Ivonka Survila (en belaruso: ), nada en Stoŭbcy o 11 de abril de 1936, é unha política belarusa que dende 1997 é a presidenta da República Democrática Belarusa no exilio.

Traxectoria Naceu nunha localidade fronteiriza, entón parte de Polonia. Seu pai é Uladzimir Šymaniec, enxeñeiro, e súa nai Evelina Šymaniec, Paškievič de nacenza.

En 1940, despois da anexión de Belarús occidental polos soviéticos, arrestaron a seu pai e condenárono a cinco anos nun campo de concentración mais polo ataque alemán á URSS evitou ir ao gulag. En 1944 os Šymaniec abandonaron Belarús para se refuxiaren no oeste, cruzando Prusia Oriental e, xunto con outros miles de refuxiados, chegaron a Dinamarca, onde viviron nun campo de refuxiados durante varios anos. No camiño, morreu a irmá máis nova de Ivonka. En 1948 a familia instalouse en París e Ivonka estudou arte na Escola de Belas Artes e ciencias sociais na Sorbona.

En agosto de 1959 casou con Janka Survila, activista belaruso e locutor de radio e Ivanka mudouse a Madrid onde seu home era o encargado dende o seu inicio, o 8 de decembro de 1958, do programa belaruso de Radio Nacional de España e a partir de 1961 coa marcha do seu axudante ela asumiu ese posto. Tras o peche do programa traballou como profesora no Instituto Francés de Madrid. A parella instalouse en decembro de 1969 en Ottawa, na capital do Canadá ao lograr Ivonka superar un exame na embaixada canadense en Madrid como tradutora de inglés ao francés para a Oficina de Tradución da administración federal canadense. Posteriormente, foi xefa dos servizos lingüísticos do departamento responsable da política federal de saúde no Canadá, Health Canada. No Canadá, Ivonka converteuse nun membro activo das organizacións belarusas locais. Entre 1974 e 2002 foi presidenta do Instituto Belaruso de Arte e Ciencias do Canadá e en 1984 estivo no comité directivo do Consello Ethnocultural do Canadá como directiva do Comité de Coordinación Belaruso-Canadense.

Algún tempo despois do desastre de Chernóbil, en 1989 creou co seu home e mais Zina J. Gimpelevich e Pauline Paszkievicz-Smith o Fondo canadense para as vítimas de Chernóbil en Belarús para ofrecer axuda médica de diversas formas, incluída a organización de visitas médicas entre o Canadá e Belarús e a acollida de mozos belarusos enfermos en institucións canadenses.

Dende 1997 Ivonka Survila é a presidenta da Rada da República Democrática de Belarús "no exilio", a primeira muller en asuilo, e dende o seu posto combateu o presidente belaruso Lukašenka, considerado pola organización como "antibelaruso". Ivonka Survilla foi unha das asinantes fundadoras en 2008 da Declaración de Praga sobre conciencia europea e o comunismo .

Notas

Categoría:Nados no distrito de Stoŭbcy Categoría:Nados en 1936 Categoría:Políticos de Belarús Categoría:Alumnos da Universidade de París-Sorbona Categoría:Personalidades da radio