Guillermo Santoro Sánchez-Harguindey, de malnome Mirko, nado en Vigo en 1933 e finado na mesma cidade o 2 de novembro de 2012, foi un empresario galego, coñecido por ser membro da banda armada Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación.
Traxectoria Fillo de médico, o vigués Guillermo Santoro estivo vinculado ao Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación, un grupo armado violento de inspiración marxista revolucionaria, que na década de 1960 realizou atentados en diversas cidades de España e de Portugal, e que chegou a secuestrar un barco entre La Guaira e Lisboa, o paquebote Santa Maria.
Residente en Francia, como membro dese grupo armado Santoro participou en distintos atentados en xuño de 1960 contra estacións ferroviarias en Barcelona, Bilbao e Donostia, mais só neste último houbo vítimas mortais. O 25 de xuño de 1960 Santoro mercou unha maleta en Donostia, encheuna de explosivos e levouna o día 26 á estación de tren de Amara, en Donostia. A maleta foi detonada na consigna da estación o 27 de xuño de 1960, e causou seis feridos e a morte dunha nena de 20 meses. A acción foi reivindicada días despois polo líder do DRIL, Henrique Galvão, e con todo durante moitos anos tívose como un atentado da ETA.
No atentado, Santoro supostamente colaborou con outro membro do DRIL, Reyes Marín e con Arturo González-Mata. Con el fuxiu a Tolosa, e de aí a Bélxica, onde en Liège foi detido pola policía belga en agosto de 1960. Durante a detención a policía belga apreixou armas e explosivos. O goberno español reclamou a súa extradición, pero nunca se produciu. Un informe da CIA, posterior a agosto de 1960, sitúao en Alemaña, pero non o sitúa entre os que foran arrestados en Bélxica. En 1978, José Fernández, Comandante Sotomayor, antigo dirixente do DRIL, sinalou nas súas memorias que a autoría do atentado fora de Guillermo Santoro.
Guillermo Santoro continuou a vivir en Francia, onde chegou a ter unha empresa ao seu nome preto da fronteira con Italia e Suíza. Volveu a Vigo, onde faleceu en 2012.
Notas
Categoría:Terroristas de España Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1933 Categoría:Finados en 2012 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes