Ana García Armada, nada en Santiago de Compostela o 17 de xuño de 1970, é unha enxeñeira de telecomunicacións e investigadora galega, especializada en comunicacións móbiles de banda larga e tecnoloxía 5G. É catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións na Universidade Carlos III de Madrid.

Traxectoria Licenciouse en Enxeñaría de Telecomunicación pola ETSI de Telecomunicación da Universidade Politécnica de Madrid en 1994 e obtivo o doutoramento no Departamento de Sinais, Sistemas e Radiocomunicacións da mesma universidade en 1998, ano que pasou a formar parte como docente e investigadora da Universidade Carlos III de Madrid onde en 2019 desenvolve o seu traballo centrada no ámbito das comunicacións móbiles de banda larga.

Realizou estancias de investigación na Universidade Stanford, no laboratorio de investigación electrónica Bell Labs formando parte equipo que obtivo o terceiro posto no premio de innovación "Bell Labs Prize 2014" e a Universidade de Southampton.

En 2019 traballa como catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade Carlos III de Madrid, responsábel do Grupo de Comunicacións e exerce como profesora.

Investigación Ana García Armada deseña algoritmos, fórmulas matemáticas de codificación de información que usan as tecnoloxías como a televisión dixital terrestre, as conexións Wifi ou a tecnoloxía ADSL. É investigadora principal de varios proxectos nacionais e internacionais. É responsábel do proxecto europeo TeleRescuer onde se desenvolveu un robot teleoperado capaz de realizar rescates no interior dunha mina.

En 2015 formou parte do equipo que logrou a patente MIMO HUB da Universidade Carlos III que elaborou unha chaqueta capaz de multiplicar por dez a velocidade de subida de contidos de dispositivos móbiles e que permite que unha peza, onde se camuflan decenas de antenas, poida conectarse a calquera terminal móbil para aumentar a súa velocidade de transferencia de datos, reducir o consumo de enerxía e mellorar a súa fiabilidade.

Tamén liderou un proxecto destinado a dotar de capacidade Li-Fi os farois da rúa, unha técnica que utiliza díodos emisores de luz (LED) para a transmisión de datos en código binario mediante rápidos escintileos imperceptíbeis para o ollo humano. Ademais, é coordinadora no proxecto TeamUp5G, unha iniciativa europea (European Training Network, ETN) para investigar e formar en redes de telefonía móbil 5G.

Premios e recoñecementos 2010: Premio de Excelencia do Consello Social da Universidade Carlos III de Madrid na modalidade de Mozos Investigadores.

2014: Terceiro posto no premio de innovación Bell Labs Prize.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Publicacións de Ana García Armada IEEE Xplore

Categoría:Enxeñeiros Categoría:Alumnos da Universidade Politécnica de Madrid Categoría:Nados en 1970

Categoría:Nados en Santiago de Compostela