O voo 2100 de Bek Air era unha ruta doméstica de pasaxeiros entre Almati e Nur-Sultan, Kazakhstán, operado por un Fokker 100 que se esnafrou o día 27 de decembro de 2019 mentres engalaba do aeroporto internacional de Almati. Había 98 persoas a bordo, 93 pasaxeiros e 5 tripulantes. Doce persoas morreron no accidente e 67 resultaron feridas.

Avión O aparello implicado era un Fokker 100 contruído en 1996 e que anteriormente voara con Formosa Airlines, Mandarin Airlines, Contact Air, e OLT Express Germany, antes de unirse á frota de Bek Air en 2013 co rexistro UP-F1007. O avión foi alugado a Kam Air en setembro de 2016, e despois volveu. O aparello tamén foi alugado a Safi Airways en febreiro de 2017, regresou a Bek Air, e finalmente foi alugado a Air Djibouti en decembro de 2018, antes de incorporarse novamente á frota de Bek Air. O Fokker 100 estivo en servizo con Bek Air ata o día do accidente. O seu certificado de aeronavegabilidade fora renovado o 22 de maio de 2019.

Accidente O avión chocou contra un edificio xusto despois de engalar do aeroporto internacional de Almati en Kazakhstán. O aparello engalou da pista 05R e perdeu altura pouco despois. Segundo se informou, xirou cara á dereita e golpeou o valado perimetral de cemento antes de impactar contra dous almacéns nunha área residencial, preto do perímetro do aeroporto ao redor das 7:22 hora local. A parte frontal do avión separouse da fuselaxe principal, recibindo un dano considerable, e a cola tamén rompeu. Doce persoas, incluído o capitán, morreron, e 67 quedaron feridas. Entre a pasaxe había cinco nenos e tres bebés.

Un dos superviventes, o empresario Aslan Nazarliev, dixo que vira xeo nas ás. Nunha conversa telefónica dixo, "A á esquerda sacudiuse moi forte. Despois notei que se sacudiu a dereita. E o avión comezou a balancearse como un bote". Nazarliev continuou, "Cando engalamos, o avión comezou a tremer moi forte e eu sabía que ía caer... Todas as persoas que pisaron a á caeron, porque había xeo. Non podo dicir que [antes de engalar] as ás non se lles botase anticonxelante, pero o feito é que había xeo". A temperatura no momento era de -12 °C e a visibilidade era de 1 000 metros, cunha densa néboa na zona.

Notas

Categoría:Accidentes e incidentes aéreos en 2019 Categoría:Accidentes e incidentes de Fokker 100 Categoría:Accidentes e incidentes de Bek Air Categoría:Accidentes aéreos en Kazakhstán