Herba Moura é unha novela escrita pola autora galega Teresa Moure. A recepción por parte da crítica foi, en xeral, moi positiva, pois a obra recibiu numerosos premios e aclamacións. A propia autora tivo moitas aparicións en medios de comunicación e entrevistas nas que se gaba o seu traballo. Foi publicada no ano 2005 por Edicións Xerais de Galicia en Vigo. A obra está formada por catro capítulos principais conformados, á súa vez, por seleccións de cartas, diarios e poemas escritos por ela mesma.
Argumento Esta novela trata de tres mulleres, a raíña Cristina de Suecia e Hélène Jans, cuxas vidas son contadas por Einés Andrade, un personaxe contemporáneo que decide escribir a súa tese de doutoramento sobre estas dúas mulleres que teñen en común o seu amorío co filósofo René Descartes.
Personaxes Christina de Suecia miniatura|Cristina de Suecia. Herdou o trono de Suecia trala morte do seu pai aínda sendo adolescente. Recibiu a educación necesaria para reinar un pouco máis adiante. Desde que foi coroada raíña, rexeitou a idea de ter fillos, aínda que supuxera cortar a liña de descendentes para o trono. Recibiu moitas presións por parte dos conselleiros e gramáticos que a educaron. Aínda así, seguía firme na súa opinión. Christina sempre se interesou polo coñecemento xeral e pola filosofía e acostumaba convidar estudosos e intelectuais á corte. Un destes invitados foi René Descartes, que acudiu a Estocolmo coa esperanza de que a coroa sueca respaldase os seus estudos. En Suecia, a raíña reuníase co filósofo moi cedo polas mañás, o que alteraba moito a rutina de Descartes. Christina comezou a namorarse do filósofo mais nunca llo fixo saber. Descartes sentía algo parecido por Christina. Considerábaa unha muller moi atractiva mais non tanto desde o punto de vista físico senón desde o intelectual. Tiña algo que a facía moi interesante para el. Descartes contraeu unha enfermidade que en poucos días acabou coa súa vida. Christina, lamentándose de que non puidera chegar a confesarlle os seus sentimentos, decidiu acabar co seu reinado e abdicou en favor do seu primo e marchou de Suecia para viaxar por toda Europa. Morreu en Roma, o lugar onde se estableceu por última vez.
Hélène Jans Era unha sandadora e meiga que residía en Ámsterdam. Estaba axudando a unha muller a ter un fillo e non paraba de repetirlle que gardase as forzas para cando chegara o momento de parir. Mentres tanto, para distraela, Hélène contoulle a historia da súa filla. Ela vivía nunha casa na que servía como criada. Ocupábase de diversas tarefas do fogar e no seu tempo libre gustáballe ler. Os señores da casa adoitaban ter invitados, e unha destas persoas foi o filósofo René Descartes, quen propuxo que os xoves se fixeran reunións na casa nas que todas as persoas que alí vivían puideran expoñer os seus puntos de vista sobre temas filosóficos e demais. Hélène foille collendo o gusto á filosofía e comezou a traballar pola súa conta nun dos temas expostos nas reunións, o dunha lingua universal. Descartes interesouse nas ideas de Hélène e traballaron xuntos na creación dunha lingua global. O interese de Descartes foi máis alá do filosófico e comezaron unha relación amorosa da que naceu unha nena, chamada Francine, moi querida polos seus pais. A pequena Francine morreu aos cinco anos de idade e deixou un baleiro enorme, imposible de encher de novo, nin para Hélène nin para Descartes.
Elas, das que tanto se fala Tras abdicar, Christina fixo unha parada en Ámsterdam para visitar o antigo amor de René Descartes, Hélène. A que foi raíña dunha potencia europea e unha das nacións máis avanzadas da época encontrábase na casa dunha meiga para darlle uns papeis que lle pertencían. Estiveron falando e rindo durante horas, chorando ás veces e recordando o que sentiron polo filósofo e o que significou para as súas vidas. Tralo encontro, Christina marchou e viaxou por toda Europa e mantivo o contacto con Hélène por carta. Nelas, tentábaa convencer para retomar o seu traballo e construír unha lingua universal coa que todas as nacións puideran entenderse. Hélène repetía que non quería facer iso senón ser ela mesma e axudar ás mulleres que o necesitaran coas súas receitas e herbas.
Einés Andrade Esta rapaza procede dunha casa na que vivían mulleres nada máis, a súa nai, as súas tías e a bisavoa. Non sabe nada do seu pai xa que ela naceu froito dunha violación por parte dun home que crían que era un funcionario. A súa tía dedicábase a cociñar doces e Livia, a súa nai, foi expulsada da Sección Femenina. A bisavoa marchou a principios do século XX para Cuba onde coñeceu o seu marido co que tivo catro fillos, dous homes e dúas mulleres. Cando volveu a Galiza, integrouse na loita obreira e tivo que esconderse cando estalou a Guerra civil española. Deixou a súa filla pequena coa súa outra filla. A nena morreu e os seus fillos tamén. A primeira dunha enfermidade e os fillos combatendo. Trala guerra viviu coa única filla que lle quedaba. Einés ten vinte e sete anos e está a facer a súa tese de doutoramento e mantén correspondencia habitualmente co seu titor. A tese trata de Descartes e as súas ideas, mais ela considera moito máis interesante a información que se poida extraer das mulleres que formaron parte da vida do filósofo, tanto Hélène como Christina de Suecia, aínda que o profesor que dirixe a súa tese non o vexa moi claro.
Estilo A obra está constituída en forma de “mosaico” a base de cartas, receitarios e diarios cos que a autora vai construíndo a novela. +Estilos utilizadosReceitas14Cancións2Fragmentos de ensaio6Cartas17Esconxuros3Diarios (poesía)11Diarios (prosa)5Artigos1
Temática Nunha entrevista en xuño de 2010, Teresa afirma:
O que pretende a autora é facer protagonistas ás mulleres e non a Descartes, aínda que a relación entre as tres sexa o filósofo. De feito, na novela, o nome de Descartes non aparece até case as cen páxinas.
Premios Premio Xerais de Novela 2005 Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2005 Premio Irmandade do Libro á autora do ano 2005 Premio Benito Soto á mellor novela do ano 2005 Premio da Crítica de narrativa galega, 2005
Traducións
Foi traducida ao castelán en 2006 pola propia autora e publicada en Random House Mondadori, Lumen co título de Hierba mora. En 2021 publicouse unha nova tradución en Hoja de Lata, Col. Sensibles a las Letras. Ao catalán en 2006 por Pere Comellas Casanova e publicada en La Campana Editorial co título de Herba d'enamorar. Ao portugués en 2007 por Jorge Fallorca e publicada por Editorial Difel co título de Erva-do-diabo. Ao neerlandés en 2008 por Dorothea ter Horst e publicada por Signatuur co título de Nachtschade. Ao italiano en 2008 por Roberta Bovaia e publicada por Corbaccio co título de Le tre donne di Cartesio. Ao serbio en 2008 por Danijela Pejcic e publicada por Ed. Mono i manjana co título de Trava za zaljubljivanje. Ao inglés en 2018 por Philip Krummrich e publicada por Small Stations Press co título de Black Nightshade.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Teresa Moure (2005). Herba Moura. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-9782-347-0.
Ligazóns externas Ficha do libro na páxina web de Edicións Xerais de Galicia. Vilavedra, Dolores (2005) "Herba moura, de Teresa Moure" Lectora: revista de dones i textualitat. Núm. 11. pp. 331-333 . "Teresa Moure publica en castellano y catalán 'Herba moura', éxito de las letras gallegas" Europa Press, 17/9/2006
Categoría:Obras literarias de 2005 Categoría:Novelas en galego Categoría:Obras gañadoras do Premio Xerais Categoría:Teresa Moure