miniatura|500px|Mapa incluído na Historia General de España de Modesto Lafuente, ano 1850.O autor traduce o termo árabe Jalikiah (Galicia) por Reino de León. A primeira referencia historiográfica explícita sobre a existencia do Reino de Galicia data do século VI, cando o bispo Gregorio de Tours denomina Galliciensim regnum o estado creado polo pobo xermánico dos suevos na provincia romana da Gallaecia. Este reino galego altomedieval perdurou, con dimensións e significados cambiantes, desde a época sueva até o século XIX, momento no que, a través dunha reforma administrativa, a tradicional organización en reinos da monarquía hispana foi substituída por unha estrutura provincial centralizada.

Malia este dilatado lapso temporal e a existencia de abondosas alusións documentais, os historiadores españois da Idade Contemporánea substituíron as referencias ao reino galego da alta e plena Idade Media polas denominacións de Reino de Asturias e Reino de León, sendo o territorio da Galicia actual presentado como un espazo subsidiario de escasa importancia. A contradición entre esta visión historiográfica e a realidade presentada polos documentos históricos foi denunciada por unha parte dos estudosos galegos e non deixou de ser recoñecida, dun ou outro xeito, polos propios historiadores que a propagaron.

Historiografía medieval A designación "Reino de Galicia", empregada nun primeiro momento para lle dar nome ao reino dos suevos, pasou coa islamización da Hispania visigoda a designar todo o territorio peninsular baixo dominio cristián, coa excepción da Marca Hispánica franca. A escisión de novas realidades políticas desde o século XII (Portugal, Castela, León) reduciu paulatinamente as dimensións do territorio, nun proceso que culminou no século XV cando, após a separación do Bierzo, o reino galego presentaba practicamente a extensión da actual comunidade autónoma de Galicia.

Período xermánico (séc. V-VII) miniatura|230x230px|Bispados do Reino de Galicia.Século VI: Braga, Porto, Lamego, Coímbra, Dumio, Lugo, Ourense, Astorga, Iria, Britonia, Tui, Idaña, Viseu. No ano 411, nos estertores do imperio, Roma chegou a un acordo (foedus) coa tribo xermánica dos suevos polo que lles foi cedida para o seu asentamento a provincia da Gallaecia. Este referente territorial foi axiña asumido polos novos gobernantes, como se pode deducir da inscrición "MVNITA GALLICA", presente nalgunha das moedas da época.López Carreira (2008, p. 27 No século seguinte o clérigo francés Gregorio de Tours (†594), na súa obra Historia Francorum, nomeaba xa como "Galliciensim regnum" os dominios suevos.

Os seus territorios incluían Asturias e a chaira leonesa. Así o transmitiron os cronistas Paulo Orosio (†420), quen sitúa en Galicia a cántabros e ástures, Hidacio (†469), quen, ademais de sinalar a galeguidade de "Asturica" (Astorga), denomina "Campos Gallaeciae" a planicie leonesa coñecida hoxe como Tierra de Campos; e Isidoro de Sevilla (†636), quen xa no século VII volve indicar que Asturias e Cantabria están dentro de Galicia. As dimensións aproximadas do reino galaico poden ser deducidas da enumeración de prelados asistentes aos concilios de Braga e Lugo e da relación de sés relixiosas incluída no parrochiale suevum (ca. 569), onde todos os bispados fican englobados na "regione" galega.

No ano 585 a monarquía visigoda incorporou o Reino de Galicia aos seus dominios. As crónicas de Afonso III afirmarán tres séculos despois que "os visigodos eran máis fortes e dominaron o Reino de Galicia". Este feito non supuxo a desaparición como entidade diferenciada do reino galisuevo (así o denomina o poeta Venancio Fortunato [† ca. 600]),, pois o propio Liber Iudiciorum visigodo divide o territorio godo en tres espazos: España, Galia e Galicia. Esta división tamén figura nos concilios visigodos: no concilio terceiro (589) establécense rezos para os homes das igrexas de España, Galia e Galicia, e no décimo terceiro (683) un decreto fiscal diferenza entre estes tres mesmos espazos territoriais para a súa aplicación. A mesma distribución territorial aparece na crónica de Xoán Biclarense (†621), autor que distingue a "provincia Gallaecia" da "provincia gothorum" e, cando dá noticia dun Concilio en Toledo, coincide en sinalar que a el acudiron bispos de "España, Galia e Galicia".

Período cristián (séc. VIII-XI) miniatura|230x230px|Bispados do Reino de Galicia.Século IX: Braga (metrópole), Dumio, Porto, Tui, Ourense, Iria, Lugo, Britonia e Astorga. A comezos do século VIII, o islam estendeuse até a Península Ibérica poñendo fin ao Reino Visigodo. A ocupación islámica non chegou a alcanzar Galicia, onde permaneceron inalteradas as estruturas sociais e relixiosas. A documentación medieval mesmo recolle nestes séculos referencias a unha moeda galega propia: o sólido galego. Estes sólidos "de uso na nosa terra" aparecen referidos, baixo diferentes variantes: gallicanos, gallicenses, gallicanus, nos cartularios das igrexas galegas até o século XII.

Estes feitos, ignorados pola historiografía española tradicional, aparecen reflectidos en crónicas cristiás e musulmás e nas obras de diferentes historiadores ao longo dos séculos. Así, Sixeberto de Gembloux (†1112) escribiu sobre "o reino que é a terceira parte da Hispania, o cal chamamos de Galicia, que nin os visigodos nin despois os sarracenos puideron someter"; o rei granadino Abd Allah ibn Buluggin († ca. 1090) lembrou nas súas memorias como Al-Andalus "pertencía aos cristiáns até que os árabes os derrotaron e acantoaron en Galicia"; o alemán Georgius Agricola (†1555) explicou que os sarracenos "irromperon en Hispania cun exercito inxente e despoboaron todas as terras agás Galicia"; e o alxeriano Al Maqqari (†1632) narrou como "naquel tempo non ficou ningún lugar sen dominar por Al-Andalus se exceptuamos o país de Galicia".

O territorio da Península Ibérica mantivo pois a mesma división territorial en tres espazos do período xermánico: Galicia, o reino dos cristiáns; a España musulmá, herdeira do Reino Visigodo, e a marca hispánica do imperio franco. No contexto deste marco político abundan as referencias a Galicia e ao seu territorio:

miniatura|Drakkar viquingo.Os normandos dividían a península ibérica en tres espazos políticos: Galizuland, Spanland e Skarland. Documentación de orixe cristiá, que divide a Península Ibérica entre Galicia (Gallaecia), España (Hispania) e a Marca Hispánica do Reino Franco: Ao Concilio de Frankfurt (794) acudiron os bispos de Galicia xunto aos de Italia, Gotia e Aquitania, e desde alí o papa Hadrián I (†795) emitiu un documento dirixido ao clero de Galicia e España, é dicir, ao clero galaico e ao mozárabe. Os bispos galegos figuran tamén entre os asistentes ao Concilio de Attigny (874). Na obra do monxe Beato de Liébana (†798) atribúese a Santiago a evanxelización de Galicia, non a de Hispania. Un texto mozárabe denominado Nomina Ovetensis (780) incluído na chamada Nomina Sedium Episcopalium enumera os bispados galegos do século VIII. No século seguinte fai o mesmo a crónica Albeldense (881), o que permite debuxar os límites territoriais de Galicia e cotexar a continuidade coa época sueva. Uns límites que a documentación do século X sitúa no río Cea, chegando polo sur até o río Mondego, Coímbra e o mosteiro fortaleza de Lorvão. O valor referencial de Galicia é claro e preciso entre toda a cristiandade medieval, existindo numerosos exemplos asociados sobre todo ao fenómeno das peregrinacións xacobeas. Por exemplo, a viaxe do monxe armenio Simeón de Mantua (†1016), quen no ano 983 peregrinou "por diversos lugares de Galicia coñecedor da fama do rei (Bermudo II)". Alén dos confíns tradicionais, no ano 956 un monxe franco recolle nos Anais de St. Gallen que a batalla do Barranco, producida en 939 ao sur do río Douro, ao pé da actual provincia de Soria, tivo lugar na "rexión de Galicia".

Documentación de orixe escandinava, que divide a Península Ibérica entre Galicia (Galizuland), España (Spánland) e a marca franca (Skarland): A primeira incursión normanda chegou ás costas galegas no ano 844. despois de asaltar Tolosa. Existen dezaseis sagas nas que se fala de Galicia, en ocasións co nome Jakobsland, a "terra de Santiago", e dos reis galegos. Por exemplo, a saga dos Jarls das illas Orcadas (Saga Orkneyinga), a saga dos fillos de Magnus III de Noruega (†1103) (Saga Magnússona) ou a saga dos descendentes de Canuto o Grande (†1035) (Saga Knytlinga). Nesta última nárrase a historia de Ulv Galiciefarer que "foi como viquingo cara ao oeste e arrasou Galicia facéndose cun rico botín; motivo polo que se lle chamou Ulf o Galego".

miniatura|Península Ibérica segundo a Crónica do Mouro Rasis (†955). Documentación de orixe musulmá, que divide a Península Ibérica entre Galicia (Djilliquiyya), España (al-Andalus) e os territorios pirenaicos dos francos (Ifrandj): No Ajbar machmúa, compilación de textos árabes dos séculos VIII a XI, denomínanse galegos (al-yalaliqa) os cristiáns do occidente peninsular e Galicia o seu reino. O historiador e xeógrafo Al-Ya'qubi (†897/8) rexistra no seu Kitāb al-buldān (Libro dos países) que Mérida limita co territorio do pobo dos galegos. O xeógrafo Al-Masudi (†956) fala dos galegos e os seus pobos veciños: francos, eslavos, lombardos etc., citándoos como o maior perigo para Al-Andalus e narrando como Abd al-Rahman, rei de España, marchou contra Zamora, capital dos galegos. O persa Al-Istakhri (†957) describe no seu Kitāb al-Masālik al-mamālik (Libro de camiños e reinos) a fronteira de Al-Andalus incluíndo Zamora e Oviedo entre as cidades galegas. O árabe Ibn Hawqal (†988) sinala Galicia entre os reinos cristiáns europeos por el recoñecíbeis, dividindo a Península Ibérica entre ela e a España musulmá, citando como cidades galegas Oviedo, Zamora e León e situando en Lisboa a fronteira sur. Al-Andalusi (†1070) sitúa os galegos entre as nacións nas que divide o mundo coñecido. Ibn Hayyan (†1075) cita Clunia como "primeiro confín de Yilliqiyya" polo leste e Coímbra polo sur. O cartógrafo e xeógrafo Al-Idrisí, na súa descrición do mundo realizada contra 1150 e titulada Nuzhat al-mushtāq fi'khtirāq al-āfāq (Libro de agradábeis viaxes a afastadas terras), tamén coñecida como o Libro de Roxerio (Kitāb Rūŷar) ao ser un encargo de Roxelio II de Sicilia, informa que de Galicia dependen, entre outras, as cidades de León, Segovia, Burgos e Soria. O xeógrafo Yaqut, que viviu entre 1179 e 1229 e compuxo o Kitāb Mu'jam al-Buldān (Dicionario de Países) entre 1224 e 1228, localiza Yilliqiyya "próxima á costa do océano, no extremo noroeste de al-Andalus". Outros autores árabes máis serodios, mais que basean as súas obras en crónicas previas continúan na mesma liña; así: Ibn Khaldún (†1406) cita os galegos entre as nacións veciñas de Al-Andalus, e Al-Himyari (†1495) narra a batalla de Simancas (939) situándoa en territorio galego (o mesmo fan as fontes cristiás) e indicando que "de entre as nacións coas que os habitantes de Al-Andalus estaban en conflito, a galega era a máis poderosa".

Disgregación do reino (séc. XI-XIII) miniatura|O bispo Diego Xelmírez.A Historia compostellana, libro sobre a vida do prelado e os acontecementos políticos da súa época, nunca menciona a existencia dun reino de León.