Nicarao é o nome dun suposto xefe indíxena ou cacique que gobernou sobre un territorio no suroeste de Nicaragua a comezos do século XVI. En base das investigacións realizadas por historiadores 2002, descubriuse que o seu nome real era Macuilmiquiztli.

Contexto histórico Cristovo Colón, na súa cuarta e derradeira viaxe do ano 1502, explorou a costa leste do que hoxe se coñece como Nicaragua mais non se internou na costa oeste nin entrou en contacto con ningún pobo indíxena. En 1522, o conquistador español Gil González Dávila partiu dende Panamá con 100 homes na primeira incursión cara ás rexións occidentais de Costa Rica e Nicaragua. Cando chegaron ó suroeste de Nicaragua, atoparon unha tribo falante de nahuat, e coa axuda de dous intérpretes indíxenas que ían con González Dávila, foi quen de conversar co cacique da tribo, que dende entón foi referido como Nicarao.

Controversia do nome En 2002, investigacións realizadas por dous historiadores nicaraguanos que traballaron de xeito independente, argumentaron que o verdadeiro nome do cacique era en realidade Macuilmiquiztli, que quere dicir "Cinco Mortes" na lingua náhuatl.

Non se sabe o motivo polo cal o nome Nicarao se empezou a asociar co cacique Macuilmiquiztli. É posible que os conquistadores españois derivaran o nome Nicarao en base á etnicidade da tribo, que estaba composta polo pobo pipil-nicarao, que son unha póla dos náhuatls. Andrés de Cereceda, o tesoureiro da expedición de González Dávila, escribiu no seu rexistro os nomes dos caciques das aldeas onde se recolleu o ouro. No veciño Golfo de Nicoya de Costa Rica, eles atoparon a meirande vila indíxena que visitaron, que estaba gobernada por un cacique chamado Chorotega. Dende entón, as fontes lingüísticas empregaron o nome dese cacique como epónimo, "pobo chorotega", para abarcar unha serie de aldeas que tiñan similitudes culturais e lingüísticas malia estar fisicamente separadas.

Notas

Categoría:Historia de Nicaragua