Manuel Lopes Ferreira Fonseca, máis coñecido como Manuel da Fonseca, nado en Santiago do Cacém o 15 de outubro de 1911 e finado en Lisboa o 11 de marzo de 1993, foi un escritor (poeta, contista, novelista e cronista) portugués. Un dos máis importantes do neorrealismo portugués.
Traxectoria Tras terminar o ensino básico, Manuel da Fonseca proseguiu os seus estudos en Lisboa. Estudou no Colexio Vasco da Gama, Liceu Camões, Escola Lusitânia e Escola de Belas-Artes. A pesar de non ter sobressaído na área das Belas-Artes, deixou algúns rexistros do seu trazo, sobre todo nos retratos que facía dalgúns dos seus compañeiros de conversas lisboetas, como é o caso do de José Cardoso Pires. Durante os períodos de interregno escolar, aproveitaba para regresar ao seu Alentejo de orixe. De aí que o espazo de elección dos seus primeiros textos sexa o Alentejo. Só máis tarde e a partir de Um Anjo no Trapézio é que o espazo das súas obras pasa a ser a cidade de Lisboa.
Membro do Partido Comunista Portugués (PCP), Manuel da Fonseca formou parte do grupo do Novo Cancioneiro e é considerado por moitos como un dos mellores escritores do Neorrealismo portugués. Nas súas obras, cargadas de intervención social e política, relata como poucos a vida dura do Alentejo e dos alentejanos. Tda a súa obra é atravesada polo Alentejo e o seu pobo. Ligado ao neorrealismo, evolucionou no sentido dun rexionalismo crecente, ligado ao seu Alentejo natal, retratando o pobo desta rexión e a miseria que sufriu.
A súa vida profesional foi moi díspar, exercendo nos máis distintos sectores: comercio, industria, revistas, axencias publicitarias, entre outras.
Era membro da Sociedade Portuguesa de Escritores cando esta atribuíu o gran Premio da Novelística a José Luandino Vieira pola súa obra Luuanda, o que levou ao peche desta institución e á detención dalgúns dos seus membros na prisión de Caxias, entre os cales estaba Manuel da Fonseca. A súa escrita era seguida de cerca pola Censura. Vixiado e perseguido pola PIDE, tanto polo que escribía como pola militancia política, coñeceu a brutalidade dos interrogatorios e dos cárceres fascistas.
A 25 de outubro de 1983, foi agraciado co grao de Comendador da Orde Militar de Sant'Iago da Espada.
Na súa homenaxe, a Escola Secundaria de Santiago do Cacém denomínase Escola Secundária Manuel da Fonseca e as bibliotecas municipais de Castro Verde e Santiago do Cacém, Biblioteca Municipal Manuel da Fonseca.
Colaborou nas revistas Árvore, Vértice, O Diabo, Seara Nova, A Capital, Atlántico.
Algunhas das súas obras foron traducidas a varios idiomas e levadas ao cinema.
O Fogo e as cinzas Publicado en 1951, é un dos máis significativos libros de contos da moderna literatura portuguesa, onde a arte de Manuel da Fonseca atinxe a perfecta madureza, revelándose entón un escritor de tendencia rexionalista e de fonda preocupación humana, que retrata a vida pobre dos traballadores rurais das chairas alentejanas, dando especial realce á súa loita contra a inxustiza. Os contos son acerca dun Alentejo dos anos 40 e 50, rústico e en decomposición. Fálannos das xentes dunha terra marabillosa mais pobre: ese Alentejo de hai moitas décadas, que asistía aos primeiros pasos dun progreso lento.
Un dos contos alegórico e simbólico é O Largo.
Obras
Poesía
Rosa dos ventos (1940). Edición do autor Planície (1941). Coímbra. Sexto volume da colección "Novo Cancioneiro". Viñetas de Manuel Ribeiro de Pavia Poemas dispersos (1958). Poemas completos (1958). Con prefacio de Mário Dionísio Obra poética (2011). Editorial Caminho. Antologia poética (1976). Diabril Ed. Organización e prefacio de Fernando Luso Soaraes.
Contos
Aldeia Nova (1942). En BIS, 2009. En Editorial Caminho, 2011. O Fogo e as cinzas (1953). Edición Três Abelhas (a súa máis importante obra). En 1998, Editorial Caminho. Um anjo no trapézio (1968). En Editorial Caminho, 2011. Tempo de solidão (1973). En Editorial Caminho, 2011. Tempo de solidão - Edición especial dos Estúdios Cor (edición limitada e ofrecida pola editora no Natal de 1973).
Novela
Cerromaior (1943). Editorial Enquisa. Novela levada ao cinema en 1980, dirixida por Luís Filipe Rocha. En 1997 e 2011, Editorial Caminho. Seara de vento (1958). En 1988, Editorial Caminho.
Crónicas
Crónicas algarvias (1987). Editorial Caminho. Á lareira, nos fundos da casa onde o Retorta tem o café (2000). Editorial Caminho. O vagabundo na cidade (2001). Editorial Caminho. Pessoas na paisagem (2002). Editorial Caminho.
Antoloxías
Antologia de Fialho de Almeida (1984). Câmaras Municipais de Cuba e Vidigueira.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Espaços de sentido: a construção do lugar na ficção de Manuel da Fonseca, Maria da Glória Alhinho dos Santos, Lisboa, Instituto Superior de Psicologia Aplicada, 2002 Lírica e sociedade: um olhar sobre a obra poética de Manuel da Fonseca, Rosilda de Moraes Bergamasco, Universidade Estadual de Maringá, 2012.
Conexións externas
Presentación crítica, selección, notas e suxestións para análise literaria da obra de Manuel da Fonseca
Categoría:Finados en 1993 Categoría:Escritores de Portugal Categoría:Nados en 1911 Categoría:Escritores en lingua portuguesa