O Blackburn Olympic F.C. foi un equipo de fútbol inglés de finais do século XIX con sede na cidade de Blackburn, en Lancashire. A pesar de que o club existiu só unha década, é moi importante na historia do fútbol en Inglaterra, xa que foi o primeiro equipo do norte do país e o primeiro da clase traballadora que gañou a principal competición futbolística da nación, a Football Association Challenge Cup (coñecida xeralmente como FA Cup). A copa só fora gañada por equipos afeccionados adiñeirados dos Home counties, e a vitoria do Olympic marcou un punto decisivo na transición do deporte, dende un pasatempo dos homes de clase alta a un deporte profesional.
O club fundouse en 1878 e nos seus inicios só participou en torneos locais menores. En 1880 ingresou por primeira vez na FA Cup e tres anos máis tarde venceu o Old Etonians F.C. en Kennington Oval, gañando o trofeo. Esta vitoria foi un factor importante na decisión tomada polo consello de administración deportivo, a Football Association, para permitir o profesionalismo. Con todo, o Olympic foi incapaz de competir cos equipos máis ricos e de mellor soporte económico da era profesional e desapareceu en 1889.
Moitos dos partidos que o Olympic xogou como local disputáronse no Hole-i'-th-Wall Stadium, que lle debe o seu nome a un pub próximo. A partir de 1880, o primeiro equipamento do Olympic consistiu nunha camisola celeste e pantalóns brancos. Un xogador do club, James Ward, foi convocado pola selección inglesa e outros seis xogadores internacionais xogaron para o club; entre estes encontrábase Jack Hunter, quen era o adestrador do club cando o equipo gañou a FA Cup.
Historia Formación e primeiros anos miniatura|O cadro de xogadores do Olympic de 1882, amosando os dous trofeos que o club gañou neses catro anos de existencia. O fútbol orixinouse na década de 1860 no sur de Inglaterra e era practicado por equipos de clase alta, ex alumnos das public schools e graduados de Oxbridge. Con todo, o xogo propagouse polas cidades industriais do norte na década seguinte. A cidade de Blackburn, en Lancashire, tiña máis dunha ducia de equipos de fútbol activos contra o ano 1877, co Blackburn Rovers, fundado en 1875, visto xeralmente como o equipo principal da cidade. O Blackburn Olympic F.C. foi fundado en febreiro de 1878 cando dous destes clubs, o Black Star e o James Street, decidiron unirse; Sydney Yates, o dono dunha fundidora de ferro local, é considerado como o fundador e foi un dos principais beneficiarios do club. O nome foi elixido por James Edmondson, quen fora o primeiro tesoureiro do club, e crese que se inspirara nunha recente escavación en Olimpia, lugar dos antigos Xogos Olímpicos. O primeiro partido do novo club foi un amigable xogado o 9 de febreiro de 1878, que finalizou con vitoria por 2-0 sobre o equipo local, o St. John's. En abril, o club ingresou na súa primeira competición, a Livesey United Cup. O Olympic derrotou o St. Mark's na final para gañar o torneo e como o certame non se realizou de novo, retivo o trofeo a perpetuidade.
Durante as dúas tempadas seguintes, continuou xogando partidos amigables e ingresou na Blackburn Association Cup, un torneo de eliminación directa na que só participaban os clubs locais, creado pola organización que manexaba o fútbol na cidade. O Olympic gañou a copa en 1879 e en 1880, que foi a última edición do certame, xa que desapareceu cando a Blackburn Association foi absorbida pola Lancashire County Football Association, que tiña un maior alcance. Como ocorreu coa Livesey United Cup, o trofeo mantívose en posesión do Olympic polo resto da existencia do club. A diferenza do Blackburn Rovers, que estaba formado principalmente por ex alumnos das public schools, o Blackburn Olympic estaba integrado por homes da clase traballadora. Ambos clubs enfrontáronse por primeira vez o 15 de febreiro de 1879, con vitoria por 3-1 do Olympic.
A comitiva do club decidiu en 1880 que o Olympic debía competir por premios maiores e optou por ingresar en dúas competicións adicionais, a Lancashire Senior Cup e a Football Association Challenge Cup (FA Cup), que era a competición futbolística máis importante do país. No primeiro partido do club na FA Cup, os Light Blues foron derrotados 5-4 polo Sheffield FC, e perderon de novo en primeira rolda na tempada seguinte, desta volta como visitantes, cun resultado de 3-1 ante o Darwen. A reputación do club na súa área de orixe estaba crecendo, polo que se organizaban partidos con equipos máis afastados, como o Sheffield Wednesday, o Nottingham Forest e mesmo contra equipos escoceses, como o Cowlairs e o Hibernians. Os seus crecentes gastos foron cubertos coa axuda de Sydney Yates, que prestou apoio financeiro ao Olympic durante a maior parte da súa existencia. Ao final da tempada 1881-82, o Olympic derrotou o Blackburn Rovers para obter a East Lancashire Charity Cup.
Éxito miniatura|O segundo trofeo da FA Cup, amosado aquí, ten un deseño idéntico ao gañado polo Olympic en 1883. O trofeo orixinal foi roubado en 1895 e nunca puido ser recuperado. Na FA Cup da tempada 1882-83, o Olympic derrotou a catro clubs de Lancashire, o Accrington, o Lower Darwen, o Darwen Ramblers e o Church, para chegar á quinta rolda. Nesta etapa, o sorteo indicou que os Light Blues debían xogar contra un equipo galés, o Druids. O Olympic derrotou o club de Ruabon por 4-1 e chegou ás semifinais, onde se enfrontou por primeira vez cun club do sur de Inglaterra, o Old Carthusians. Os Carthusians, o equipo dos ex alumnos da Charterhouse School, gañaran a copa dous anos antes e mesmo os diarios de Blackburn considerábanos como os favoritos para chegar á final. O Olympic, con todo, gañou 4-0 nun partido xogado en cancha neutral en Whalley Range, Manchester, para alcanzar a final, onde xogou con outro dos grandes equipos afeccionados, o Old Etonians, en Kennington Oval. Os Etonians derrotaran o Blackburn Rovers, o clásico rival do Olympic, na final do ano anterior, que foi a primeira vez que un equipo do norte chegaba ata esa fase.
Antes da final, o ex xogador da selección inglesa Jack Hunter, quen se unira ao club en 1882 en calidade de xogador e adestrador, fixo os preparativos para levar o equipo a Blackpool durante algúns días e realizar un adestramento especial. Ningún club fixera ata a data nada parecido e a idea foi considerada extremadamente orixinal. O escritor Mark Keech sinalou na súa Encyclopedia of British Football, publicada en 2002:
Na seguinte táboa amósase o camiño percorrido polo Blackburn Olympic para gañar a FA Cup da tempada 1882-83:
Rolda Rival Resultado Data e lugar Primeira Rolda Accrington 6-3 S/D Segunda Rolda Lower Darwen 8:1 S/D Terceira Rolda Darwen Ramblers 8-0 S/D Cuarta Rolda Church 2-0 S/D Quinta Rolda Druids 4-1 S/D Semifinais Old Carthusians 4-0 S/DWhalley Range, Manchester Final Old Etonians 2-1 31 de marzo de 1883Kennington Oval, Londres
A final disputouse o 31 de marzo de 1883 en Kennington Oval, no barrio Kennington de Londres, ante 8 000 persoas. Os Etonians tomaron a dianteira cando Harry Goodhart marcou durante a primeira metade; con todo Arthur Matthews empatou para o Olympic na segunda parte. Pouco despois, Arthur Dunn lesionouse e debeu abandonar o campo, reducindo a dez o número de xogadores do Etonians o resto do partido. O resultado mantívose igualado ao final dos noventa minutos regulamentarios. Segundo as regulacións da FA Cup, podían xogarse trinta minutos de tempo extra en caso de empate, a xuízo do árbitro, e en resposta ao fervente ánimo do público, os capitáns pediron seguir xogando para tratar de asegurar un resultado. Durante o tempo extra, a maior resistencia do Olympic comezou facerse notar. Arredor dos vinte minutos do suplementario, Jimmy Costley recibiu un pase de John Yates e pateou o balón para marcar o gol decisivo, vencendo ao porteiro do Etonian, John Rawlinson. Durante o regreso do equipo a Blackburn, os xogadores formaron parte dun desfile de celebración e foron recibidos nunha recepción cívica, na cal o capitán Albert Warburton proclamou:
miniatura|esquerda|Final da FA Cup de 1883, gañada por 2-1 ante o Old Etonians. Na esquina superior esquerda obsérvase a Arthur Kinnaird, capitán do Etonians, e na dereita a Albert Warburton, do Olympic. No sur, con todo, a vitoria do Olympic sobre un dos equipos afeccionados máis grandes provocou consternación. Daquela, a Football Association (a FA), o consello de administración deportivo, prohibiu que os clubs pagaran aos seus xogadores. A pesar diso, os clubs da clase traballadora, especialmente os que tiñan a súa base en Lancashire, estaban baixo sospeita de realizar pagos ilegais aos seus xogadores dende, canto menos, 1876. No inicio dunha boa racha de vitorias do Olympic, varios xornalistas e oficiais afiliados cos clubs afeccionados do sur intensificaron os seus esforzos para que a FA investigara as finanzas dos clubs do norte. Enfocáronse principalmente na viaxe de adestramento realizada en Blackpool polo Olympic, suxerindo que os xogadores non poderían terse tomado tanto tempo de traballo, a menos que o club lles estivera pagando algunha clase de soldo. Tamén xurdiron preguntas en torno aos xogadores que se trasladaban dunha cidade a outra, aparentemente co simple propósito de xogar para un novo equipo de fútbol. No caso do Olympic, Jack Hunter mudárase de Sheffield para unirse ao club. Finalmente non se tomou ningunha medida contra o Olympic, a pesar de que se impuxeron castigos para outros clubs, incluíndo o Preston North End, que foi expulsado da FA Cup. Pola súa banda, isto provocou que os clubs do norte fixeran planos para romper as relacións coa FA e formar un consello de administración rival que non impuxera o chamado ideal afeccionado nos clubs.
Deterioración e colapso miniatura|O Blackburn Rovers, rival local do Olympic, gañou a FA Cup por primeira vez en 1884 e axiña se transformou no club máis importante da cidade. Na fotografía, os xogadores xunto coa East Lancashire Charity Cup, a FA Cup e a Lancashire Cup. A tempada seguinte, o Olympic chegou de novo ás semifinais da FA Cup, do mesmo xeito que o Blackburn Rovers. Cando se realizou o sorteo das semifinais, o club foi emparellado co Queen's Park e o Rovers co Nots County, ambos a partido único, abrindo a posibilidade de que os dous equipos puidesen enfrontarse na final. O Olympic, con todo, foi superado e derrotado 4-0 polos seus opoñentes escoceses. O club presentou unha apelación ante a FA, baseándose na invasión do campo realizada por algúns dos 16 000 espectadores, mais non lle resultou favorable. Na final, que se disputou o 29 de marzo de 1884 no Kennington Oval, o Blackburn Rovers derrotou o Queen's Park por 2-1.
O club nunca puido acadar de novo este nivel de éxito. Na tempada 1884-85, o Olympic perdeu por 3-2 na segunda rolda da FA Cup ante os Rovers, que consolidaron a súa posición como equipo principal da cidade, gañando o torneo por segunda tempada consecutiva. En 1885 evitouse a ameaza dun cisma dentro do deporte, cando a FA aceptou legalizar o profesionalismo. Nunha cidade do tamaño de Blackburn, con todo, ao Olympic foille difícil competir por espectadores e patrocinio co consolidado e máis exitoso Blackburn Rovers; en consecuencia, o Olympic non puido pagar salarios ao mesmo nivel que ese club ou que outros equipos profesionais de Lancashire. En 1886, o comité do club viuse obrigado a reducir os salarios dos xogadores a un cuarto do que estaba sendo ofrecido polo Preston North End, un dos clubs máis importantes da rexión. En resposta, moitos dos xogadores chave abandonaron o club e foron fichados axiña por equipos máis ricos.