María Antonia Trujillo Rincón, nada en Peraleda del Zaucejo (Estremadura) o 18 de decembro de 1960 é unha política española, primeira ministra de Vivenda no goberno de José Luís Rodríguez Zapatero.
Traxectoria Trujillo naceu na poboación de Peraleda del Zaucejo, situada na provincia de Badaxoz. Estudou dereito na Universidade de Estremadura, onde se licenciou en 1985 e se doutorou en 1991.
Interesada na docencia, foi profesora de dereito constitucional na mesma universidade. Experta en dereito autonómico, participou en varios proxectos de investigación sobre o desenvolvemento do Estado das Autonomías e publicou monografías e artigos sobre o mesmo tema. Na Universidade de Estremadura foi delegada de Relacións Internacionais e presidenta do Consello de Persoal Docente e Investigador.
Actividade política Membro do Partido Socialista Obrero Español, en 1996 foi nomeada membro do Consello Económico e Social de Estremadura. En 1999 Juan Carlos Rodríguez Ibarra, presidente da Xunta de Estremadura, nomeouna conselleira de Presidencia, e máis tarde foi conselleira de Fomento e artífice dun Plan rexional de vivenda, que consistiu basicamente en proporcionar terreos públicos de xeito gratuíto para que os promotores construísen vivendas a un prezo accesible.
Trala vitoria socialista nas eleccións xerais de 2004, o presidente José Luís Rodríguez Zapatero nomeouna ministra de Vivenda, ministerio de nova creación con poderes exclusivos sobre vivenda. Como responsable do ministerio, foi a encargada de recuperar a política de vivenda como política de estado, marcando unha axenda internacional de vivenda. Entre as súas accións máis destacadas están a promulgación do Código Técnico da Edificación, a elaboración do Plan estatal español de vivenda e rehabilitación (co primeiro programa específico de vivenda para a mocidade), a aprobación da nova Lei do Solo e a creación da Sociedade Pública do Alugamento. O 6 de xullo de 2007 foi relevada deste cargo, sendo nomeada no seu lugar Carme Chacón.
Volta á vida docente En 2011, María Antonia Trujillo, regresou á docencia na Universidade de Estremadura, unha ocupación que compaxina con distintas actividades en dous sectores, o inmobiliario e o enerxético. Así mesmo, participou en programas de televisión de debate e actualidade.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Información e políticas de María Antonia Trujillo en www.elpais.com Información de María Antonia Trujillo en www.elmundo.es Entrevista a María Antonia Trujillo
Categoría:Nados na provincia de Badaxoz Categoría:Nados en 1960 Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Ministros de España Categoría:Profesores