Jordi Cuixart i Navarro, nado en Santa Perpètua de Mogoda (Barcelona) o 22 de abril de 1975, é un activista político e empresario catalán, presidente de Òmnium Cultural dende decembro de 2015 até o 26 de febreiro de 2022. No xuízo aos líderes do proceso independentista catalán foi condenado polo Tribunal Supremo de España, en outubro de 2019, a 9 anos de cadea e de inhabilitación polo delito de sedición, sendo indultado en 2021 polo goberno español.
Traxectoria Nado en Santa Perpètua de Mogoda en 1975, fillo dunha carniceira murciana e dun mecánico catalán, é o pequeno de tres fillos. Alí viviu até os 30 anos. Entrou en contacto co catalanismo dende pequeno, en parte grazas ás visitas á librería que o seu tío tiña en Santa Perpètua e ás tertulias que este organizaba en casa. Durante a súa mocidade foi monitor de tempo libre e participou en diversas actividades de activismo pola lingua catalá. De adolescente, estudou formación profesional de mecánica no Instituto Escola Industrial de Sabadell.
Etapa empresarial Cuixart comezou a traballar con 16 anos varrendo un taller, nunha fábrica de materiais de embalaxe e finalmente comezou a colaborar no proceso de deseño de maquinaria con Autocad. Aprendeu inglés e francés de maneira autodidacta. Posteriormente, converteuse en comercial doutra empresa do sector. Opúxose a facer o servizo militar obrigatorio e en 1996 fíxose socio de Òmnium Cultural, de Amnistía Internacional e das escolas Bressoles.
Con 26 anos, converteuse en xerente doutra empresa do sector, e dous anos despois solicitou ser accionista. Ao non ser aceptada a súa proposta, decidiu crear a súa propia empresa. No ano 2003, fundou Aranow, empresa de maquinaria para fabricar embalaxe flexible, da cal é o presidente. Dende esta empresa entrou en contacto co "Centre Metal·lúrgic" e posteriormente converteuse en patrón fundador da fundación privada de empresarios FemCAT.
Òmnium Cultural De FemCAT, en 2010 fixo o salto á xunta de Òmnium Cultural, onde accedeu a ocupar o cargo de tesoureiro e posteriormente de vicepresidente na xunta de Muriel Casals. Un dos obxectivos deste equipo era levar a cabo novos proxectos de cohesión social e chegar aos 50.000 socios. Durante a súa etapa como tesoureiro, Òmnium renunciou ás subencións da Generalitat de Cataluña.
En 2015, cando Muriel Casals deixou a presidencia para incorporarse á candidatura de Junts pel Sí, Quim Torra asumiu temporalmente a presidencia de forma interina, até que se convocaron novas eleccións. Jordi Cuixart encabezou entón a candidatura única "Òmnium: compromís amb el demà", coa cal recibiu un amplo apoio dos socios da organización, cun total de 5.450 votos sobre un total de 5.719. Foi nomeado presidente de Òmnium Cultural o 19 de decembro de 2015. A súa xunta estaba formada por Marina Llansana (vicepresidencia primeira), Joan Vallvé (vicepresidencia segunda), Jordi Bosch (secretaría) e Eulàlia Solé, Elena Jiménez, Sergi Rovira, Montserrat Gimeno, Ismael Peña-López, Jordi Ferré e David Basora como voceiros, que xa formaban parte da anterior xunta, e incoporáronse: Lluís Duran, Marina Gay, Carme Laura-Gil, Roser Sebastià, Clàudia Pujol, Marta Garsaball, Blanca de Llobet e Òscar Gimeno. O seu programa como presidente centrouse en ampliar a maioría social soberanista, mantendo un programa onde a lingua e a cultura catalás vertebrasen a cohesión social. Dende Òmnium impulsou, entre outras, a campaña Lluites compartides, coa que quería reconstruír a memoria histórica compartida dos procesos de mobilización social que, en diferentes eidos e momentos do tempo, foron decisivos para conformar o que hoxe é Cataluña. Tamén se converteu nunha das facianas máis visibles do movemento independentista catalán, chamando á participación no referendo do 1 de outubro de 2017.
Coincidindo co seu encarceramento, Òmnium Cultural aumentou a masa social até os 190 000 socios.
O 14 de xaneiro de 2022, anunciou que non se presentaría á reelección para a presidencia de Òmnium Cultural. O día 26 de febreiro de 2022 foi relevado na presidencia de Òmnium por Xavier Antich, escollido polos socios como novo presidente da entidade.
Prisión preventiva En setembro de 2017, Cuixart foi acusado de sedición polo Ministerio Fiscal de España, como consecuencia das concentracións de protesta no transcurso da Operación Anubis. Segundo a interlocutoria, a Fiscalía acusouno a el e a Jordi Sànchez, como representantes de Òmnium Cultural e da Assemblea Nacional Catalana respectivamente, de organizar convocatorias para "protexer" os seus gobernantes e para "deter a Gardia Civil", diante das consellerías de Economía, de Exteriores, Gobernación, e diante da sede do PSC e da CUP, así como doutros operativos en Bigues i Riells del Fai, en Sabadell e en Les Franqueses del Vallès. A interlocutoria destacou especialmente o seu rol durante a concentración diante de Economía, mencionando estragos en dous coches da Garda Civil e como os voluntarios destas organizacións impediron a actuación policial.
Por estes motivos, Carmen Lamela, maxistrada do Xulgado Central de Instrución número 3, decretou prisión preventiva sen fianza o 16 de outubro do mesmo ano. A interlocutoria argumentaba a prisión preventiva para evitar o risco de fuga, de reiteración delictiva e de obstrución da xustiza penal. A interlocutoria foi duramente criticada e diversos medios publicaron probas que contradicen partes do texto da decisión xudicial.Pozas, Alberto «El juez del Supremo llama a declarar como imputada a Carme Forcadell y el resto de la Mesa del Parlament este jueves y viernes» (en es-es). , 31-10-2017 [Consulta: 13 de novembro de 2017]. Marcel Mauri, vicepresidente de Òmnium, asumiu as súas funcións na organización.
O mesmo Presidente da Generalitat de Cataluña, entre outras personalidades, así como asociacións integrantes da Taula per la Democràcia e a Alianza Libre Europea consideraron que tanto Cuixart como Jordi Sànchez son presos políticos. Amnistía Internacional pediu a posta en liberdade inmediata.
Dende o seu encarceramento, realizáronse centenares de actos de apoio en toda Cataluña. O 19 de outubro, organizouse unha concentración con candeas na Avinguda Diagonal de Barcelona pedindo a súa liberación, onde asistiron 200.000 persoas segundo a Guàrdia Urbana. Poucos días despois, o sábado 21, organizouse unha nova manifestación, desta volta no Passeig de Gràcia, onde segundo a Guàrdia Urbana se xuntaron máis de 450.000 persoas pedindo a súa liberdade e a de Jordi Sànchez. O sábado 11 de novembro de 2017 organizouse unha nova manifestación á que asistiron 750 000 persoas, segundo a Guàrdia Urbana. Esta manifestación pola liberdade dos presos políticos. Dende entón realizáronse ducias de actos en todo o territorio catalán pedindo a liberdade do conxunto de presos políticos relacionados co proceso independentista catalán. O 24 de novembro de 2017, o xuíz Pablo Llarena ditou un acto polo cal, despois de solicitar informa da xuíza Lamela, acumulaba a instrución contra os principais líderes independentistas, incluíndo Jordi Sànchez e Jordi Cuixart.Pérez, Reyes Rincón, Fernando J. «La juez Lamela facilita la posible excarcelación de los ‘exconsellers'» (en es). , 22-11-2017 [Consulta: 24 de novembro de 2017].Rincón, Reyes «El Supremo acumula todas las causas contra el independentismo por rebelión» (en es). , 24-11-2017 [Consulta: 24 de novembro de 2017].Rincón, Reyes «Junqueras, Forn y ‘los Jordis' seguirán en prisión provisional sin fianza» (en es). , 4 diciembre 2017 [Consulta: 4 de decembro de 2017].
Meses despois, en xullo de 2018, foi trasladado da Prisión de Soto del Real ao Centro Penitenciario Lledoners. Dende entón realizáronse diversas concentracións ás portas do centro para apoiar a Cuixart e ao resto de persoas en prisión preventiva.
No cárcere, comezou a practicar cerámica, ioga e meditación. O 16 de xuño de 2018, foi reelixido presidente de Òmnium. Recibiu 28 151 votos dos 28 183 sufraxios emitidos na asemblea da entidade. En agosto do mesmo ano, foi nomeado presidente da Federación Llull, entidade integrada por Òmnium Cultural, Acció Cultural del País Valencià e Obra Cultural Balear.
En novembro de 2018, a Organización Mundial Contra a Tortura reclamou que fose liberado.
Dende o cárcere escribiu o libro "Ho tornarem a fer", sobre a loita non violenta como instrumento de defensa dos Dereitos Humanos, "Aprenentatges i una proposta", sobre as adrendizaxes que sacou dos últimos anos, e xunto coa xornalista Gemma Nierga, "Tres dies a la presó: Un diàleg sense murs", onde falou sobre como viviu o encarceramento. Tamén traballou nos libros infantís “Un bosc ple d’amor” e “El polsim màgic”. No cárcere recibiu visitas de activistas como Nora Morales de Cortiñas, Can Dündar, Ai Weiwei, Jody Williams ou Adolfo Pérez Esquivel.
Front Line Defenders recoñeceu oficialmente a Cuixart como defensor dos dereitos humanos. O seu caso foi denunciado perante o Consello de Europa e a Plataforma de Dublín, o encontro dos defensores de dereitos humanos máis importante do mundo. O 29 de maio de 2019, o Grupo de Traballo sobre a Detención Arbitraria das Nacións Unidas reclamou a súa liberdade immediata. En marzo de 2021, un informe da relatora xeral de dereitos humanos do Consello de Europa sinalou o encarceramento de Jordi Cuixart como un caso de "represalia e intimidación" contra os defensores dos dereitos humanos en Europa.
Xuízo e condena miniatura|Cuixart, durante un terceiro grao penitenciario o 30 de xaneiro de 2021. O 1 de febreiro de 2019, foi trasladado á prisión madrileña de Soto del Real nun autocar da Garda Civil para asistir ao seu xuízo, que comezou o 12 de febreiro de 2019. En diversas entrevistas, Cuixart declarou que usaría o xuízo para acusar o Estado, argumentando "que o Estado decidiu usar a xustiza penal para desactivar os seus adversarios, neste caso os independentistas". Durante a declaración no xuízo dixo que a súa prioridade non era saír do cárcere senón denunciar o ataque ás liberdades e defender o dereito á autodeterminación e dixo que todo o que fixera volveríao facer.
O xuízo acabou o 14 de outubro de 2019 cunha sentenza que impoñía penas á maioría dos procesados, e a Cuixart, 9 anos de prisión e de inhabilitación por sedición. O 14 de novembro de 2019, Amnistía Internacional denunciou que a sentenza criminalizaba o dereito a protesta e volveu pedir a súa liberdade.
A partir de febreiro de 2020, comezou a accedir a permisos penitenciarios. En virtude do artigo 100.2 do regulamento penitenciario, puido saír para ir a traballar á fábrica da súa empresa Aranow en Sentmenat durante o día, mais volvendo ao cárcere para durmir. O 17 de xullo de 2020, as prisións concederon o terceiro grao penitenciario aos condenados, e ao cabo de once días, o xulgado de vixilancia penitenciaria suspendenuno. Medio ano máis tarde, en xaneiro de 2021, volveu a condecelo e o xuíz volveu a suspendelo.
En xaneiro de 2021, 50 defensores dos dereitos humanos como Yoko Ono, Irvine Welsh ou Dilma Rousseff, e premios Nobel da paz como Shirin Ebadi, Adolfo Pérez Esquivel, Jody Williams, Mairead Corrigan ou Elfriede Jelinek asinaron o manifesto Dialogue for Catalonia, que pide diálogo entre Cataluña e España e o fin da represión para avanzar na resolución política do conflito.
O 8 de xuño de 2021, o Tribunal Constitucional rexeitou o recurso de protección de Jordi Cuixart, e esgotou a vía interna para recorrer a sentenza do Tribunal Supremo. O 9 de xuño de 2021, Jordi Cuixart presentou un recurso en catalán ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) contra a sentenza do Tribunal Supremo. O 20 de decembro, o TEDH comunicoulle que recibiu o recurso.