Un gambito é unha apertura de xadrez na cal se sacrifica material (normalmente un peón) para conseguir unha vantaxe. Un gambito xogado en resposta a outro gambito a miúdo chámase contragambito.

Hai tres métodos xerais no que un gambito pode axudar a unha posición:

Ganancia de tempo: o xogador que acepta o gambito ten que gastar tempo para aceptar o material e posiblemente debe usar un tempo máis para reorganizar as súas pezas despois de que o material foi gañado.

Xeración de actividade diferencial: a miúdo, un xogador que acepta un gambito descentralizará as súas pezas ou peóns e o xogador que realiza o gambito colocará as súas pezas en casas que doutra maneira serían inaccesibles. Ademais, os alfís e as torres poden chegar a ser máis activos simplemente porque a perda de peóns a miúdo proporciona máis columnas e diagonais abertas. O campión do mundo Mikhaíl Tal, un dos xogadores de ataque máis extraordinarios da historia, unha vez dixo que sacrificara un peón só porque "estaba no seu camiño".

Xeración de debilidades posicionais: finalmente, ao aceptar un gambito pódese chegar a unha estrutura de peóns comprometida, buracos ou outras deficiencias posicionais.

No xadrez moderno, a resposta típica a un gambito moderadamente coñecido é aceptar o material e logo devolvelo no momento apropiado. Para gambitos que son menos coñecidos, o xogador que os acepta ten máis posibilidades de quedar co material extra. Por regra xeral a miúdo atopada en varios principios de xadrez, suxírese que un xogador debería gañar tres tempos (movementos) por un peón sacrificado, pero non está claro o útil que é esta máxima xa que os "movementos libres" son parte da compensación, non son case a totalidade do que se gaña cun gambito. A miúdo, un gambito pódese declinar sen desvantaxe.

Un bo exemplo é o gambito danés: 1.e4 e5 2.d4 exd4 3.c3 dxc3 (3...d5 sería unha forma de refutar o gambito) 4.Ac4 cxb2 5.Axb2. O branco sacrificou dous peóns, pero os seus alfís están moi ben desenvolvidos, mirando ao flanco de rei do opoñente. Un gambito moi dubidoso é o chamado Gambito Halloween: 1.e4 e5 2.Cf3 Cc6 3.Cc3 Cf6 4.Cxe5?! Cxe5 5.d4. Aquí o investimento é moi grande para a vantaxe moderada de ter un forte centro.

A palabra "gambito" foi orixinalmente aplicada para aperturas de xadrez en 1561 polo sacerdote español Ruy López de Segura, a partir da expresión italiana dare il gambetto (pór unha trampa), e esta á súa vez de gamba (perna), e do verbo gambettare (facer cambadela). López estudou esta manobra, e así a palabra italiana converteuse na forma española gambito que conduciu ao francés gambit, a cal influíu á palabra inglesa.

Algúns gambitos

Gambito de rei: 1.e4 e5 2.f4 Gambito de dama: 1.d4 d5 2.c4. Este é o "gambito" máis xogado, pero tecnicamente non é un gambito xa que o branco pode garantir a recuperación do seu peón (simplemente mediante 2. ..dxc4 3. Dá4+, pero normalmente mediante liñas máis sutís). Gambito Evans: 1.e4 e5 2.Cf3 Cc6 3.Ac4 Ac5 4.b4 Gambito Rousseau: 1.e4 e5 2.Cf3 Cc6 3.Ac4 f5 Gambito Morra: 1.e4 c5 2.d4 tentando 2. ..cxd4 3.c3 dxc3 4.Cxc3 Defensa dos dous cabalos Ataque Fegatello: 1.e4 e5 2.Cf3 Cc6 3.Ac4 Cf6 4.Cg5 d5 con 5.exd5 Ca5 6.Ab5+ c6 7.dxc6 bxc6 como continuación prometedora. Gambito Blackmark-Diemer: 1.d4 d5 2.e4 dxe4 3.Cc3 seguido por 4.f3 Gambito From: 1.f4 e5 Gambito Staunton: 1.d4 f5 2.e4 Gambito Budapest: 1.d4 Cf6 2.c4 e5 Gambito escocés: 1.e4 e5 2.Cf3 Cc6 3.d4 exd4 4.Ac4 Gambito letón: 1.e4 e5 2.Cf3 f5 Gambito elefante: 1.e4 e5 2.Cf3 d5!? Gambito Englund: 1.d4 e5?! Gambito italiano: 1. e4 e5 2. Cf3 Cc6 3. Ac4 Ac5 4. d4 Contragambito Albin 1. d4 d5 2. c4 e5 Gambito danés: 1.e4 e5 2.d4 exd4 3.c3 Contragambito Volga: 1.d4 Cf6 2.c4 c5 3.d5 b5 Gambito Halloween: 1.e4 e5 2.Cf3 Cc6 3.Cc3 Cf6 4.Cxe5

Notas

Véxase tamén Outros artigos Xadrez

Ligazóns externas Guía de gambitos de xadrez (Parte 1) Guía de gambitos de xadrez (Parte 2) Emil Diemer (1908-1990) e os gambitos O gambito letón O gambito Humphrey Bogart O gambito Fajarowicz O gambito Boden David Gedult (1897-1981) e os gambitos

Categoría:Termos de xadrez Categoría:Aperturas de xadrez