Bermudo Ovéquiz (ás veces escrito Ovéquez e mesmo Ováquiz), fl. 1044-1092, foi un membro da alta nobreza galega e asturleonesa que viviu no século XI, fillo primoxénito do conde galego Oveco Bermúdez e da súa esposa Elvira Suárez. Os seus avós paternos foron o conde Bermudo Vela —descendente do conde Bermudo Núñez— e Elvira Pinióliz. Elvira Suárez, súa nai, era neta do conde rebelde Rodrigo Romániz, sobriño do conde Suero Gundemáriz, e descendente do conde Osorio Gutiérrez. Os seus irmáns eran Rodrigo Ovéquiz e Vela Ovéquiz.
Traxectoria
A súa vida desenvolveuse principalmente en Asturias onde probabelmente herdara bens da súa avoa Elvira Pinióliz. A primeira vez que se rexistra a súa presenza na documentación foi en 1044 e en 1053 aparece confirmando unha doazón do rei Fernando I ó mosteiro de San Pelayo en Oviedo. En 1075, el e o seu irmán Vela Ovéquiz preitearon contra a Catedral de Oviedo polo mosteiro de Tol con resultado desfavorábel. Este mosteiro fora doado anteriormente por Gontrodo Gundemáriz, filla do conde Gundemaro Pinióliz, á catedral. No preito tamén estiveron involucrados os seus parentes Fernando Díaz e a súa irmá Ximena, a esposa de Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid. Aínda que non chegou a ostentar a dignidade condal, en 1087 actuou como xuíz nun preito entre o abade do mosteiro de Lourenzá e o bispo de Mondoñedo.
Matrimonio e descendencia
Contraeu matrimonio con Ximena Peláez, filla do conde Pelayo Froilaz o Diácono e a condesa Aldonza Ordóñez, filla dos infantes Ordoño Ramírez o Cego e Cristina Bermúdez. Foron os pais de: Suero Bermúdez (fl. 1086-12 de agosto de 1138), conde e un poderoso membro da aristocracia asturiana e galega da súa época, foi un fiel servidor primeiro de Raimundo de Borgoña, conde de Galiza, e despois dos reis Afonso VI, Orraca e Afonso VII o Emperador. El e a súa esposa Enderquina Gutiérrez dotaron o mosteiro de Cornellana que fora fundado pola súa bisavoa a infanta Cristina Bermúdez e entregárono á Orde de Cluny. Non deixou descendencia e a meirande parte das súas propiedades pasaron ó citado mosteiro. Afonso Bermúdez (fl. 1092-1129), a diferenza dos seus irmáns, non chegou a ostentar a dignidad condal nin a ocupar cargos políticos de relevancia. A súa esposa foi Urraca Raimúndez, posibelmente filla do infante Raimundo de Pamplona, chamado «o Fratricida» por ser o responsábel da morte do seu irmán o rei Sancho Garcés IV de Pamplona, «o de Peñalén». Foron pais de Pedro Alfonso, personaxe de máxima relevancia na Asturias medieval, e de Gonzalo, Gutierre, María, Ildonza e Teresa Alfonso. Gutierre Bermúdez (fl. 1086-1130), conde, esposo de Toda Pérez de Trava e pai do conde Vela Gutiérrez. Urraca Bermúdez (m. 1132/1133), a esposa do conde Gonzalo Ansúrez, irmán do célebre conde Pedro Ansúrez, pais de, entre outros, Sancha González, a esposa de Fernán Pérez de Traba, conde de Galiza. En 1128, o rei Afonso VII dooulle a herdade de San Vicente nas Asturias de Santillana. Ximena Bermúdez, esposa de Pelayo Muñoz, pais de Velasquita Peláez casada con Munio Doniz.
Tamén puideron ser os pais de Sebastián Bermúdez, quen aparece na documentación galega aínda que non consta a súa presenza nas transaccións efectuadas polos seus irmáns.
Notas
Referencias
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Finados en ano descoñecido Categoría:Nados no século XI Categoría:Finados no século XI Categoría:Século XI en Galicia