Aleksandr Nikolaevich Evreinov (en ), nado en San Petersburgo o 8 de marzo de 1877 e finado en Roma o 20 de agosto de 1959, foi un converso da ortodoxia ao catolicismo, diplomático e bispo da Igrexa católica bizantina rusa.
Traxectoria Primeiros anos Naceu nunha familia nobre de San Petersburgo o 8 de marzo de 1877, fillo do tenente-xeneral Nikolai Danilovich Evreinov. En 1897 graduouse polo Liceo de Tsarskoe Selo, e serviu no corpo diplomático imperial. O seu primeiro posto foi o de secretario da embaixada de Rusia en Constantinopla, entre 1900 e 1906, e durante a súa estadía en Constantinopla se converteu ao catolicismo. Posteriormente foi segundo secretario da embaixada en Roma, até 1909, cando decidiu entrar no seminario. Estudou no Pontificio Colexio Grego de Santo Atanasio, e o 7 de decembro de 1913 foi ordenado sacerdote por Lazar Mladenov. Entre 1916 e 1921 traballou na nunciatura apostólica de París, como secretario do nuncio Bonaventura Cerretti. Polo seu traballo a prol das relacións entre a Santa Sé e Francia, recibiu o título de protonotario apostólico, e foi condecorado coa Orde da Lexión de Honor.
Ministerio en París e entre a diáspora rusa En 1925 Evreinov celebrou a primeira liturxia en París segundo a tradición litúrxica rusa, na cripta da igrexa da Madalena, o que marcou o comezo da creación da parroquia grecocatólica rusa dedicada á Santa Trindade. Os sacerdotes Vladimir Abrikosov e Dmitrii Kuzmin-Karavaev tamén estiveron asociados a esta comunidade, formada por membros da diáspora rusa. En 1927 a parroquia obtivo as súas propias instalacións, que foron consagradas por Pranciškus Būčys.
En 1928 Evreinov foi elevado ao rango de arquimandrita, e en 1930 fundou e editou o xornal «Благовест» (Blagovest). En 1932, por iniciativa de Evreinov, a parroquia formou a Irmandade do Prelado e Obrador de Milagres Nicolao, con reunións os terceiros domingos do mes para facer lecturas e oracións especiais, así como a Irmandade de Oración pola Unidade da Igrexa, que continuou a tradición moscovita de reunions conxuntas entre ortodoxos e católicos dedicadas á unidade da Igrexa, estabelecidas por Tikhon Bellavin e Leonid Fedorov.
O 17 de marzo de 1933, na igrexa de San Sulpicio, Evreinov asistiu a Mykolai Charnetskyi na celebración da divina liturxia, xunto ao profesor do Instituto Católico de París Georgii Tsebrikov. A partir de 1934 a parroquia trasladouse á súa localización actual. Logo de Evreinov, o párroco pasou a ser o dominicano Christophe Dumont.
Episcopado Foi chamado a Roma para formar parte da Congregación para as Igrexas Orientais, e nomeado bispo ordenante para o rito bizantino na cidade. O 6 de decembro de 1936 Evreinov foi consagrado bispo titular de Pionia. A consagración tivo lugar na igrexa de Santo Antón Abade no Esquilino a carón do Russicum, de mans de Mykolai Charnetskyi, e tivo como co-consagrantes principais ao arcebispo de Beirut e Xibail Maksimus Sair e ao bispo de Lungro Giovanni Mele.
Con ocasión do 950º aniversario da cristianización da Rus de Kíiv, o 21 de maio de 1938 Evreinov celebrou na basílica de San Pedro xunto con outros eclesiásticos da Igrexa católica bizantina ucraína como Yosyf Slipyi e o abade Klymenty Sheptytskyi, futuro exarca de Rusia. Estaban tamén presentes os sacerdotes Cyrille Korolevskij e Viktor Novikov, futuro exarca de Siberia. O 19 de marzo de 1947 foi elevado ao rango de arcebispo, co título de Parium.
Evreinov ordenou sacerdotes a moitos representantes do apostolado ruso, como Andrei Katkov, Karol Kozine, Andrei Sterpin, Teodor Romzha e outros. Durante a segunda guerra mundial dirixiu o Comité Pontificio para a Axuda aos Prisioneiros de Guerra, e entre 1947 e 1959 dirixiu a División da Prensa Estranxeira da Secretaría de Estado da Santa Sé. En Roma continuou a ter contacto coa emigración rusa. O 5 de xuño de 1952 o arcebispo consagrou un novo altar, doado polos greco-católicos eslovacos do Canadá e dos Estados Unidos de América, na basílica de San Clemente, na capela onde está a tumba de san Cirilo.
O arcebispo viviu en Roma no Pontificio Colexio Ruso. Finou o 20 de agosto de 1959, e foi enterrado no mosteiro greco-católico de Grottaferrata segundo o seu desexo.
Notas
Categoría:Nados en 1877 Categoría:Nados en San Petersburgo Categoría:Alumnos do Pontificio Colexio Grego Categoría:Arcebispos católicos de Francia Categoría:Arcebispos católicos de Italia Categoría:Bispos católicos de Rusia Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Bispos da Igrexa católica bizantina rusa Categoría:Finados en 1959 Categoría:Membros da Congregación para as Igrexas Orientais