Martha Craven Nussbaum, nada en Nova York o 6 de maio de 1947, é unha filósofa estadounidense e profesora de honra Ernst Freund ó Servizo Distinguido de Dereito e Ética pola Universidade de Chicago. Está especializada en filosofía grega e romana, en filosofía do dereito e filosofía política, no existencialismo, no feminismo e na ética, particularmente a ética animal e o enfoque das capacidades. Tamén traballou no eido da lingua, a literatura e a cultura clásicas, en estudos sobre a divindade e no campo da ciencia política. Entre as súas obras máis destacadas atópanse The Fragility of Goodness (1986), Cultivating Humanity: A Classical Defense of Reform in Liberal Education (1997), Sex and Social Justice (1998), Hiding from Humanity: Disgust, Shame, and the Law (2004), Frontiers of Justice: Disability, Nationality, Species Membership (2006), From Disgust to Humanity: Sexual Orientation and Constitutional Law (2010).
Nussbaum é membro do Comité de Estudos Surasiáticos e do comité directivo do Programa de Dereitos Humanos do Instituto de Estudos Globais. Impartiu clases nas universidades de Harvard e Brown.
Foi recoñecida co premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais en 2012, co premio Quioto ás Artes e a Filosofía en 2016, co premio Berggruen en 2018 e co premio Holberg en 2021. O 18 de decembro de 2023 foi investida doutora honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela.
Traxectoria
Xuventude e formación Nussbaum naceu o 6 de maio de 1947 en Nova York, filla de George Craven, un avogado de Filadelfia, e Betty Warren, interiorista e ama de casa. Na súa adolescencia, Nussbaum estudou na Escola Baldwin de Bryn Mawr. A autora describiu o ambiente en que se criou como propio da “elite WASP (Branco, Anglosaxón e Protestante) da Costa Leste… Moi estéril, moi atravesado polos cartos e o status”. Na súa madurez, Nussbaum relacionou a súa impaciencia cos “filósofos mandaríns” [sic] e a súa dedicación ó servizo público coa súa “repulsa cara ás [súas] raíces aristocráticas”. Nas súas propias palabras, “non me gusta nada que se presente como un grupo exclusivo ou unha elite, sexa o grupo de Bloosmbury ou Derrida”.
Tras estudar dous anos na Universidade de Wellesley, deixou a carreira para adicarse ó teatro en Nova York, onde estudou arte dramática e cultura clásica na Universidade de Nova York, graduándose en Belas Artes en 1969. Posteriormente orientouse cara á filosofía nos seus estudos na Universidade Harvard, onde obtivo un mestrado de Artes en 1972 e un título de doutora en Filosofía en 1975. Durante a súa etapa en Harvard, foi alumna de G.E.L Owen.
Traxectoria profesional Ensinou filosofía e cultura clásica en Harvard nos anos 70 e ata comezos dos 80, séndolle negada a praza de profesora titular polo Departamento de Cultura Clásica en 1982. Nussbaum trasladouse entón á Universidade Brown, onde ensinou ata 1994, ano en que ingresou como profesora na Facultade de Dereito da Universidade de Chicago. O seu libro The Fragility of Goodness (1986), en que explora a ética e a traxedia dos antigos gregos, proxectouna á fama no mundo das Humanidades. A filósofa Linda Martín Alcoff e o dramaturgo Tim Blake Nelson foron alumnos de Nussbaum durante a súa etapa en Brown. Durante a década de 1980, Nussbaum comezou un traballo en colaboración co economista Amartya Sen (Premio Nobel de Economía) en temas relacionados co desenvolvemento e a ética. Xunto con Sen promoveu o concepto de "capacidades" ("liberdades substanciais" como a posibilidade de vivir unha vida longa, de levar a cabo transaccións económicas, ou a participación en actividades políticas) como as partes constitutivas do desenvolvemento, e da pobreza como unha privación de devanditas "capacidades". Isto contrasta enormemente coas aproximacións teóricas que se fixeran sobre o desenvolvemento ata ese momento. Cómpre salientar que moito do que Nussbaum dixo no seu traballo estaba baseado nunha perspectiva aristotélica. En 1987, foi obxecto de grande atención académica pola súa crítica ó tamén filósofo Allan Bloom e a súa obra The Closing of the American Mind: How Higher Education Has Failed Democracy and Impoverished the Souls of Today's Students. Traballos como Frontiers of Justice (2006) erixiron a Nussbaum como teórica da xustiza global. O traballo de Nussbaum sobre as capacidades centrouse nas desigualdades nas liberdades e oportunidades para as mulleres, e nesta liña a americana desenvolveu unha vertente particular do feminismo de inspiración na tradición liberal, se ben de carácter radical e en prol da reconsideración das relacións de xénero e das relacións familiares. Nussbaum tamén se adicou na súa obra á cuestión das emocións. A autora defendeu unha visión neoestoica das emocións segundo a cal estas serían avaliacións de cousas e persoas, fóra do control do propio axente. As emocións serían de grande importancia para o desenvolvemento da persoa. Sobre esta base, Nussbaum propuxo diferentes análises do dó, da compaixón e do amor; e en obras posteriores, do noxo e da vergoña.
Vida persoal Estivo casada con Alan Nussbaum dende 1969 até que se divorciaron no 1987. Neste período tivo lugar a súa conversión ao xudaísmo e o nacemento da súa filla Rachel. O 16 de agosto de 2008, Nussbaum tivo o seu bat mitzvah no Templo KAM Isaiah Israel no Hyde Park de Chicago. Como mostra do seu profundo interese polo xudaísmo, pronunciou un D' var Torá sobre a conexión entre o consolo xenuíno non narcisista e a procura da xustiza global. No ano 2019 a filla de Nussbaum, Rachel, faleceu. No momento da súa morte, era avogada de asuntos gobernamentais na División de Vida Silvestre de Friend of Animals, unha organización sen ánimo de lucro que traballa polo benestar animal. Nussbaum e a súa filla foron coautoras de tres artigos sobre animais salvaxes. Nussbaum estableceu unha relación romántica e intelectual con Amartya Sen. Posteriormente, Nussbuam mantivo unha relación e viviu con Cass Sunstein, con quen estivo comprometida.
Pensamento e conceptos chave O pensamento de Nussbaum enmárcase dentro da tradición socrática. Cre firmemente na transparencia comunicativa, considera que os filósofos non están illados, senón que son membros dunha comunidade, polo que teñen a responsabilidade de dialogar e estruturar os seus argumentos con claridade.
O estudo das Humanidades constitúe o núcleo das súas teorías. As Humanidades contribúen á educación das persoas e incítanas a cultivar a súa capacidade de respecto mutuo, de comprensión e de compaixón. Ademais, as Humanidades invitan as persoas a reflexionar sobre a vulnerabilidade humana e sobre a aspiración de todo individuo á xustiza.
Nussbaum é, así mesmo, unha gran defensora dos dereitos humanos. O obxectivo do seu enfoque das capacidades consiste, precisamente, en “brindar o sustento filosófico para unha visión dos principios constitucionais básicos que deben ser respectados e implementados polos gobernos de todas as nacións como un mínimo requirido polo respecto á dignidade humana”.
Capacidades funcionais humanas centrais Fundamentalmente, o enfoque das capacidades que aporta Nussbaum é un marco dirixido a unha educación de calidade e á súa vez realizado pola mesma. O seu enfoque atópase enraizado na teoría da xustiza de Amartya Sen, que se enmarca no paradigma de políticas públicas coñecido como “índice de desenvolvemento humano”, o cal pretende presentarse como alternativa á idea de calidade de vida tomada dende indicadores como o PIB dun país, totalmente desindividualizada e inclusive perversa dende o punto de vista sociocultural e económico. Trátase de adoptar unha concepción de dignidade do ser humano e dunha vida acorde con esta; crear unha sociedade cunha garantía mínima de xustiza social. En relación a esta meta, as capacidades máis importantes para Nussbaum son as seguintes: Vivir unha vida digna e non morrer prematuramente Gozar dunha boa saúde A integridade corporal; moverse libremente dun lugar a outro Os sentidos, a imaxinación e o pensamento Posuír emocións; utilizar os sentidos, imaxinar e pensar A razón práctica e a reflexión crítica Mostrar interese por outros seres humanos e ser tratados como seres dotados de dignidade Vivir en relación estreita cos animais e coa natureza Rir, xogar e gozar de actividades de ocio Control sobre a contorna de cada un
A formulación en que se basean denomínase enfoque baseado nas capacidades. Estas capacidades pertencen ás persoas individuais primeiramente, e logo ós colectivos; obrigan ó respecto pola dignidade humana e exixen que os cidadáns estean situados por enriba dun limiar mínimo amplo de capacidade en todas e cada unha das dez características descritas.
A oportunidade de planificar a propia vida supón unha oportunidade para elixir e ordenar tamén os funcionamentos correspondentes ás diversas capacidades restantes, polo que a sociedade é un “formato agrupado”, é dicir, dende as institucións formais débense proporcionar as devanditas capacidades a toda a cidadanía como condición precisa de xustiza social.
En conclusión, apoiándose principalmente en filósofos como Aristóteles, Platón, Kant e Rawls, Nussbaum destaca que na razón está o centro da experiencia moral, sen negar a existencia de procesos afectivos, e entende que o acto moral deriva principalmente dun proceso de razoamento e xuízo moral baseado no principio universal de xustiza.
Influencias e debates con outros autores Nussbaum ten participado en moitos debates apaixonados con outros intelectuais, tanto nos seus escritos académicos como nas páxinas de revistas de divulgación e en críticas literarias, e incluso nunha ocasión, declarando como testemuña experta nun xuízo. Participou no xuízo Romer v. Evans, en Colorado, argumentando contra a afirmación de que a historia da filosofía prové o estado con “apremiantes” a favor dunha lei denegando ós gays e lesbianas o dereito a perseguir a aprobación de leis locais antidiscriminación.
Unha parte do seu testemuño, referida ós potenciais significados do termo tolmêma na obra de Platón, foi obxecto de controversia académica, sendo criticadas as declaracións de Nussbaum como “enganosas” e mesmo acusadas de “perxurio” por algúns dos seus críticos. A autora respondeu a estas acusacións nun extenso artigo titulado “Platonic Love and Colorado Law”, no que Nussbaum empregou múltiples referencias ó Simposio de Platón e ós diálogos socráticos como probas do seu argumento. Esta obra foi contestada por un dos maiores críticos de Nussbaum, Robert P. George. Nussbaum criticou a Noam Chomsky como parte do grupo de intelectuais esquerdistas que sosteñen que “un non debería criticar os seus amigos, que a solidariedade é máis importante que a corrección ética”. A autora suxeriu que é posíbel “trazar esta liña de pensamento ó vello desprezo marxista pola ética burguesa, pero é repudiable calquera que sexa a súa orixe”.
Entre os autores contemporáneos cuxas obras criticou Nussbaum atópanse Allan Bloom, Harvey Mansfield e Judith Butler. Tamén sostivo disputas con outros persoeiros como John Rawls, Richard Posner ou Susan Moller Okin. En xaneiro do 2019, Nussbaum anunciou que utilizaría unha parte do premio monetario do galardón Berggruen para financiar unha serie de coloquios sobre cuestións controvertidas na Facultade de Dereito da Universidade de Chicago. Estes debates desenvolveranse baixo o nome de “Coloquios Estudantís Martha C. Nussbaum”.
Obras principais
The Fragility of Goodness: Luck and Ethics in Greek Tragedy and Philosophy (1986)