María Isabel Urrutia Ocoró, nada en Candelaria, Valle del Cauca o 25 de marzo de 1965, é unha deportista e política colombiana. Gañou a primeira medalla de ouro para Colombia, nos Xogos Olímpicos de 2000. Tamén foi campioa do mundo no Campionato Mundial de Halterofilia de 1990 e 1994. Foi a primeira medallista de ouro do seu país nun Campionato Mundial de Halterofilia; no presente é a encargada de dirixir a liga de levantamento de pesas en Bogotá.

Traxectoria María Isabel Urrutia Ocoró naceu no concello de Candelaria, sendo os seus pais Pedro Juan e Nelly. Sendo aínda nena, a súa familia radicouse no barrio Mariano Ramos da cidade de Cali. Medrou nunha familia numerosa xunto cos seus pais e 4 irmáns. Foi descuberta xogando nas rúas do seu barrio polo seu veciño Daniel Balanta, quen lle propuxo practicar atletismo e ela aceptou decontado. Cando Urrutia tiña 13 anos debía camiñar unha hora de ida e volta para adestrar no estadio de atletismo en Cali, xa que non tiña cartos para o bus. Logo de conseguir traballo servindo café, foi despedida por pedir permiso para participar nunha competición en Chile. Con 20 anos comezou a traballar como operadora telefónica de EMCALI polas mañás, adestrando polas tardes e estudando polas noites, o seu traballo exerceuno até a súa participación nos Xogos Olímpicos de 2000.

Logo da súa participación nos Xogos Olímpicos de 1988, o adestrador búlgaro Gantcho Karouskov recomendou a Urrutia cambiar de deporte xa que a súa contextura física era axeitada para ser unha campioa no levantamento de pesas. Ese mesmo ano comezara a participación das mulleres neste deporte. Logo dunha década baixo o adestramento de Gantcho, Urrutia gañou nove medallas nos Campionatos Mundiais de Halterofilia. En 1999, con 34 anos, Urrutia pensou en retirarse da competencia deportiva. Ese mesmo ano, o Comité Olímpico Internacional incluíu a halterofilia feminina como un evento olímpico por vez primeira. Por tal razón, pospuxo o seu retiro para despois dos Xogos Olímpicos de 2000 en Sydney.

Urrutia competiu un ano máis, esta vez a nivel continental, mais un caso de dopaxe provocou o seu retiro do deporte. Logo de deixar a competencia deportiva, licenciouse en Educación Física e Deporte con énfase en pedagoxía pola Universidade Adventista de Medellín, sendo tamén especialista en dereitos humanos e da muller pola Escola de Xénero da Corte Penal Internacional e en dereitos humanos e de xénero na Escola de Xénero da Corte Interamericana de Washington. Comezou a súa carreira política sendo membro da Cámara de Representantes de Colombia dende 2002 a 2010, sendo autora de varios proxectos de lei. Foi tamén candidata á alcaldía de Cali nas eleccións dos períodos 2011 e 2015. Logo de gañar a medalla olímpica de ouro, Urrutia converteuse nunha figura pública para o país, e foi recoñecida con gran cantidade de homenaxes. Ese é o caso do coliseo de combate construído no barrio no que medrou, bautizado co nome de "María Isabel Urrutia". É tamén unha convidada habitual nas mesas de análises dos distintos eventos multideportivos nos que compite a selección colombiana de halterofilia.

Notas

Categoría:Nados en 1965 Categoría:Nados no departamento de Valle del Cauca Categoría:Colombianos de ascendencia africana Categoría:Atletas olímpicos de Colombia Categoría:Halterófilos olímpicos de Colombia Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 2000 Categoría:Medallistas olímpicos de ouro por Colombia Categoría:Medallistas olímpicos en halterofilia Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1988 Categoría:Halterófilos nos Xogos Olímpicos de 2000