismo público dependente da Consellería de Sanidade. Noutros países o proceso de doazón está regulado por organismos públicos, fundacións, empresas privadas ou servizos externalizados. En varios sistemas de saúde é a Cruz Vermella a que se encarga de xestionar o proceso de doazón. Entrevista clínica Antes de proceder á doazón de sangue, e especialmente nos casos en que o doante acude por primeira vez, adóitase realizar unha anamnese ou entrevista clínica coa fin de determinar os datos clínicos máis importantes do potencial doante. O obxectivo desta entrevista é poder identificar posíbeis factores de risco ou condicións que contraindiquen ou condicionen o proceso de doazón.
A anamnese é realizada por un facultativo médico responsábel da unidade, aínda que o proceso pode estar protocolizado e realizado en parte por persoal de enfermería ou incluso mediante cuestionarios.
Ademais da entrevista clínica, o persoal sanitario realiza unha serie de medicións e análises rápidos para preservar a seguridade do doante. Habitualmente mídense parámetros antropométricos (peso, altura e índice de masa corporal), presión arterial e frecuencia cardíaca, e unha análise dos niveis de hemoglobina.
Requisitos En termos xerais, os requisitos para doar en Galicia avalíanse nesta entrevista clínica, e son os seguintes: Ter máis de 50 quilogramos de peso. Ter máis de 18 anos. En doantes de máis de 65 anos, avaliarase individualmente a potencial persoa doadora para determinar se é axeitada para a doazón. Non padecer (no presente ou no pasado) infeccións potencialmente transmisíbeis, coma VIH, hepatite B, hepatite C, sífilis e doenzas de transmisión sexual en xeral. Non viaxar nos últimos 6 meses a rexións con elevada incidencia de determinadas doenzas. En xeral, ter un bo estado de saúde.
Existen outras condicións que se avalían en función do risco de poder padecer infeccións transmisíbeis, como por exemplo: Ter unha elevada incidencia de relacións sexuais con numerosos compañeiros sexuais. Terse piercing, tatuaxes ou procedementos invasivos.
Nalgúns países a doazón está vetada a homes que teñen sexo con outros homes (HSH) ou a varóns homosexuais e bisexuais. Está considerado unha forma de discriminación, e moitos colectivos LGTB afirman estar baseado en estereotipos, xa que non existen evidencias científicas dunha maior transmisión de VIH e outras doenzas transmisíbeis en doantes homosexuais.
Extracción Unha vez superada a entrevista clínica e descartadas as posíbeis contraindicacións para a doazón, considérase ao doante apto. A extracción do sangue realízase por parte do persoal de enfermería. O procedemento realízase de forma estéril, desinfectando a zona de punción con alcol ou clorhexidina. A zona de venopunción adoita ser calquera dos brazos, concretamente nas veas basílica ou cefálica. Igual que acontece cunha extracción sanguínea para unha analítica, o brazo é arrodeado cun compresor elástico co obxectivo de acumular a maior cantidade de sangue nas veas do brazo. A punción realízase cunha vía periférica, habitualmente dun calibre 14G.
O procedemento leva normalmente entre 5 e 7 minutos. O volume de sangre extraído é de 500 mililitros, dos cales 450 ml destínanse á transfusión e os 50 ml restantes empréganse para analizar mediante probas de laboratorio o grupo sanguíneo e a calidade do sangue, incluído a análise de diferentes infeccións.
Procesamento Unha vez extraído, o sangue ten que ser procesado para poder ser almacenado e empregado. En Galicia este proceso realízase desde 1993 no Centro de Transfusión de Galicia de Santiago de Compostela.
O sangue procedente das doazóns pódese procesar para obter diferentes compoñentes, os cales denomínanse hemoderivados: Concentrado de glóbulos vermellos: son empregados para transfundir a doentes con anemia, hemorraxias ou en intervencións cirúrxicas con perda importante de sangue. Os glóbulos vermellos teñen unha vida de 40 días, con condicións de temperatura entre 4 e 6 graos centígrados. Plasma: o plasma é a parte do sangue ao que se lle extraeron os glóbulos vermellos e plaquetas. Empréganse en queimaduras graves, doenzas sanguíneas coma a hemofilia, doenzas hepáticas, e outras condicións que poidan causar alteracións na coagulación. Tamén poden ser usados para reverter a acción de medicacións anticoagulantes. Do plasma pódense extraer outras proteínas coma albumina, gammaglobulinas ou factor VIII (empregado na hemofilia]]. O plasma habitualmente consérvase conxelado, denominándose moitas veces plasma fresco conxelado (PFC). Plaquetas: as plaquetas son fundamentais para o proceso de agregación e coagulación. Poden ser necesarias en doentes con enfermidades que afecten as plaquetas, hemorraxias agudas ou como reversor de fármacos antiagregantes. Consérvanse durante 5 días posteriores á doazón a unha temperatura que varía entre 20 e 24 °C.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Transfusión de sangue Ligazóns externas Páxina web da Axencia de Doazón de Sangue e Órganos
Categoría:Medicina transfusional