Melissa Paula Carlton, nada en Pietermaritzburg o 8 de maio de 1978, é unha nadadora paralímpica australiana nada en Suráfrica. Carlton naceu sen perna dereita e dedos curtos na man esquerda. Gañou medallas de ouro, prata e bronce para Australia nos Xogos Paralímpicos de Atlanta 1996 e Sydney 2000.

Traxectoria Carlton naceu na cidade surafricana de Pietermaritzburg o 8 de maio de 1978. Mudouse coa súa familia a Australia en 1986; primeiro estabelecéronse na cidade vitoriana de Beechworth, onde Carlton competiu en probas de natación en escolas locais. En 1990 mudáronse ao suburbio de Glenorchy, en Hobart. Logo, Carlton uniuse ao Club de Natación da Cidade de Glenorchy (agora coñecido como o Club Acuático Hobart), onde coñeceu a Chris Wedd, quen sería o seu adestrador durante toda a súa carreira paralímpica.

En 1991, Carlton gañou unha medalla de ouro no 8 km nos campionatos ao aire libre de Tasmania para nadadores sen discapacidade. Gañou unha medalla de ouro nos Xogos da Commonwealth de Vitoria de 1994 no Canadá nos 100 m estilo libre na categoría S9. En 1994, obtivo unha bolsa do Instituto Australiano de Deporte en natación.

Nos Xogos de Atlanta de 1996, gañou dúas medallas de ouro nas probas femininas de 400 metros estilo libre na categoría S9 e en 4x100  m estilo libre S7-10, polos cales recibiu unha Medalla da Orde de Australia, dúas medallas de prata nas probas de 100 m bolboreta S9 e 100 m estilo libre S9, e unha medalla de bronce no evento feminino de 100 m costas S9. Nos Xogos de Sydney 2000, gañou dúas medallas de prata nas probas femininas de 400 m estilo libre S9 e 100 m estilo libre S9 e dúas medallas de bronce no 4x100 m estilo libre 34 pts e 4x100 m Medley 34 pts.

Notas

Categoría:Nados en 1978 Categoría:Medallistas nos Xogos Paralímpicos de 1996 Categoría:Medallistas nos Xogos Paralímpicos de 2000 Categoría:Medallistas paralímpicos de ouro por Australia Categoría:Medallistas paralímpicos de prata por Australia Categoría:Medallistas paralímpicos de bronce por Australia Categoría:Nados na provincia de KwaZulu-Natal Categoría:Medallistas paralímpicos en natación