Antonio Vives y Escudero, nado o 4 de febreiro de 1859 en Madrid e finado o 19 de maio de 1925 na mesma cidade, foi un numismático, arqueólogo e arabista español de orixe menorquina. Foi académico da Real Academia da Historia e reuniu unha das mellores coleccións de obxectos arqueolóxicos de España.Martot, T. (2016)."Antonio Vives y Escudero ". Biografías. Real Academia de la Historia."Antoni Vives i Escudero". Enciclopèdia Catalana."Antoni Vives Escudero (1859-1925) ". Museu de Mallorca.

En 1900 casou coa actriz e cantante de zarzuela Concepción Segura Roselló.Mederos Martín, A. (2014). Páxina 418.

Traxectoria

Infancia e formación Antonio Vives y Escudero naceu en Madrid, fillo de Sebastián Vives Batlle e Anna Escudero Vinent, unha familia procedente de Menorca que rexentaba en Madrid a confeitaría La Mahonesa. Na súa primeira infancia, a familia volveu a Maó, onde Antonio cursou o seu ensino secundario. Nesta época de xuventude naceu o seu interese pola arqueoloxía e a numismática, por mor das excursións que facía por Menorca, nas que recollía moedas e outros obxectos que despois clasificaba.Mederos Martín, A. (2014). Páxina 417.

Concluído o bacharelato no Instituto de Maó en 1875, volveu a Madrid para estudar Medicina, aínda que axiña abandonou estes estudos. Despois dun proxecto comercial frustrado na Habana, matriculouse en 1890 na Escola Superior de Diplomática de Madrid, onte acadou o título de arquiveiro, bibliotecario e arqueólogo.Mederos Martín, A. (2014). Páxina 417-418.

Carreira académica e profesional De camiño comezou a súa dedicación á investigación e as súas primeiras publicacións, sobre temas diversos, como a numismática e a arte arábigas, a moeda castelá, a reforma monetaria dos Reis Católicos ou a moeda da idade de bronce.

Paralelamente ás súas primeira publicacións, levou a cabo a catalogación de diversos achados monetarios e encomendóuselle o tomo relativo ás Illas Baleares da serie Catálogo Artístico y Monumental de España, que non chegou a saír á luz. O 20 de xaneiro de 1905 foi designado polo rei Afonso XIII para a elaboración do Inventario de los Monumentos Artísticos de España, Provincia de Baleares. Mais foi a partir da publicación en 1926 de La moneda hispánica, cando comezou a ser considerado como un estudoso de prestixio no ámbito numismático.Mederos Martín, A. (2014). Páxina 422-425.

Ese recoñecemento levouno a relacionarse con outros investigadores e coas grandes institucións científicas de España, como o Museo Arqueolóxico Nacional ou a Real Academia da Historia, que lle achegaron aos seus estudos posteriores unha perspectiva máis científica. E ao mesmo tempo, coñeceu relevantes coleccionistas e anticuarios e comerciantes mediante os cales perfeccionou a súa colección de moedas e obxectos artísticos e arqueolóxicos, que iniciara xa desde neno. Vives y Escudero está considerado un dos pais da numismática española moderna, xunto con Francisco Bermúdez de Sotomayor, Juan de Dios de la Rada e Antonio Delgado y Hernández, entre outros.Peiró Martín, I.; Pasamar Alzuria, G. (2002). Diccionario Akal de Historiadores españoles contemporáneos. Páxinas 213-214. Akal, Madrid. ISBN 84-460-1489-0. Páxinas 213, 509, 675.

Tamén se dedicou nesa etapa a taxar obras de arte, tanto de xeito privado como no seo de institucións como o Instituto Valencia de Don Juan.

A partir de 1903, Vives participou en numerosas escavacións arqueolóxicas na illa de Menorca, en Eivisa e noutros lugares do Mediterráneo.Mederos Martín, A. (2014). Páxina 427-428.

No ámbito docente, Vives y Escudero foi profesor de arte árabe no Ateneo de Madrid e na Escola de Estudos Árabes. Tamén impartiu docencia na Universidade Central de Madrid, onde en 1911 foi nomeado catedrático de Numismática e Epigrafía da Facultade de Filosofía e Letras.Mederos Martín, A. (2014). Páxina 426.Ruiz Trapero, M. "La investigación numismática desde la Cátedra de 'Epigrafía y Numismática' de la UCM". En Muñoz Serrulla, M. T. (2012). La Moneda: Investigación numismática y fuentes archivísticas. Madrid. Páxina 10. ISBN 978-84-695-4325-2 Pola súa banda, a partir de 1904, Vives ingresou no Museo Arqueolóxico Nacional como arabista adscrito á súa sección de Numismática.Mederos Martín, A. (2014). Páxina 422. En 1922 foi nomeado director do Instituto Valencia de Don Juan.

Entre outras institucións internacionais, Vives formou parte da Hispanic Society of America e do Instituto de Arqueoloxía de Berlín.

Recoñecementos (1901): Académico da Real Academia da Historia.Mederos Martín, A. (2014). Páxina 421. (1908): Socio de honra do Ateneo de Maó. (1925): Menorquino Ilustre.

A colección Vives y Escudero Ao longo da súa vida, Antonio Vives dedicouse a coleccionar obxectos tan diversos como pinturas, gravados, estatuas, mostras epigráficas, vidros, cerámica, bronces iberoromanos e, sobre todo, moedas antigas de Hispania e moeda árabe.Mederos Martín, A. (2014). Páxina 429, 422-425.

Hoxe a súa colección atópase esparexida por diferentes centros e espazos museísticos. A súa familia doou gran parte do seu legado ao municipio de Maó, que logo llo traspasou ao Museo de Menorca en 1946 e en 2015.

Os principais núcleos da súa colección consérvanse no Museo de Menorca, no Museo Arqueolóxico Nacional de España e na Hispanic Society of America, en Nova York.

Publicacións

Monografías (1893). Monedas en las dinastías arábigo-españolas. Madrid. (1901). La moneda castellana :discursos leídos ante la Real Academia de la Historia en la recepción pública del señor D. Antonio Vives el dia 7 de julio de 1901 . Madrid. (1902). La numismática en la obra 'Orígenes históricos de Cataluña' por D. José Balari y Jovany . Madrid. (1903). La moneda en la edad de bronce . Madrid. (1910). El Arte Egeo en España. I. Construcciones Primitivas de las Islas Baleares . Madrid. (1910): El Arte Egeo en España. II Cerámica primitiva de las Islas Baleares . Madrid. (1916). Medallas de la Casa de Borbón, de D. Amadeo I, del Gobierno Provisional y de la República Española . Madrid. (1917). Estudio de arqueología cartaginesa: la necrópoli de Ibiza . Madrid. (1921). Informes sobre el medallón de oro de Augusto (con R. Medina y Alinari). Madrid. (1924). La moneda hispánica. Atlas . Madrid. (1926). La moneda hispánica . Madrid.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Fernández, J. H. (2011). "Antonio Vives y Escudero (1859-1925)". En La nissaga catalana del món clàssic, Auriga, Barcelona. Páxinas 183-186. ISBN 9788461509928 Martot, T. (2016). Antoni Vives Escudero (1859-1925). Col·leccionista, arqueòleg i acadèmic. Museu de Menorca, Maó. ISBN 9788460890874 Mederos Martín, A. (2014). "Antonio Vives y Escudero, coleccionista, arqueólogo y primer catedrático de Numismática de la Universidad de Madrid". En In Amicitia. Miscel·lània d'estudis en homenatge a Jordi H. Fernández. Museu Arqueológic d'Eivissa i Formentera. Páxinas 417- ISBN 978-84-87143-53-3.

Categoría:Nados en 1859 Categoría:Nados en Madrid Categoría:Finados en 1925 Categoría:Numismáticos de España Categoría:Arqueólogos de España Categoría:Historiadores de España Categoría:Coleccionistas Categoría:Alumnos da Universidade Central de Madrid Categoría:Catedráticos da Universidade Central de Madrid Categoría:Académicos da Real Academia da Historia