O hipopótamo (nome científico: Hippopotamus amphibius) é un gran mamífero artiodáctilo que é fundamentalmente herbívoro e se atopa na África subsahariana. É, xunto ao hipopótamo anano (Choeropsis liberiensis), un dos dous únicos membros actuais da familia Hippopotamidae.
É un animal semiacuático que mora en ríos e lagos, e onde os machos adultos territoriais con grupos de cinco a trinta femias e hipopótamos novos controlan unha zona do río. Durante o día repousan na auga ou na lama, e tanto a cópula coma o parto deste animal suceden na auga. Ao anoitecer vólvense máis activos e saen comer herbas terrestres. Aínda que os hipopótamos descansan xuntos na auga, o pasto é unha actividade solitaria, e non son moi territoriais na terra. Son máis perigosos e territoriais cando están na auga.
Malia o seu parecido físico cos porcos e outros ungulados terrestres, os seus parentes vivos máis próximos son os cetáceos (Balaenidae, Phocoenidae, etc.) dos que diverxeron hai aproximadamente cincuenta e cinco millóns de anos. O devanceiro común de baleas e hipopótamos separouse doutros ungulados hai aproximadamente sesenta millóns de anos. Os fósiles de hipopótamo máis antigos que se coñecen pertencen ao xénero Kenyapotamus, atopados en África e datados coma de hai aproximadamente dezaseis millóns de anos.
O hipopótamo é doadamente recoñecíbel polo seu torso en forma de barril, enorme boca e dentes, cabeza grande truncada nun fociño ancho e arredondado, corpo coa pel grosa, lisa e case sen pelo, patas curtas e o seu grande tamaño. É o terceiro animal terrestre polo seu peso (entre 1½ e 3 toneladas), detrás do rinoceronte branco (1½ a 3½ toneladas) e os dous xéneros de elefantes (3 a 9 toneladas).
Atópanse ameazados por mor da perda do seu hábitat e pola caza furtiva para conseguir a súa carne e o almafí dos seus dentes caninos.
Etimoloxía A palabra hipopótamo deriva do latín hippopotămus, que á súa vez provén do grego hippopótamos (ἱπποπόταμος), composto por híppos (ίππος), cabalo, e potamós (ποταμος), río, «cabalo de río». Se os gregos da época clásica designaban a este animal como «cabalo de río», os árabes chamábano «búfalo de auga», e os antigos exipcios «porco de río».
Descrición thumb|Detalle da súa enorme boca, un dos trazos máis característicos deste animal, onde se aprecian os grandes dentes caninos. thumb|Debuxo do seu esqueleto. O hipopótamo é o quinto animal terrestre máis grande do mundo na actualidade (despois das tres especies de elefantes e o rinoceronte branco). Poden vivir na auga ou desprazarse por terra, e a súa densidade relativa permítelles afundirse e andar ou correr baixo a auga polo fondo dos ríos. Están considerados como megafauna actual, pero a diferenza do resto da megafauna africana, adaptáronse a unha vida semiacuática en ríos e lagos de auga doce.
Debido ao seu gran tamaño, os hipopótamos son difíciles de pesar na natureza e a maior parte das estimacións do seu peso en estado silvestre proveñen de operacións realizadas nos anos 1960. O peso medio para os machos adultos oscila entre 1500 e 1800 kg. As femias son máis pequenas ca os machos, cuns pesos medios de entre 1300 e 1500 kg. Os machos máis vellos chegan a pesos moito maiores, acadando canto menos 3200 kg e en ocasións até 4500 kg. Os machos parece que medran durante toda a súa vida, namentres que as femias acadan o seu peso máximo ao redor dos vinte e cinco anos de idade. Miden entre 3,3 e 5,2 metros de longo incluída a cola, duns 56 cm, e aproximadamente 1,5 m de altura até os ombreiros. O rango de medidas do hipopótamo superponse coas do rinoceronte branco; a utilización de métricas diferentes fai que resulte difícil estabelecer cal destes dous animais é o maior animal terrestre tras os elefantes.
Malia ser uns animais de aspecto bochudo, co seu gran torso en forma de barril e patas curtas, en terra poden correr máis rápido ca un ser humano medio. As estimacións da súa velocidade en carreira varían de 30, 40, 45 ou ata 50 km/h; só pode manter estas altas velocidades en distancias curtas.Hipopótamo común. www.parquedecabarceno.com. Consultado o 21 de maio de 2020.Por qué son peligrosos los hipopótamos . Misanimales.com. Consultado o 21 de maio de 2020.
thumb|left|Hipopótamos no parque nacional de Chobe, Botswana. A súa boca é enorme e as súas mandíbulas poden abrirse nun ángulo de 150 graos; o pescozo é curto e robusto e o corpo é alongado e enormemente groso, co dorso máis elevado na grupa que na cruz e afundido na parte central; o ventre, amplo e arredondado, é colgante e chega a rozar o chan cando o animal camiña por un terreo pantanoso. Os ollos, as orellas e as fosas nasais están situados na parte superior da cabeza, o que lles permite permanecer na auga coa maior parte do corpo mergullado na auga e a lama dos ríos tropicais para manterse frescos e evitar as queimaduras solares. Cada unha das súas patas ten catro dedos ben desenvoltos con terminacións en pezuño e a súa estrutura esquelética é graviportal, adaptada para soster o gran peso destes animais. Como outros mamíferos acuáticos, o hipopótamo ten moi pouco pelo. Aínda que non é un ruminante posúe un estómago complexo composto por tres divisións ou cámaras. thumb|Hipopótamo semimergullado no zoo de Memphis. A pel é lisa con pregaduras no peito e no pescozo e case sen pelo con excepción dunhas curtas sedas na cabeza e no rabo. É de cor cinsenta morada, coa parte inferior do corpo e ao redor dos ollos e orellas de cor marrón rosácea; son comúns os casos de albinismo. A epiderme (capa externa) é uniformemente delgada, e a endoderme varía duns 5-6 cm no lombo e grupa a menos de 1 cm na cabeza e ventre. A súa pel segrega un protector solar natural de cor avermellada, que fai que en ocasións se diga que «súa sangue», pero nin é suor nin é sangue; esta secreción é inicialmente incolora, para aos poucos minutos volverse de cor vermella alaranxada e eventualmente de cor marrón. Identificáronse dous pigmentos distintos nas secrecións, un vermello (ácido hiposudárico) e un laranxa (ácido norhiposudórico). Ambos son compostos moi ácidos, e inhiben o crecemento de bacterias causantes de enfermidades; por outra banda, a absorción da luz destes pigmentos acada o rango ultravioleta conseguindo un efecto de pantalla solar. Todos os hipopótamos, mesmo con diferentes dietas, segregan estes pigmentos, polo que non parece que os produzan en función da súa alimentación. En cambio, os animais poden sintetizar os pigmentos de precursores proteicos, coma o aminoácido tirosina.
Contan con 2-3 pares de incisivos e os caninos da mandíbula inferior teñen a aparencia de dous enormes cabeiros, que poden superar no caso dos machos os 50 cm de lonxitude (a metade no caso das femias) e acadar un peso de 4 kg; son triangulares, curvados en forma de media lúa, romos no seu extremo e provistos de sucos lonxitudinais. Os cabeiros da mandíbula superior son moito máis curtos e febles, e tamén curvados e romos no seu extremo. Mediuse a forza da mordida dun hipopótamo femia adulto en 8100 N.Barr, Brady. Undercover Hippo, Dangerous Encounters, National Geographic Channel, 20/1/2008. Consultado o 26 de abril de 2021.
Ecoloxía e comportamento thumb|Grupo de hipopótamos no val de Luangwa, Zambia. thumb|Hipopótamo mergullado no zoo de San Diego. Os adultos emerxen para respirar cada 3-5 minutos. thumb|Hipopótamos loitando no zoo de Barcelona. Aínda que non é un animal estritamente nocturno, son activos durante a noite. Pasan a meirande parte do día durmindo ou envorcallándose na auga ou na lama xunto aos demais membros do seu grupo. A auga sérvelles para manter a temperatura do seu corpo baixa e para impedir que a súa pel se reseque. Agás para comer, a maior parte das súas vidas (cortexo, loitas entre eles, parto) ocorren na auga.
Deixan a auga ao anoitecer e desprázanse terra dentro, ás veces ata oito quilómetros, para pastar en zonas de herba curta, a súa fonte principal de alimento, que extraen enteira axudándose dos beizos. Pasan de catro a cinco horas pastando e poden consumir preto de setenta quilogramos de herba cada noite (aproximadamente un 5% do seu peso). Como a maioría dos herbívoros, consumirán outro tipo de plantas se se dá a ocasión, pero a súa dieta en estado silvestre consiste case completamente en herba, cun consumo mínimo de plantas acuáticas. Víuselles nalgunhas ocasións comendo prea, pero moi raramente e sempre preto da auga, e mesmo hai informes de casos de canibalismo e depredación. A anatomía do estómago dos hipopótamos non é axeitada para unha dieta carnívora, polo que a inxesta de carne débese probabelmente a comportamentos aberrantes ou tensión nutricional.
Aínda que a súa dieta é sobre todo a base de herbas terrestres, dado que pasan a meirande parte do tempo na auga a maior parte das súas dexeccións prodúcense na auga, creando depósitos alóctonos de materia orgánica nos leitos dos ríos. Estes depósitos non teñen unha función ecolóxica clara. Por mor do seu tamaño e o seu hábito de utilizar xeralmente os mesmos camiños para alimentarse, os hipopótamos poden ter un impacto significativo na terra que atravesan, tanto porque esas zonas fican ceibes de vexetación como polas depresións na terra. Se isto se produce durante períodos prolongados poden desviar os leitos de pantanos e canais.
Os hipopótamos adultos non aboian e non poden nadar. Cando se atopan en augas profundas, propúlsanse xeralmente dando pequenos pulos polo fondo; móvense a velocidades superiores a oito quilómetros por hora na auga. Porén, os hipopótamos novos si aboian e desprázanse xeralmente nadando con impulsos das súas patas traseiras. Os adultos emerxen a respirar cada tres ou cinco minutos, e os xoves teñen que respirar cada dous ou tres minutos. O proceso da saída á superficie e de respiración é automático, e mesmo un hipopótamo que durma baixo a auga subirá e respirará sen espertar. Cando se mergullan pechan as narinas.
Estudar a interacción entre machos e femias foi durante moito tempo complicado. Ao non existir un dimorfismo sexual nesta especie, é moi difícil distinguilos en estado silvestre. Aínda que lles guste estar en proximidade uns doutros, non parece que formen unións sociais agás entre nais e fillos, e non son animais sociais. A razón pola que se reúnen tan próximos uns a outros é descoñecida. miniatura|esquerda|Un exemplar introducíndose na auga. Son principalmente territoriais na auga, onde un macho controla unha pequena extensión do río duns 250 m de lonxitude de media para estabelecer dereitos de apareamento e que contén unhas dez femias. Os grupos máis numerosos poden conter até cen individuos. Permiten a presenza doutros machos na súa zona, pero sempre que se sometan á autoridade do macho dominante. Dentro dos grupos téndese a segregar por xénero. Os machos novos permanecen con outros machos solteiros, as femias permanecen xunto a outras femias e o macho dominante permanece só. Cando deixan a auga para ir comer, fano individualmente.
Os hipopótamos parece que se comunican verbalmente, por griñidos e bramidos, e crese que poden ter certa capacidade de ecolocación, pero o obxecto destas vocalizacións descoñécese. Poden manter a cabeza parcialmente por enriba da auga e emitir un berro que viaxa tanto pola auga como polo ar, e responden a el os hipopótamos que están tanto dentro como fóra da auga.
Teñen moi poucos depredadores, pero os crocodilos do Nilo, leóns e hienas poden cazar hipopótamos mozos.
Ciclo vital miniatura|Familia de hipopótamos salvaxes bañándose no parque nacional Kruger, Suráfrica. A súa lonxevidade media sitúase entre os corenta anos de idade en estado silvestre e cincuenta anos en catividade. Os hipopótamos de maior idade dos que existe constancia foron os seguintes: «Tanga», que viviu en Múnic (Alemaña) e morreu en 1995 á idade de 61 anos, e «Bertha», que viviu en Filipinas e morreu en 2017 aos 65 anos.Bertha, hipopótamo mais velho do mundo, morre aos 65 anos (en portugués). Veja.abril.com.br. Consultado o 23 de xullo de 2020.