Álvaro Fernández Fiuza, nado en Pontevedra o 2 de agosto de 1982, é un policía e deportista galego que compite en piragüismo na modalidade de maratón.

Foi tres veces campión do mundo en maratón e unha de Europa, gañando en total sete medallas no Campionato Mundial de Piragüismo en Maratón entre os anos 2009 e 2015, e cinco medallas no Campionato Europeo de Piragüismo en Maratón entre os anos 2009 e 2017.Álvaro Fernández Fiuza en CanoeResults.eu . Ademais, formando parella con Walter Bouzán, gañou oito edicións consecutivas do Descenso Internacional do Sella entre 2010 e 2017.

Traxectoria Comezou a adestrarse como piragüista no Club Naval de Pontevedra, co que gañou algúns títulos nacionais e pasou a formar parte do equipo nacional júnior. Máis tarde pasou polo Club Piragüismo Poio antes de recalar no ADZ Zamora. Participou no Campionato Europeo de Piragüismo en Maratón de 2007, en Eslovaquia, rematando en décima posición en K1. Ao ano seguinte participou no Campionato Mundial de Piragüismo en Maratón, esta vez no K2 formando parella con Emilio Merchán, pero non puideron rematar a carreira.

Os seus primeiros éxitos internacionais chegaron en 2009 ao proclamarse campión do mundo e de Europa en K2, en ambas ocasións xunto a Emilio Merchán. Ao ano seguinte pasou a formar parte do Club Feve Oviedo Kayak e comezou a competir formando parella con Walter Bouzán. Con el gañou ese ano o Descenso Internacional do Sella en K2, a primeira das oito edicións que gañarían consecutivamente. Conseguiu logo o título de campión do mundo nas edicións de 2010 e 2011, así como o subcampionato de Europa de 2011, no que chegaron á meta a só dous segundos da embarcación francesa de Edwin Lucas e Romain Marcaud.

En 2012 non puido revalidar o título de campión do mundo no Mundial de Roma, pois el e Bouzán chegaron segundos á meta, a pouco máis dun segundo da embarcación gañadora, formada polo tamén galego Iván Alonso e Emilio Marchán. Ao ano seguinte repetíronse os mesmos dous primeiros postos do podio mentres que no Mundial de 2014 obtiveron outra prata, mais esta vez por diante de Alonso e Merchán e por detrás dos surafricanos Hank McGregor e Jasper Mocke. Tamén participaron no Europeo de 2014, volvendo lograr unha prata por detrás de Alonso e Merchán. Nese mesmo ano Fiuza competiu tamén no Campionato de Europa de caiac de mar, celebrado en Portugal, onde finalizou en 11ª posición da súa categoría.No ano 2015 gañou a medalla de bronce tanto no Mundial celebrado en Győr como no Europeo en Bohinj (Eslovenia). Finalmente conseguiu unha medalla de prata no último campionato internacional que disputou, o Campionato de Europa de 2017, en Ponte de Lima.

Tras gañar todas as edicións do Descenso Internacional do Sella en K2 dende 2010 a 2017 e non participar na de 2018, volveu en 2019, desa vez en K1, e finalizou en sexta posición. Palmarés internacional Campionato Mundial Ano Lugar Medalla Evento 2009 Vila Nova de Gaia Ouro K2 2010 Banyoles Ouro K2 2011 Singapur Ouro K2 2012 Roma Prata K2 2013 Copenhague Prata K2 2014 Oklahoma City Prata K2 2015 Győr Bronce K2 Campionato Europeo Ano Lugar Medalla Evento 2009 Ostróda Ouro K2 2011 Saint-Jean-de-Losne Prata K2 2014 Piešťany Prata K2 2015 Bohinj Bronce K2 2017 Ponte de Lima Prata K2

Notas

Véxase tamén Outros artigos Walter Bouzán Ligazóns externas Páxina oficial de Álvaro Fernández Fiuza .

Categoría:Piragüistas de Galicia Categoría:Nados en 1982