Moritz Pasch, nado en Breslau (Prusia) o 8 de novembro de 1843, e finado en Bad Homburg o 20 de setembro de 1930, foi un matemático alemán de orixe xudía especializado en xeometría, o primeiro en describila de forma puramente axiomática.

Traxectoria Pasch empezou estudando química na Universidade de Breslavia, pero pronto se cambiou ás matemáticas a suxestión do seu profesor, Heinrich Schröter, quen finalmente dirixiu a súa tese de doutoramento (1865). Despois dun tempo en Berlín, onde estudou con Karl Weierstrass e Leopold Kronecker, conseguiu a súa habilitación docente na Universidade de Giessen en 1870.

Toda a súa carreira académica (1870-1911) desenvolveuse nesta universidade, sendo un profesor extraordinario desde 1873, profesor titular a partir de 1875 e catedrático desde 1888, en substitución do falecido Heinrich Baltzer. Tamén foi decano da facultade en 1883 e reitor da universidade en 1893-94.

En 1911 retirouse da docencia, pero continuou unha activa investigación. Morreu durante unha viaxe de vacacións.

Investigacións A Pasch débeselle a primeira axiomatización moderna da xeometría. No seu libro Vorlesungen über die neuere Geometrie (Leccións sobre xeometría moderna) (1882, 2.ª ed. 1926), baseado nas clases que estivera dando desde 1873, declarou a súa intención de establecer explicitamente todos os conceptos e proposicións básicas da xeometría proxectiva (axiomas), derivando deles todos os resultados da disciplina de forma estritamente lóxica e insistindo na idea de que o conxunto de axiomas ten que ser completo. Neste aspecto é o antecedente máis directo da axiomatización (hoxe considerada canónica) feita por David Hilbert uns anos máis tarde (1899).

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Nados en Wrocław Categoría:Matemáticos de Alemaña Categoría:Nados en 1843 Categoría:Finados en 1930