Hugo José Rama Calviño, nado o 22 de novembro de 1996 en Sigüeiro, é un futbolista galego que xoga como centrocampista no Athens Kallithea, da Segunda Superliga de Grecia.

Traxectoria Nado en Sigüeiro, Oroso, a orixe arxentina de seu pai fixo que fose afeccionado de River Plate dende pequeno. Comezou a súa formación como futbolista nas categorías inferiores do Celta de Vigo, onde destacou ata o segundo ano de xuvenil, cando decidiu abandonar o club por "saúde mental" e porque xa non gustaba da rutina que levaba. Xogou entón unha campaña no Xuventude Oroso, co que logrou o ascenso á Liga Nacional, e debutou na Primeira Galicia co Sigüeiro, compartindo equipo con Juanito. Foi nun partido ante o Cordeiro, no que marcou o único gol do seu equipo, que perdeu 1-2.

Após esa temporada incorporouse ao Deportivo da Coruña como xuvenil de terceiro ano. Do equipo xuvenil dirixido por José Ramón pasou ao Fabril na tempada 2015/16, onde se converteu nun dos xogadores fixos para o adestrador Manuel Mosquera. Con todo, a chegada de Cristóbal Parralo ao banco acabou provocando a saída de Rama do club por falta de minutos, despois de 49 partidos co filial.

En agosto de 2017 asinou co Cerceda de Tito Ramallo, aproveitando así a oportunidade de xogar na Segunda División B. Titular indiscutible no club cercedense, disputou un total de 44 partidos, 39 deles como titular, e marcou 9 goles.

O 25 de xaneiro de 2018 asinou un contrato co Lugo, da Segunda División, que se faría efectivo para a seguinte temporada. Porén, o club lucense cedeuno na súa primeira campaña ao Mirandés de Segunda B. En Miranda de Ebro foi titular indiscutíbel e unha das pezas chave do equipo adestrado por Borja Jiménez, que gañou a Copa Federación e logrou o ascenso a Segunda. Con todo, caeu lesionado nun encontro das eliminatorias de ascenso contra o Recreativo de Huelva, rompendo o ligamento cruzado anterior do xeonllo no mesmo momento que marcaba o único gol do partido. A pesar da lesión, o 24 de xullo Rama prolongou o seu contrato co Lugo até 2022.

Reapareceu nos terreos de xogo en xaneiro de 2020, debutando co Lugo en Segunda nun encontro ante o Rayo Vallecano no Estadio de Vallecas, entrando ao campo na segunda metade como substituto de Álex López. O 21 de outubro de 2020 marcou o seu primeiro gol na categoría de prata, na vitoria por 3-0 do seu equipo fronte ao Girona no Anxo Carro. Durante esa tempada (2020/21) disputou 38 encontros, 30 deles como titular, e marcou 4 goles.

En xaneiro de 2022 acordou co club a rescisión do seu contrato e asinou polo Oviedo, da mesma categoría. Xogou 10 partidos no que restaba de tempada, ás ordes do Cuco Ziganda, pero non se fixo cun oco no once titular ata a campaña seguinte, especialmente trala chegada do adestrador Álvaro Cervera. Iniciou a tempada 2023/24 como xogador do Oviedo, sendo titular na primeira xornada ante o Tenerife, pero no último día do mercado anunciouse a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, despois de chegar a un acordo co Oviedo para rescindir o seu contrato. O seu balance no club asturiano foi de 48 partidos e 1 gol.

A súa contratación polo Deportivo supuxo o seu regreso ao club coruñés seis anos despois da súa marcha do filial. Debutou co primeiro equipo branquiazul na segunda xornada da Primeira Federación, nunha vitoria por 0-3 diante do Lugo, o seu exequipo, no Anxo Carro. Cun irregular rendemento na primeira metade da tempada, o seu protagonismo caeu na segunda volta, e cando comezaba a recuperar peso no equipo con cinco titularidades consecutivas caeu lesionado ante a Cultural Leonesa, perdendo o resto da campaña. Con todo, contribuíu con 30 partidos (a metade deles como titular) e 2 goles ao ascenso do equipo á Segunda División como campión da categoría.

Na tempada 2024/25 apenas tivo participación no equipo coruñés, saíndo como titular só nun partido de liga e noutro de Copa do Rei, e sumou só 289 minutos entre ambas competicións. A finais de xuño anunciouse que non continuaría no club na vindeira tempada.

Despois duns meses sen equipo, en febreiro de 2026 puxo rumbo a Grecia, onde asinou como novo xogador do Athens Kallithea, da Segunda Superliga.

Estatísticas

ClubTempadaCategoríaLigaCopa do ReiOutrosInclúe partidos de promocións de ascenso e Copa Federación.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesSigüeiro2014/15Primeira Galicia11 - - - -11Fabril2015/16Terceira271 - -413122016/17Terceira152 - - - -152Total club4230041464Cerceda2017/18Segunda B360-- - -360Mirandés2018/19Segunda B36610 7 3449Lugo2019/20Segunda13000 - -1302020/21Segunda364 2 0 - -3842021/22Segunda19020 - - 210Total club 68 4 40 0 0 724Oviedo2021/22Segunda10100 - -1012022/23Segunda34030 - -3702023/24Segunda1000 - -10Total club4513000481Deportivo2023/24Primeira RFEF29210 - -2922024/25Segunda15010 - -160Total club4422000462Total carreira 262 17 10011 4 29221

Palmarés Mirandés Copa Federación (1): 2019.

Deportivo da Coruña Primeira División RFEF (1): 2023/24.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente.com .

Categoría:Nados en 1996 Categoría:Nados en Oroso Categoría:Futbolistas de Oroso Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril‎ Categoría:Xogadores do CCD Cerceda Categoría:Xogadores do CD Mirandés Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do Real Oviedo Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña