Andi Mutiara Pertiwi Basro, máis coñecida como Tara Basro e nada en Iacarta o 11 de xuño de 1990, é unha modelo, actriz e presentadora de televisión indonesia.

Traxectoria Tara comezou a súa carreira na industria do entretemento ao participar no concurso de modelos para adolescentes Gadis Sampul en 2005. Posteriormente, mudouse para coa súa familia a Australia e alí continuou os seus estudos graduándose en TAFE NSW.

Ao volver a Indonesia participou en varias probas de selección de actores para filmes sen lograr ningún papel relevante ata 2011 ao acudir a unhas probas para un musical de teatro e coñecer o director de repartición do filme Catatan (Harian) Si Boy e pola súa interpretación nesa película foi candidata ao premio á mellor actriz novel nos Indonesian Movie Awards. En 2012 protagonizou o segmento "Pasar Setan" na película de terror antolóxica Hi5teria e nese ano participou tamén na rodaxe de Rumah dan Musim Hujan, aínda que a súa estrea foi 2018 so o título Hoax. En 2013 interpretou a moza materialista de Pandji Pragiwaksono no filme Make Money.

En 2014 actuou en catro filmes, a súa primeira aparición foi na películas de artes marciais (estilo silat) Pendekar Tongkat Emas, logo tivo un pequeno papel no filme de acción indonesio-nipón Killers. Protagonizou, como bióloga mariña, o drama romántico The Right One e finalizou o ano co filme familiar antolóxico Princess, Bajak Laut & Alien-

En 2015 deu vida á protagonista de Another Trip to the Moon, un filme surrealista do director Ismail Basbeth que participou no Festival Internacional de Cinema de Rotterdam .

Outro dos filmes que protagonizou en 2015, A Copy of My Mind dirixido por Joko Anwar, exhibiuse no Festival Internacional de Cinema de Toronto e no de Venecia e pola súa actuación gañou o premio Citra á mellor actriz. En 2015 participou en dúas series de televisión, Halfworlds de HBO e The East de NET.

Tras o éxito de A Copy of My Mind Tara deu vida en 2016 a Kusuma Wardhani en 3 Srikandi con Reza Rahadian nun filme que narra a historia do equipo indonesio de arco nos Xogos Olímpicos de 1988. Tamén protagonizou a película musical Ini Kisah Tiga Dara, un remake do filme de Usmar Ismail Tiga Dara (1957). Nese ano presentou The Amazing Race Asia 5 con Allan Wu.

En 2017 protagonizou outro filme de Joko Anwar, Pengabdi Setan, unha precuela do filme homónimo dirixido en 1980 por Sisworo Gautama Putra, o filme foi todo un éxito de público en Indonesia, con 4 200 000 espectadores, foi o filme nacional con maior recadación de 2017. Na obra de teatro, Perempuan-Perempuan Chairil, foi Sumirat, unha das compañeiras do poeta Chairil Anwar

En 2018 intrepretou a Kanti, unha exitosa banqueira na serie Halustik da plataforma Viu e en 2019 participou en dous filmes de Anwar, Perempuan Tanah Jahanam e Gundala.

Notas

Categoría:Nados en 1990 Categoría:Nados en Iacarta Categoría:Actores de Indonesia Categoría:Modelos femininas