Alice Babette Toklas, nada en San Francisco (California) o 30 de abril de 1877 e finada en París o 7 de marzo de 1967, foi a parella, compañeira e confidente de Gertrude Stein.
Traxectoria Primeiros anos Alice B. Toklas naceu en San Francisco nunha familia polaca xudía de clase media. O seu avó paterno era rabino, cuxo fillo Feivel (habitualmente coñecido como Ferdinand) Toklas se mudara a San Francisco en 1863. En 1876, Ferdinand Toklas casou con Emelia Levinsky e tiveron dous fillos, Alice e o seu irmán Clarence Ferdinand (1887-1924).
En 1890 a familia Toklas mudouse a Seattle, onde o seu pai era socio de Toklas, Singerman and Company. Toklas asistiu a escolas de Washington, incluído Mount Rainier Seminary, e durante un breve período estudou música na Universidade de Washington. Cando a súa nai enfermou, a familia volveu a San Francisco. A súa nai morreu en 1897, con 41 anos.
Relación con Gertrude Stein Cinco meses despois do devastador terremoto de San Francisco de 1906, Toklas deixou a cidade e marchou a París. Coñeceu a Stein en París o 8 de setembro de 1907, xusto o día que chegou á cidade. Xuntas formaron un grupo que atraeu a xeración de expatriados norteamericanos, como Ernest Hemingway, Thornton Wilder e Sherwood Anderson, así como pintores representativos do movemento de vangarda, como Picasso, Matisse e Braque.
Para Stein, Toklas foi a súa confidente, amante, cociñeira, secretaria, musa, editora, crítica e administradora, mais mantívose fóra dos focos, vivindo baixo a sombra de Stein durante moitos anos ata que Stein publicou as súas memorias en 1933 baixo o título The Autobiography of Alice B. Toklas. Este converteuse no maior éxito de vendas de Stein.Souhami, Diana – Gertrude and Alice: Gertrude Stein and Alice B.Toklas, Londres: Pandora, 1991. Ambas pasaron o resto das súas vidas xuntas, ata o pasamento de Stein.
Despois de Stein Logo da morte de Gertrude Stein en 1946, Toklas publicou o seu propio libro de memorias en 1954 nun volume que mestura episodios da súa vida con receitas, titulado The Alice B. Toklas Cookbook. A receita máis célebre que contén o libro (unha contribución do seu amigo Brion Gysin) chámase "Fudge de haxix", e é unha mestura de froitas, noces, especias e marihuana. Esta receita provocou que frecuentemente se chamase "brownie de Alice B. Toklas" os pasteis que se fan mesturando cánnabis nos ingredientes.
Este libro de receitas continuouse a editar dende que apareceu por primeira vez. A receita aparece na primeira edición e na edición británica do libro, mais foi eliminada nas impresións posteriores. En 1958 apareceu un segundo libro de receitas, mais Toklas non o consideraba como da súa autoría xa que o editor Poppy Cannon, da revista House Beautiful, o editara e modificara considerablemente. Ademais destes libros, Toklas tamén escribiu artigos para os diarios The New Republic e The New York Times.
En 1963 publicou a súa autobiografía, What Is Remembered, que remata abruptamente coa morte de Gertrude Stein, asentando así o feito de que Stein foi o amor da súa vida. Os seus anos de vellez foron difíciles debido á deterioración da súa saúde e aos problemas financeiros. Estes agraváronse polo feito de que os herdeiros de Stein lle quitaran as pinturas que lle deixara á súa morte. Máis tarde, Toklas converteuse ao catolicismo.
Cando faleceu, Toklas tiña 89 anos e foi enterrada no cemiterio do Père-Lachaise en París.Wilson, Scott. Resting Places: The Burial Sites of More Than 14,000 Famous Persons, 3d ed.: 2 (Kindle Locations 44876-44877). McFarland & Company, Inc., Publishers. Kindle Edition O seu nome foi gravado na parte posterior da tumba de Stein.
Legado I Love You, Alice B. Toklas, filme protagonizado por Peter Sellers estreado en 1968, recibe o seu nome polos brownies de cánnabis de Toklas, que teñen un papel significativo no argumento.
O Alice B. Toklas LGBT Democratic Club é unha organización política fundada en San Francisco en 1971.
Samuel Steward, que coñeceu a Toklas e Stein na década de 1930, editou Dear Sammy: Letters from Gertrude Stein and Alice B. Toklas (1977), e tamén escribiu dúas novelas de misterio con Stein e Toklas como personaxes, Murder Is Murder Is Murder (1985) e The Caravaggio Shawl (1989).
O San Francisco Board of Supervisors votou en 1989 renomear un bloque de Myrtle Street entre Polk Street e Van Ness Avenue en San Francisco como Alice B. Toklas Place, xa que Toklas naceu a un bloque de distancia de O'Farrell Street.
Toklas foi interpretada por Wilfrid Brambell no filme sueco de 1978 The Adventures of Picasso, por Linda Hunt no filme de 1987 Waiting for the Moon; por Alice Dvoráková na serie de televisión de 1993 The Young Indiana Jones Chronicles e por Thérèse Bourou-Rubinsztein no filme de 2011 Midnight in Paris.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía Malcolm, Janet; Two Lives (Gertrude and Alice); Yale University Press; setembro de 2008; 240 pp; Simon, Linda. The Biography of Alice B. Toklas. Lincoln: University of Nebraska Press, 1991. Souhami, Diana. Gertrude and Alice. Londres: Pandora, 1991. Stendhal, Renate (ed.). Gertrude Stein In Words and Pictures: A Photobiography. Algonquin Books, 1989. ; Ligazóns externas Gertrude Stein and Alice B. Toklas Papers From the collection of the Beinecke Rare Book and Manuscript Library at Yale University Alice B. Toklas Collection from the Manuscript Division of the Princeton University Library Alice Babette Toklas from the Jewish Women's Archive Blog discussing Gertrude Stein written by Gertrude Stein scholar, Renate Stendhal, author of "Gertrude Stein in Words and Pictures" San Francisco Block Book (1894) page 107 showing Western Addition, Block 60, Louis Levinsky residence (922 O'Farrell Street, home of Mr. Levinsky's teenage granddaughter, Alice B. Toklas) A link to the Alice B. medal website
Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Escritores dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en San Francisco Categoría:Nados en 1887 Categoría:Finados en 1967 Categoría:Estadounidenses de ascendencia xudeopolaca